Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Mércores, 8 de setembro de 2021 Páx. 44385

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2021 pola que se acredita o Campus Terra como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (SUG), de acordo co procedemento establecido na Orde de 10 de setembro de 2019.

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, por medio da Orde do 10 de setembro de 2019, estableceu o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED442B, publicada no DOG núm. 177, do 18 de setembro de 2019), no marco dun programa que pretende impulsar unha dinámica de especialización dos campus do SUG nunha articulación e agregación harmonizada e complementaria das capacidades docentes e de investigación das universidades galegas arredor de temáticas –dominios de coñecementos ou retos sociais e económicos– en que estas presenten maiores fortalezas ou oportunidades para avanzar cara maiores niveis de calidade, ben polo prestixio acadado ou porque son un vector de desenvolvemento socioeconómico.

Ao abeiro deste procedemento, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentou unha solicitude, e a documentación complementaria, para a acreditación como campus de especialización do Sistema universitario de Galicia do Campus Terra.

A instrución do procedemento para obter a acreditación como campus de especialización (en diante, CE) correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, segundo establece o artigo 5.2 e 10 da citada orde.

O artigo 12 da dita orde recolle o procedemento de avaliación previsto para as propostas que se presenten, que se baseará na realización dunha avaliación a cargo dun panel de persoas expertas externas ao SUG (comité de avaliación). Este comité, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, é o encargado de analizar a documentación remitida pola universidade, manter unha reunión cos representantes do CE e elaborar os informes de avaliación.

Atendendo ao procedemento de avaliación establecido, trasladouse ao comité de avaliación a documentación presentada quen, logo da súa análise inicial, emitiu un Informe preliminar de avaliación sobre o Campus Terra que, de acordo co procedemento establecido, foi notificado á Universidade de Santiago de Compostela.

Á vista deste informe, a USC reformulou a súa proposta facendo unha nova achega de documentación en que recollía as observacións/modificacións do comité de avaliación, e que se trasladou novamente ao comité para a súa análise.

Con data do 3 de agosto de 2021 o comité de avaliación, logo de manter unha serie de reunións presenciais en Lugo con representantes da USC, do Campus Terra e de distintos colectivos involucrados para visitar as instalacións e resolver dúbidas ou cuestións relacionadas coa nova documentación e co global da proposta, dá traslado do informe final de avaliación sobre o Campus Terra á Secretaría Xeral de Universidades que recolle as seguintes consideracións:

– O Campus Terra realizou ao longo do proceso un importante esforzo por presentar unha proposta ben articulada e forneceu a documentación complementaria necesaria para o seu estudo segundo as cuestións e correccións que demandou o comité ao longo do proceso, así como a incorporación de diferentes suxestións emanadas do propio comité.

– A solicitude de acreditación do Campus Terra emana dunha traxectoria previa e dun proxecto, cunha folla de ruta ben establecida, que formula unha proposta razoable con prometedoras posibilidades de desenvolvemento para constituírse campus de especialización do SUG, razón pola cal o comité recomenda a acreditación do campus coa cualificación A, por un período de catro (4) anos, segundo o disposto no artigo 12 da convocatoria. O orzamento proposto polo Campus Terra é razoable, con diversos matices que se sinalan no propio informe, polo que recomenda que o Campus Terra poda acceder á contía que se prevé na proposta para a súa execución.

– Porén, o comité estima que, pese ao bo traballo realizado, existen diversos puntos na concreción do proxecto que precisan de melloras que o Campus Terra debería de acometer de acordo cun calendario razoable e que precisarán, para verificar o seu cumprimento, do establecemento dunha serie de puntos de control.

Con data do 6 de xullo de 2021 a Secretaría Xeral de Universidades, como órgano instrutor do procedemento, elaborou unha proposta de resolución tomando como base o informe final do comité de avaliación e facendo súas as determinacións que estaban contidas nel.

A competencia para resolver este procedemento correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de acordo co artigo 12 da Orde do 10 de setembro de 2019.

Vistos os antecedentes de feito, así como as consideracións mencionadas e demais de pertinente e xeral aplicación,

RESOLVO:

1. Acreditar como campus de especialización do SUG o Campus Terra da USC.

2. A acreditación estenderase por un período de catro anos desde a data de sinatura da resolución e a súa vixencia e efectos estarán suxeitos ás seguintes condicións, de acordo co sinalado no informe final do comité de avaliación.

a) Apoio institucional: o Campus Terra, como campus de especialización non central da USC, require do apoio sostido das autoridades centrais da propia institución que o promove e o alberga. Este apoio debe materializarse en accións específicas dirixidas ao Campus Terra. Sen estas accións o proxecto perde viabilidade.

b) Fortalecemento da gobernanza: Campus Terra debe de enfrontar aquelas debilidades e problemas potenciais que poderían afectar a súa gobernanza, destacando os seguintes elementos críticos:

– A dualidade Campus Terra vs. Campus Lugo, cuxa dirección recae na mesma persoa, non pode ser un elemento de distorsión que dilúa a marca de especialización que ten o Campus Terra no ámbito xeral do Campus Lugo.

