Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 27 de setembro de 2021 Páx. 47432

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable, itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (puntos quilométricos 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas no trámite de información pública, ditou o 10 de setembro de 2021 a seguinte resolución:

Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva. Puntos quilométricos (p.q.) 1+840-2+340, de clave AC/20/009.06.01.

Antecedentes de feito:

Primeiro. As obras consisten na execución de dúas sendas na marxe da estrada AC-213 nos municipios de Cambre e Culleredo (A Coruña), diferenciándose dous itinerarios:

• Senda peonil entre o núcleo do Burgo e Os Campóns, onde enlaza coa estrada DP-1702.

• Senda diferenciada, peonil e ciclista, entre O Burgo e A Telva: discorre en paralelo ao río Mero ata A Telva, e continúa pola senda existente no polígono de Alvedro ata a estrada N-550.

Segundo. No DOG núm. 89, do 12 de maio, publicouse o Anuncio do 23 de abril de 2021 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (p.q. 1+840-2+340), de clave AC/20/009/.06.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes, e no trámite de información pública non se formularon alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais nas que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, os concellos de Cambre e Culleredo deberán adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

De acordo con todo o exposto, e tras os informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (p.q. 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción denominado Fomento da mobilidade sustentable. Itinerario peonil e ciclista na AC-213 na Telva (p.q. 1+840-2+340), de clave AC/20/009.06.1, mantendo o trazado aprobado inicialmente como definitivo.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os concellos de Cambre e Culleredo deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas