Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 21 de setembro de 2021 Páx. 46447

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de setembro de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Coutada e A Fontiña, a favor da veciñanza da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Liñares, no concello das Neves (Pontevedra).

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar con data do 21 de xullo de 2021, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Coutada e A Fontiña, solicitados a favor da veciñanza da CMVMC de Liñares, no concello das Neves (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 26.3.2019, a CMVMC de Liñares, parroquia de Liñares, concello das Neves, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) das parcelas Coutada e A Fontiña, a favor da veciñanza da parroquia de Liñares, provincia de Pontevedra:

1. Parcela: Coutada.

Referencia catastral: 36034A005014320000HR.

Superficie: 1.011 m2.

Estremas:

Norte: camiño público.

Sur: camiño público e Eugenia Antos Estévez.

Leste: camiño público.

Oeste: Hermenegildo Gándara Gil e Luisa Soto Campos.

2. Parcela: A Fontiña.

Referencia catastral: 36034A017000020000HZ.

Superficie: 524 m2.

Estremas:

Norte: Eduardo Rodríguez Rocha e Abelardo Avalle Durán.

Sur: estrada Salvaterra-As Neves.

Leste: María del Carmen Estévez Novoa.

Oeste: Victoriano Avalle Alcántara, Steve e José e Hermosa Souto Álvarez.

Coa solicitude xunta a seguinte documentación:

– Correspondencia catastral do ano 2019 coa parcela do catastro de rústica de 1956. Cartografía do catastro de 1956.

– Gastos de amaño do lavadoiro do ano 1999-2000.

– Informe de validación gráfica catastral.

Durante a tramitación do expediente achegan a seguinte documentación para acreditar o aproveitamento veciñal en man común por parte dos veciños da parroquia de Liñares:

– Requirimento da Unidade de Recadación de débedas de menor contía da Axencia Tributaria do ano 2018.

– Recibos a nome do MVMC de Liñares do imposto sobre bens inmobles e taxa de recollida de lixo do ano 2018 da referencia catastral 36034A005014320000HR.

– Factura do primeiro pagamento da reforma da casa social da CMVMC de Liñares.

– Factura de limpeza, roza e canalización do rego do lavadoiro comunal.

Segundo. O 16.4.2019 o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas Coutada e A Fontiña. A parcela Coutada con referencia catastral 36034A005014320000HR cunha cabida de 1.011 m2 e con dúas edificacións no seu interior. A parcela A Fontiña con referencia catastral 36034A017000020000HZ de cabida 524 m2 e cun lavadoiro no interior que desauga no regato de Xuliana. Así mesmo, as parcelas non se atopan clasificadas.

Terceiro. O 16.10.2019, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acorda a iniciación do expediente de clasificación das parcelas Coutada e A Fontiña e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 18.10.2019 á CMVMC de Liñares e o 21.10.2019 ao concello das Neves.

Cuarto. O 3.1.2020 a xefa da Área de Montes Veciñais en Man Común emite informe preceptivo do Servizo de Montes:

«– Coutada, de 1.011 m2 coincidente coa parcela catastral 36034A005014320000HR.

1. Corresponde na súa totalidade coa parcela catastral 36034A005014320000HR a nome da CMVMC da parroquia de Liñares.

2. É unha parcela illada a que se accede por un camiño asfaltado. A parcela contén unha vivenda e outra edificación. Non está conectada con ningunha outra parcela catastral a nome da comunidade.

Está delimitada ao norte polo camiño asfaltado polo que se accede, ao leste e ao sur por un camiño sen asfaltar, limpo de vexetación ao carón da estrada PO-415, e ao oeste por un peche de pedras de granito e arame duns 2 m.

3. A parcela atópase limpa de vexetación, excepto no talude que a separa do camiño sen asfaltar onde parece que existe un pé de sobreira e arbustos do xénero cistus.

A comunidade arranxou estas edificacións para alugar a vivenda ou para algún veciño que a necesite, segundo manifestación dunha veciña.

– A Fontiña de 524 m2 coincidente coa parcela catastral 36034A017000020000HZ.

1. Corresponde na súa totalidade coa parcela catastral 36034A017000020000HZ a nome da CMVMC da parroquia de Liñares.

2. É unha parcela illada a que se accede pola estrada PO-415, onde se atopa o lavadoiro. Non está conectada con ningunha outra parcela catastral a nome da comunidade. Está delimitada ao sur pola estrada PO-415, ao leste por vimbieiros e a regueira de Xuliana e ao oeste por postes de granito.

3. A parcela contén un lavadoiro. No momento da inspección atopábase desbarbada e sen vexetación.

4. Non existe outro uso distinto ao de lavadoiro».

Quinto. O 17.2.2020, o Rexistro da Propiedade de Ponteareas certifica que os predios de que se solicita a clasificación non se atopan inscritos no Rexistro. Ordénanse as anotacións preventivas no Rexistro da Propiedade de Ponteareas, notifícase o trámite de audiencia, publícase un edicto no concello das Neves e, no DOG o Anuncio do 15 de xuño de 2020 do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica o acordo de inicio do expediente de clasificación dos montes Coutada e A Fontiña, a favor da CMVMC de Liñares, no concello das Neves (DOG núm. 127, do 29 de xuño).

Sexto. Durante o período do trámite de audiencia non se reciben alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común, o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, como o establece o citado artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, do que se conclúe que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceira. O uso ou aproveitamento en man común das parcelas Coutada e A Fontiña queda suficientemente acreditado de xeito documental.

Finalmente, o feito de que durante a tramitación do expediente non consten alegacións á clasificación como MVMC por parte de terceiros que acrediten un uso privativo destas parcelas demostra que existe un aproveitamento público, pacífico e continuado en común por parte da veciñanza da parroquia de Liñares, no concello das Neves.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Clasificar como veciñais en man común os montes Coutada e A Fontiña, a favor da veciñanza da CMVMC de Liñares, parroquia de Liñares, no concello das Neves (Pontevedra), de acordo coa descrición reflectida no feito primeiro, e a planimetría elaborada para o efecto polo Servizo de Montes e que forma parte inseparable da presente resolución.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 7 de setembro de 2021

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra