Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Xoves, 23 de setembro de 2021 Páx. 46698

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de setembro de 2021 pola que se modifica a Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento MT809D).

O día 12 de xaneiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas e/ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo, xabaril e oso), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies e se procederá á súa convocatoria para o ano 2021.

O artigo 22 establece que o pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención e que o prazo máximo inicial para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 9 de outubro de 2021.

O elevado número de solicitudes presentadas dificulta o cumprimento por parte das persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación dos gastos relativos a estas axudas, tendo en conta que comprende tres liñas: unha para a prevención dos danos ocasionados polo lobo (con dúas subliñas, unha delas para a adquisición e instalación de valados fixos), outra liña para a prevención dos danos ocasionados polo xabaril e unha terceira para a prevención dos danos ocasionados polo oso.

Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para a emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, no caso da subliña para a adquisición e instalación de valados fixos, foi necesaria a realización de inspeccións previas no campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.

Todo o anterior ten xerado unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

En virtude do exposto e no uso das facultades que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 22.2 da Orde do 22 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2021

1. Modifícase o artigo 22.2 que queda redactado como segue: «O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 26 de novembro de 2021. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido e sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto».

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda