Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Mércores, 29 de setembro de 2021 Páx. 47635

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 126/2021, do 9 de setembro, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da seguridade viaria (MSV) e mellora da accesibilidade na PO-330, de clave PO/19/158.06, no concello de Vigo.

Antecedentes:

Primeiro. O día 12 de febreiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 29) o Anuncio do 28 de xaneiro de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora da seguridade viaria (MSV) e mellora da accesibilidade na PO-330, de clave PO/19/158.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos informes, alegacións e certificados presentados, o 6 de agosto de 2021 aprobouse o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora seguridade viaria (MSV) e mellora da accesibilidade na PO-330, de clave PO/19/158.06.

O presente proxecto ten por obxecto mellorar a seguridade viaria na estrada PO-330, en especial no treito comprendido entre os puntos quilométricos 5+700 e 6+800, identificado como treito de concentración de accidentes (TCA), mediante a mellora das interseccións, da visibilidade dos pasos de peóns e da accesibilidade existente, así como a urbanización dos primeiros 450 m da estrada en Pereiró (reorganización dos espazos dispoñibles).

A competencia para a execución da expropiación forzosa, no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día nove de setembro de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora da seguridade viaria (MSV) e mellora da accesibilidade na PO-330, de clave PO/19/158.06.

Santiago de Compostela, nove de setembro de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade