Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Martes, 5 de outubro de 2021 Páx. 48603

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión e implantación do proxecto das obras de restauración-mellora da envolvente térmica e distribución interior dos espazos no edificio da praza de Mazarelos, número 15 (Santiago de Compostela), así como a elaboración dos informes técnicos correspondentes na fase de adxudicación e a dirección de execución do contrato da obra relativa ao referido proxecto.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión e implantación do proxecto das obras de restauración-mellora da envolvente térmica e distribución interior dos espazos no edificio da praza de Mazarelos, núm. 15 (Santiago de Compostela), así como a elaboración dos informes técnicos correspondentes na fase de adxudicación e a dirección de execución do contrato de obra relativa ao referido proxecto, que ten as seguintes características:

• Obxecto: a elaboración, de acordo co establecido no artigo 235 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, do informe de supervisión do referido proxecto.

• A realización, de acordo co establecido no artigo 236 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, da acta de implantación do referido proxecto.

• A elaboración dos informes de carácter técnico que en relación co procedemento de adxudicación deste contrato de obras solicite o órgano encomendante.

• A execución das obras de restauración-mellora da envolvente térmica e distribución interior dos espazos no edificio da praza de Mazarelos, núm. 15 (Santiago de Compostela), realizando as actuacións materiais e técnicas que sexan necesarias para a dirección facultativa da obra en cuestión, de xeito tal que se garanta a súa correcta execución, incluída a comprobación da implantación.

Os ditos documentos serán emitidos por persoal técnico cualificado da AXI.

• Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao seren a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

• Prazo de vixencia: a presente encomenda estenderase desde o día seguinte ao da súa aprobación ata o 31 de decembro de 2022.

• Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

• Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que preste en desenvolvemento desta.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de de Infraestruturas e Mobilidade