– As comisións de gobernanza, moitas das cales aínda non están operativas, deberán iniciar o seu traballo de maneira urxente e manter o seu funcionamento regular velando, ademais, por unha adecuada composición de igualdade de xénero entre os seus integrantes.

c) Estabilidade do modelo de especialización proposto: as autoridades do campus deberán velar porque o modelo de especialización non se desvirtúe e sexa viable nos termos propostos. Para isto deberán facer especial fincapé no control dos seguinte parámetros:

– Número de estudantes: o número de estudantes matriculados nos graos do Campus Terra que xustifican a súa área de especialización deberá de incrementarse. Porén, non é asumible que este incremento se efectúe polo aumento de matrícula en graos do Campus Lugo que non son obxecto da especialización do Campus Terra. Complementariamente, o aumento de estudantes na área de especialización debe de ser o máis transversal posible, abarcando todas as áreas de especialización e non estando vinculado unicamente a casos de éxito concentrados nun número moi reducido de titulacións.

– Identidade interna do campus: as autoridades do Campus Terra velarán pola potenciación da identidade de pertenza ao campus do persoal que o integra, establecendo as medidas informativas e de comunicación necesarias para que esa identidade sexa asumida por todo o persoal involucrado no proxecto: estudantes, docentes, investigadores/as, persoal técnico, persoal de xestión...

– Identidade externa do Campus: as autoridades do Campus Terra velarán por unha adecuada proxección exterior da marca que teñen. Para isto deberán de adoptar instrumentos que faciliten esta proxección exterior con especial énfase no seu público obxectivo fundamental (estudantes de grao e máster).

d) Mellora das estruturas de investigación: aínda que as actuacións propostas neste ámbito polas autoridades do Campus Terra son coherentes, dada a heteroxeneidade de grupos de estruturas de investigación do propio campus os esforzos deben concretarse no reforzo dos seguintes programas:

– Programa de fortalecemento investigador: que promoverá liñas de investigación de interese para o campus no que os grupos podan desenvolver ámbitos de mellora. Este programa poderá nutrirse de fondos propios (do campus con destino á investigación) ou externos.

– Programa de captación de talento: que terá que concibirse como un programa propio que facilite os incentivos necesarios para a captación de persoal investigador, que permita mellorar o desempeño do campus ao tempo que garanta un adecuado relevo xeracional.

– BioReDes: aínda asumindo positivamente o valor desta infraestrutura científica o seu nivel de definición é escaso. Campus Terra debe encontrar a fórmula para que BioReDes sexa un axente activo en Campus Terra para unha mellor consecución dos obxectivos de investigación especializada que o campus promove.

e) Mellora dos indicadores da actividade investigadora:

– Deberá potenciarse a mellora e incremento dos indicadores de captación de proxectos competitivos e de contratos e convenios, así como os que procedan de actividades de valorización e transferencia. Esta mellora debería estar en consonancia cos datos de evolución esperables que se prevén na proposta.

– Deberá producirse un incremento obxectivo no número de publicacións en revistas indexadas, especialmente en posicións relevantes nos índices de citación.

– Deberá incrementarse o número de novos/as doutorandos/as e de teses defendidas nos ámbitos de especialización do campus.

f) Graos abertos e graos dobres: as experiencias desenvolvidas ata o momento no Campus Terra cos graos abertos representan un esforzo moi positivo na especialización do campus, razón pola cal se deberán de intensificar os esforzos nesta dirección, así como no impulso dos graos dobres e sobre todo no axuste e acomodo das necesidades e oferta docente aos obxectivos de especialización do campus.

g) Plataformas técnicas do Campus Terra: o modelo de plataformas técnicas xa existentes no Campus Terra é un valor que debe consolidarse, mesmo ampliando o seu grao de cobertura noutros ámbitos. Para isto resulta imprescindible un reforzo das plantillas e dos equipamentos que teñen asignados.

h) Consultorías e servizos externos: aínda asumindo que o Campus Terra precisa a contratación destes servizos externos, por non ter o suficiente persoal cualificado para atender algunhas necesidades, as cantidades que se prevén resultan moi elevadas, debendo reducirse este valor procurando acomodar parte destes traballos nunha oficina propia que poida desempeñar estas tarefas.

3. Para obxectivar o cumprimento destas condicións, proponse definir unha serie de puntos de control que serán fixados nun protocolo para asinar entre a Consellería e a USC nun prazo dun mes a partir da data de resolución.

4. Para verificar o cumprimento dos obxectivos que se fixen no protocolo é preciso establecer un sistema de monitorización permanente que estará artellado da seguinte maneira:

a) Antes do 30 de novembro de cada ano de vixencia da acreditación, os/as responsables do Campus Terra deberán presentar as evidencias de cumprimento das exixencias establecidas nos puntos de control recollidos no protocolo xunto coa documentación xustificativa que dea soporte para verificar o grao de cumprimento.

b) Á vista desta documentación a Consellería poderá manter a acreditación na forma en que foi concedida ou ben revogala se o cumprimento dos indicadores non for o exixido. No caso de que circunstancias de contexto así o determinen, poderanse modificar os puntos de control recollidos no protocolo graduando a intensidade ou temporalidade do seu cumprimento. Neste suposto a Consellería poderá solicitar os informes externos que considere necesarios.

c) A revogación da acreditación e/ou a modificación de indicadores dos puntos de control previstos no parágrafo anterior farase por resolución expresa do órgano que concedeu a acreditación.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2021

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade