Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2021 Páx. 47637

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 127/2021, do 16 de setembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de senda na PO-548 (puntos quilométricos 2+970-3+200) e continuidade nunha vía municipal, de clave PO/19/072.06, no concello de Valga (Pontevedra).

Antecedentes:

Primeiro. O día 30 de marzo de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 60) o Anuncio do 12 de marzo de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de senda na PO-548 (puntos quilométricos 2+970-3+200) e continuidade nunha vía municipal, de clave PO/19/072.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.

Segundo. Tras a análise dos informes e certificados presentados, o 6 de agosto de 2021 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de senda na PO-548 (puntos quilométricos 2+970-3+200) e continuidade nunha vía municipal, de clave PO/19/072.06.

O presente proxecto ten por obxecto a execución dunha nova senda peonil na PO-548, no concello de Valga, que permita dar continuidade á xa existente e habilitar un espazo seguro para os peóns que se dirixen á igrexa de Santa Columba de Cordeiro, ao colexio Xesús Ferro Couselo ou ao pavillón polideportivo municipal, así como a reordenación da intersección existente no punto quilométrico 3+910, impedindo a realización de movementos que provocan situacións de risco.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á Rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de setembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de senda na PO-548 (puntos quilométricos 2+970-3+200) e continuidade nunha vía municipal, de clave PO/19/072.06.

Santiago de Compostela, dezaseis de setembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade