Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Xoves, 30 de setembro de 2021 Páx. 47818

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021 (código de procedemento IG402A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 17 de febreiro de 2021 acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona COVID-19) e convocar para o ano 2021 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG402A).

A presente convocatoria poderá ser susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de novembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. O crédito dispoñible para concesións nesta convocatoria aboarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes:

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

06.A1-741A-7700 (proxecto 2021 00009)

2.500.000 €

500.000 €

06.A1-741A-7810 (proxecto 2021 00009)

500.000 €

100.000 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo da declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento:

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 2 meses desde a data de presentación de solicitude de axuda. Transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

Tanto o prazo para executar o proxecto como o prazo para presentar a xustificación de execución rematarán na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poidan exceder o 30.6.2022.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (programa Re-acciona COVID-19), susceptible de ser financiada no marco
do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020,
como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19

O Igape, no cumprimento das súas funcións, desempeña un papel esencial no desenvolvemento de programas e iniciativas que contribúen a acadar os obxectivos económicos estratéxicos da comunidade galega. Os programas de acceso a servizos empresariais para as peme, e en particular o programa Re-acciona, teñen neste sentido unha importante función na achega de coñecemento externo, metodoloxías e ferramentas para promover o cambio. Neles facilítase a superación de obstáculos como o custo dos servizo, incerteza dos resultados obtidos, ou dificultade de seleccionar prestadores de servizos axeitados.

A situación de crise sanitaria ocasionada polo virus COVID-19 obrigou á adopción dunha serie de medidas en canto á mobilidade de persoas e ao exercicio de actividades sociais e económicas para conter o avance da epidemia, protexer as persoas do risco de contaxio e garantir na medida do posible a continuidade da actividade económica e conseguintemente a protección do emprego. Estas medidas tiveron un forte impacto nas economía e nas empresas, especialmente as peme, que tiveron que dedicar unha importante cantidade de recursos a superar a crise COVID-19.

Neste contexto, o Igape considera necesario ofrecer ás peme afectadas un programa específico no que ofrecer novas direccións e obxectivos coa vista posta nas oportunidades desta conxuntura. Un programa que permita reforzar a posición de partida das empresas, darlles indicacións para abordar novos mercados e integrarse na economía circular que caracterizará o novo contexto económico.

Neste tipo de programas é crucial a colaboración da Administración coas entidades prestadoras de servizos para asegurar a calidade da prestación, definir con precisión o alcance do asesoramento e facilitar a difusión. Para este efecto, o Igape realizou, en réxime de concorrencia competitiva, a selección das entidades en cada un dos eidos nos que se desenvolverá o programa. As entidades colaboradoras –que son empresas de servizos profesionais– realizarán ante o Igape os trámites para solicitar a axuda, prestarán os servizos e encargaranse da xustificación. Este modo de funcionamento significa, de feito, que o solicitante non deberá aboar o servizo e esperar a que a Administración pague a axuda, senón que xa evita desembolsar a axuda desde un primeiro momento.

Co fin de dar acceso ás axudas á totalidade das empresas galegas, as presentes bases ampáranse no regulamento xeral de minimis, así como os regulamentos específicos de minimis para os sectores da pesca e acuicultura e para o sector agrícola.

Segundo o establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, exclúese o réxime de concorrencia competitiva no procedemento de concesión das axudas. As subvencións outorgaranse a aqueles solicitantes que cumpran os requisitos establecidos nestas bases ata o esgotamento dos créditos habilitados o que, de ser o caso, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Xustifícase a excepcionalidade por canto nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial que para a economía galega ten que a maior cantidade posible de empresas accedan servizos nos que poidan fortalecerse cara ao novo contexto económico. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que as actuacións subvencionables poidan ser atendidas en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Artigo 1. Proxectos obxecto de apoio

1. Estas bases teñen como obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas destinadas a facilitar a execución dun conxunto de servizos profesionais por parte de entidades colaboradoras previamente seleccionadas mediante Resolución do 25 de agosto de 2021, DOG nº 169, do 2 de setembro.

