Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2021 Páx. 47116

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de setembro de 2021 pola que se modifica temporalmente o prego de condicións da denominación de orixe protexida Ribeira Sacra.

A situación excepcional que provocou a pandemia da COVID-19 motivou a adopción de medidas extraordinarias por parte de gobernos e autoridades de todo o mundo. O Goberno de España concretou estas medidas en diferentes disposicións normativas.

Así, o 14 de marzo de 2020 aprobou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se impoñía o primeiro estado de alarma en todo o territorio español para a xestión da situación ocasionada por este coronavirus. Durante o período establecido, e logo de sucesivas prórrogas, decretouse a restrición da circulación da cidadanía e a limitación da apertura da hostalería, a restauración e doutras actividades.

Por último, o Goberno español o 25 de outubro de 2020 declarou de novo o estado de alarma (Real decreto 926/2020, do 25 de outubro) en todo o territorio nacional. Este último estado de alarma concluíu o 9 de novembro de 2020, pero o Real decreto 956/2020, do 3 de novembro, prorrogouno por un período de 6 meses, ata o 9 de maio de 2021. Durante estes, case, 7 meses implantouse o toque de queda, restrinxiuse a entrada e a saída de persoas do territorio de cada comunidade ou cidade autónoma e limitouse a permanencia de grupos de persoas en espazos públicos e privados.

Esta situación excepcional afectou enormemente toda a actividade económica do país, incluída a produción e a comercialización agroalimentaria. As restricións mencionadas supuxeron a alteración das cadeas de subministración, o peche temporal ou a diminución de actividade dos mercados, o peche ou a limitación horaria ou de capacidade de restaurantes e bares, o peche de hoteis e a desaparición de eventos, festas e de case toda actividade turística. E todo iso durante máis dun ano.

Nestes momentos, aínda que o estado de alarma terminou, mantéñense en gran medida as consecuencias, en particular as derivadas da diminución da actividade ligada á restauración, hostalaría e turismo, o cal segue afectando notablemente o sector vitivinícola, en xeral, e a denominación de orixe Ribeira Sacra moi en particular, xa que as súas vendas se concentran dunha forma moi importante na canle de hostalaría e restauración e a súa internacionalización é escasa.

A caída das vendas de viño fixo que algunha adega teña dificultades para dar cabida a toda a colleita da vendima da campaña 2021 por ter as súas instalacións cunha ocupación moi superior á que sería habitual en circunstancias normais. Para paliar esta situación e evitar que poida quedar parte da produción sen recoller por falta de instalacións que a acolla, o Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra aprobou o pasado día 13 de setembro solicitar unha modificación temporal do seu prego de condicións para permitir que as adegas poidan almacenar viño xa certificado en instalacións situadas fóra do ámbito xeográfico da denominación, sempre baixo o control do propio Consello Regulador.

Esta modificación cumpre os requisitos establecidos no Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007, así como os establecidos nos seus regulamentos de desenvolvemento, en particular o indicado no artigo 105 do citado regulamento, que regula a facultade de modificar o prego de condicións dos produtos, e deberán describirse tanto as modificacións que se propoñen como os motivos que amparan as ditas modificacións.

O artigo 14.2 do Regulamento delegado (UE) 2019/33 da Comisión, do 17 de outubro de 2018, polo que se completa o Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ás solicitudes de protección de denominacións de orixe, indicacións xeográficas e termos tradicionais do sector vitivinícola, ao procedemento de oposición, ás restricións de utilización, ás modificacións do prego de condicións, á cancelación da protección e á etiquetaxe e a presentación, considera, entre outras, a modificación temporal como unha modificación normal consistente nun cambio temporal do prego de condicións derivado da imposición de medidas sanitarias obrigatorias por parte das autoridades públicas. Polo que respecta ás circunstancias de que deriva a modificación que recolle esta norma, a pandemia mundial da COVID-19, coas consecuencias sanitarias dela derivadas e as súas repercusións económicas, xustifican a modificación temporal que se propón. Así mesmo, o artigo 18.1 do citado Regulamento delegado (UE) 2019/33 establece que as modificacións temporais deberán ser aprobadas e feitas públicas polo Estado membro correspondente e son aplicables desde a súa publicación. Estas modificacións deben comunicarse á Comisión, xunto cos motivos que as xustifiquen, no prazo máximo dun mes.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios e polo que se derrogan os regulamentos (CEE) núm. 922/72, (CEE) núm. 234/79, (CE) núm. 1037/2001 e (CE) núm. 1234/2007, e nos seus regulamentos de desenvolvemento, e de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a modificación temporal do prego de condicións da Denominación de Orixe Ribeira Sacra de acordo co seguinte:

No punto relativo á zona de embotellado, dentro da epígrafe b.2) do número 8, engádese un segundo parágrafo e queda o texto da seguinte maneira:

«Zona de embotellado.

O transporte e o embotellado fóra da zona de produción e de elaboración constitúe un risco para a calidade do viño, xa que se pode ver exposto a fenómenos de óxido-redución, variacións de temperatura e outros, tanto máis graves canto maior sexa a distancia percorrida. O embotellado en orixe permite preservar as características e a calidade do produto. Este feito, unido á experiencia e coñecemento profundo das características específicas dos viños adquiridos durante anos polas adegas da denominación de orixe da Ribeira Sacra, fai necesario o envasado en orixe, preservando así todas as características fisicoquímicas e organolépticas destes viños.

Non obstante o anterior, ata o 31 de decembro de 2021 poderanse almacenar en depósitos situados en instalacións non rexistradas nos rexistros de adegas do Consello Regulador, mesmo situadas fóra do territorio delimitado –pero sempre dentro da Comunidade Autónoma de Galicia–, viños da denominación de orixe de colleitas anteriores á de 2021 sen embotellar, sempre baixo o estrito control do Consello Regulador. En todo caso, o embotellado destes viños terase que realizar en instalacións situadas dentro do ámbito xeográfico da denominación de orixe inscritas no rexistro correspondente do Consello Regulador, que supervisará todos os movementos destes viños».

O novo texto do prego de condicións modificado temporalmente está publicado na páxina web da Consellería do Medio Rural, no seguinte enderezo:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/agricultura/covid/PLIEGO%20DE%20CONDICIONES%20DO%20RIBEIRA%20SACRA%20TEMPORAL%20septiembre%202021.pdf

De maneira coherente, modifícase temporalmente o texto do documento único, cuxa nova redacción se pode consultar no seguinte enderezo da páxina web da Consellería do Medio Rural:

https://mediorural.xunta.gal/sites/default/files/temas/agricultura/covid/Documento-unico-temporal-DO-Ribeira-Sacra-septiembre-2021.pdf

Segundo. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela as persoas interesadas poden interpor, con carácter potestativo, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural