Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 175 Venres, 10 de setembro de 2021 Páx. 44802

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

EXTRACTO da Resolución do 3 de setembro de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a concellos de Galicia, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o ano 2021 (código de procedemento MT402B).

Código BDNS: 582060.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 20.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en data 1 de xaneiro de 2020, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitido as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2020 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a execución de actuacións de corrección de impactos paisaxísticos, de conformidade cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia; concretamente, as relacionadas no punto segundo da resolución. Os gastos subvencionables son os indicados no seu punto cuarto.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están contidas na Resolución do 3 de setembro de 2021, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria para 2021.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe total de oitocentos mil euros (800.000 €), financiado con fondos propios da Comunidade Autónoma:

a) Con cargo á liña I: ata un máximo de catrocentos mil euros (400.000 €).

b) Con cargo á liña II: ata un máximo de catrocentos mil euros (400.000 €).

A contía máxima será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable, co límite máximo de:

Liña I: 25.000 € por concello.

Liña II: 10.000 € por concello.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e será dun mes.

Sexto. Outros datos

Sen prexuízo dos demais requisitos establecidos na resolución, só caberá presentar unha solicitude por entidade solicitante, na cal poderá solicitar unha axuda por cada unha das liñas existentes.

Dentro da liña II, unicamente se poderá solicitar unha das actuacións previstas.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que irá acompañado dos documentos que se especifican no punto oitavo da resolución.

Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e conste nel a solicitude, correctamente cuberta, e toda a documentación exixida na presente resolución. Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste punto, poderán seguirse rexistrando solicitudes en lista de reserva provisional, as cales serán atendidas por rigorosa orde de entrada, supeditadas a que se produzan desestimacións ou revogacións das solicitudes de axuda previas.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece na resolución.

Unha vez acreditada a aceptación da subvención, co obxectivo de acadar unha maior eficacia e eficiencia na xestión destas achegas e se así o solicita a entidade beneficiaria, poderase facer efectivo en concepto de pagamento anticipado ata o 100 % do importe da subvención.

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos sinalada no punto décimo oitavo da resolución será o 31 de decembro de 2021.

Recibida a documentación xustificativa, os órganos competentes do Instituto de Estudos do Territorio poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Santiago de Compostela, 3 de setembro de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto de Estudos do Territorio