2. Os servizos para os que se poderá conceder axuda son os seguintes:

a) Reestruturación financeira e adecuación de estados financeiros tras o impacto da COVID-19 e os novos modelos de negocio.

b) Preparación para a transmisión ou adquisición de unidades produtivas.

c) Elaboración, adaptación e implementación de plans estratéxicos de internacionalización da empresa ou sector ao novo escenario internacional.

d) Análise de mercados internacionais concretos en relación á nova situación motivada pola emerxencia sanitaria COVID-19 e as necesidades específicas do solicitante de cara á apertura ou permanencia no dito mercado.

e) Consultaría relacionada coa implementación de metodoloxías de traballo e procesos acordes aos principios da economía circular.

O Igape ten publicado na súa páxina http://reacciona.igape.es/reacciona-covid19 a relación actualizada en todo momento das entidades colaboradoras e os servizos que presta cada unha delas, detallando as condicións destes.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. Estas axudas ampáranse no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014) e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

4. Esta convocatoria é susceptible de ser financiada ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19. Está sometida ás obrigas de información e difusión establecidas na regulamentación da UE, en particular ás establecidas no anexo XII, punto 2.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013 (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013) (en diante, Regulamento (UE) nº 1303/2013).

5. Os indicadores do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade C001-Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade CO04-Número de empresas que reciben axuda non financeira.

– Indicador de produtividade CO05-Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

– Indicador de resultado R030a-Taxa de supervivencia nacional/rexional de pemes no cuarto ano de vida.

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas ás mesmas actuacións.

2. Antes de conceder e pagar a axuda, deberá constar no expediente unha declaración negativa sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención. Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei, as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

3. Ademais, deberán cumprir as seguintes condicións:

a) Que desenvolvan a súa actividade en Galicia, cando menos nun centro de traballo.

b) Que, tendo a condición de peme segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, conten cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

c) Que a súa facturación no exercicio 2020 sexa inferior á facturación do exercicio anterior 2019, polo menos, nun 10 %.

4. Mediante a presentación da solicitude os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será, así mesmo, a encargada de informar puntualmente o interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas desta, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 14.

5. As entidades colaboradoras do programa non poderán ser beneficiarias das axudas para o tipo servizo que prestan nin para ningún outro dos que formen parte do programa Re-acciona COVID-19.

Artigo 5. Conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os gastos de prestación dos servizos enumerados no artigo 1.2, prestados polas entidades colaboradoras seleccionadas para cada servizo, realizados entre a data de solicitude e a data límite de execución establecida na resolución de convocatoria das axudas, que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables do programa operativo do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

2. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

Artigo 6. Condicións dos proxectos

1. Os servizos serán prestados pola entidade colaboradora que elixa o solicitante, de entre as seleccionadas para cada tipo de servizo. A execución axustarase ás condicións mínimas establecidas na «oferta de servizo» presentada no Igape para a selección da entidade colaboradora, que será publicada na páxina web do Igape, e constará, polo menos, das tres fases seguintes:

a) Formación e sensibilización.

b) Análise da empresa e elaboración dun informe de situación e plan de traballo concreto.

c) Execución do plan de traballo.

2. A entidade colaboradora será, así mesmo, responsable de:

a) Avaliar, de xeito previo á solicitude, os requisitos dos solicitantes da axuda e da viabilidade e eficacia da execución do servizo.

b) Realizar ante o Igape os trámites para solicitar a axuda.

c) Xustificar a axuda ante o Igape.

3. Unha vez prestado un servizo dun determinado tipo a unha empresa, non poderá volver recibir axuda para ese mesmo tipo de servizo, salvo que o Igape o autorice á vista dun informe da entidade colaboradora que xustifique a excepción.

4. Os servizos deberán estar realizados e efectivamente pagados polo beneficiario á entidade colaboradora entre a data de solicitude e a data límite de execución establecida na resolución de convocatoria das axudas. A obriga de levar a cabo o servizo recae en primeira instancia no beneficiario da axuda, sen prexuízo de que este poida demostrar a imposibilidade da execución por causas imputables á entidade colaboradora, caso no que se incoará procedemento de incumprimento de condicións a esta última, que poderá rematar cunha resolución de revogación da axuda.

5. Só se admitirán pagamentos nos que unha entidade bancaria certifique que o pagamento ten sido realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, identifique claramente o receptor e o emisor do pagamento e a súa data efectiva. En particular, non se admitirán pagamentos en efectivo.

Artigo 7. Contía da axuda

1. Os servizos prestaranse por parte das entidades colaboradoras seleccionadas a prezo fixo, por importe de 8.264,46 € + 1.735,54 € de IVE (total 10.000 €). O custo neto do servizo para o beneficiario será de 600 €, segundo se explica a continuación.

2. No caso de que o beneficiario poida recuperar o IVE, a axuda será de 7.664,46 € sobre o importe subvencionable de 8.264,46 € (92,74 % de intensidade). O beneficiario recibirá unha factura por 8.264,46 € + IVE cun desconto polo importe da axuda. Pagará, deste xeito, 600 € máis o IVE da totalidade (2.335,54 € en total). O IVE recuperarao posteriormente na súa declaración. A factura será soporte da cesión do crédito da axuda á entidade colaboradora. En virtude desta cesión, o Igape aboaralle á entidade colaboradora o importe de 7.664,46 €.

3. No caso de que o beneficiario acredite que non pode recuperar o IVE total ou parcialmente, este será subvencionable na proporción correspondente. A axuda incrementarase ata o límite de 9.400 € sobre o custo subvencionable de 10.000 € (94 % de intensidade máxima). O importe da axuda, incluíndo a parte subvencionable de IVE, será aboada á entidade colaboradora directamente polo Igape.

Artigo 8. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As entidades colaboradoras do programa Re-acciona COVID-19 son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación). Unha vez tomada a decisión de contratación do servizo, a entidade colaboradora deberá:

a) Comprobar que o solicitante cumpre cos requisitos destas bases reguladoras para poder ser beneficiario da axuda e que a execución do proxecto é viable e conveniente para o seu desempeño.

b) Obter do solicitante un documento co modelo do anexo I, que inclúe a solicitude de axuda e o apoderamento á entidade colaboradora para a súa tramitación. Neste modelo, o solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

– Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

– Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

– Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

– Que cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

– Que conta cun número total de empregados ou socios traballadores non inferior a 3.

– Que a facturación da empresa no exercicio 2020 foi inferior en polo menos un 10 % respecto á facturación do ano 2019.

– Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

– Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación.

– Que os provedores non están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

– Que non supera os límites do réxime de minimis aplicable.

– Declaración de non ter presentada ningunha outra solicitude de axuda para as mesmas actuacións.

c) Cubrir na oficina virtual do Igape a solicitude de servizo. No caso de que un mesmo beneficiario solicite axuda para varios servizos, deberase cubrir unha solicitude distinta para cada un deles.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE), que identificará univocamente a solicitude de axuda.

2. A entidade colaboradora presentará a solicitude obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución de arquivo.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as entidades colaboradoras deberán dispor dun certificado electrónico validado pola plataforma @firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

4. O Igape examinará o formulario e, de ser correctos os datos, reservarán o crédito correspondente. Cando a aplicación informática da entidade colaboradora reflicte que existe crédito reservado indicará a contía deste. A partir dese momento xa se pode levar a cabo o servizo.

5. A aplicación informática informará en tempo real sobre a dispoñibilidade de crédito, impedindo, se é o caso, a presentación de solicitudes, quedando así a entidade colaboradora informada en tempo real da imposibilidade de seguir propoñendo servizos subvencionables polo Re-activa COVID-19, despois de consumido o crédito disposto polo Igape para o programa.

Artigo 9. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Entidades non inscritas no Rexistro Mercantil: escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa.

b) Agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica: documento onde consten expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. No documento constará unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non se poderá disolver ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei de subvencións de Galicia.

c) Motivación da súa participación no programa, que deberá ser cuberta no formulario electrónico de solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente por parte da entidade colaboradora.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación a través da entidade colaboradora. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE) da entidade solicitante.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 9.1 das bases.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes a través das entidades colaboradoras.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente pola entidade colaboradora accedendo ao enderezo da internet http://tramita.igape.es

Artigo 12. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución, que poña fin ao procedemento na vía administrativa, correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 13. Instrución dos procedementos

1. A solicitude de axuda será revisada polos servizos do órgano instrutor do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e no formulario e na documentación presentada.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase ao interesado a través da entidade colaboradora para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente, logo da correspondente resolución.

3. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014 antes de emitir informe favorable á concesión.

4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na que se indicarán as causas desta.

5. Prescindirase do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 14. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención e obrigas que correspondan á entidade beneficiaria e a data límite para a xustificación da execución.

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos e a través das entidades colaboradoras, que serán as responsables de facer chegar a documentación aos interesados en aplicación do convenio ao que se adheriron. Deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009. Admitiranse modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases relativas á data de xustificación do proxecto, sempre e cando estes cambios non alteren ou desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que supoñan unha maior subvención para o proxecto.

2. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de xustificación do proxecto establecido na resolución de concesión.

3. O beneficiario deberá comunicar ao Igape, a través da entidade colaboradora, a modificación das condicións establecidas na resolución. Para solicitar a modificación, a entidade colaboradora deberá cubrir previamente o formulario electrónico sinalado no artigo 8 das bases e presentar a instancia de modificación xerada pola aplicación dirixida á persoa titular da Dirección Xeral do Igape. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da subvención, así como colaborar e achegar a documentación á entidade colaboradora.

b) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Realizar o pagamento da factura emitida pola entidade colaboradora, unha vez descontada a axuda, antes da data na que deban ser presentadas ante o Igape. O pagamento corresponderá ao importe total da factura emitida pola entidade colaboradora descontando a axuda outorgada polo Igape. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como establece o artigo 6 destas bases.

d) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión ou a Autoridade de Certificación e, se é o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

f) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o que se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos investimentos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os investimentos financiados con fondos Feder.

h) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 18. Xustificación da subvención

1. Para o aboamento da subvención á entidade colaboradora, esta presentará unha relación de servizos executados para os que adiantou a axuda.

2. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase á entidade colaboradora para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a esixencia do reintegro, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme á lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

3. Para cada servizo incluído na relación a entidade colaboradora deberá achegar a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Entregables definidos na oferta técnica do servizo.

c) Factura xustificativa, que reflicta con claridade os seguintes datos:

i. Data de emisión.

ii. Nome ou razón social e NIF do beneficiario.

iii. Descricións do servizo prestado.

iv. Importe neto do servizo segundo o prezo fixado, que conformará a base impoñible da factura.

v. IVE e total da base impoñible máis IVE.

vi. Axuda do programa Re-acciona COVID-19 do Igape, calculada de acordo co artigo 7 como o 92,74 % ou o 94 % do importe total. Na factura debe figurar o importe da axuda, a base impoñible, o IVE e constar o seguinte literal:

«Programa Re-acciona COVID-19: axuda do Igape como cesión de crédito do beneficiario á entidade colaboradora».

vii. Total que ten que pagar o beneficiario (o beneficiario ten que pagar o total IVE incluído menos a axuda do Igape).

viii. Non se admitirán as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen manualmente.

d) Xustificante bancario do pagamento. No caso da banca electrónica deberá vir selado pola entidade financeira ou dispoñer dun código para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade financeira.

4. A entidade colaboradora e, subsidiariamente, o beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. O Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

Artigo 19. Aboamento das axudas

O Igape aboaralle directamente á entidade colaboradora que levou a cabo os servizos os importes correspondentes ás axudas, nun prazo medio de 30 días desde a presentación da relación, para expedientes sen incidencias. O aboamento farase efectivo nas contas especificadas pola entidade colaboradora no momento da súa adhesión, quedando constancia nos seus rexistros contables de acordo co establecido no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 20. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, a realización das actividades previstas e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Artigo 21. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 22. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 17, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo nacional de coordinación antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017.

Artigo 23. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte ao do ano de presentación das contas nas que estean incluídos os gastos da operación; o órgano concedente informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

b) Regulamento (UE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura.

c) Regulamento (UE) nº 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola, modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro.

d) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

e) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

f) Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento Europeo e do Consello do 30 de marzo de 2020 polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao gromo da COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

g) Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello do 23 de abril de 2020 polo que se modifican os Regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao gromo da COVID-19.

h) A normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

i) Orde HFP/1979/2016, do Ministerio de Facenda e Función Pública, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro.

j) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

k) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

l) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello do 27 de abril de 2016 relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

m) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

n) No resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file