Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Venres, 27 de agosto de 2021 Páx. 43009

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 20 de agosto de 2021 pola que se incrementa o crédito da Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

No Diario Oficial de Galicia núm. 61, do 31 de marzo de 2021, publicouse a Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A).

No artigo 3 da orde establecíase un crédito dispoñible de 5.271.000,21 euros, distribuído en tres anualidades con cargo a dúas aplicacións orzamentarias: no ano 2021 2.026.500,21 euros, dos cales 1.081.500,21 euros se financiarían con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.312E.470.0 e 945.000,00 euros se financiarían con cargo á aplicación 13.04.312E.770.0; en 2022 un crédito de 1.622.250,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.312E.470.0 e no ano 2023 un crédito de 1.622.250,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.312E.470.0.

Así mesmo, este artigo prevé que, de acordo co establecido no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se for o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

O elevado número de solicitudes recibidas no marco da Orde do 22 de marzo de 2021 supuxo que o crédito da referida orde resultase insuficiente. A posibilidade do incremento do crédito establecido na orde posibilita dar cobertura a todas as solicitudes presentadas e así estender o programa de casas do maior ao maior número posible de concellos que non contan con recursos de atención diúrna para persoas maiores. Deste xeito, dáse unha maior cobertura a estes recursos, que supoñen unha ferramenta idónea para o novo modelo de coidados, en especial no ámbito rural, xa que prestan un servizo de proximidade, facilitan unha maior creación de emprego, loitan contra o despoboamento nas zonas rurais e configúranse como accións positivas na loita contra a soidade non desexada, sendo recursos cada vez máis demandados pola poboación e que xorden como alternativa idónea ao internamento nun recurso de atención residencial.

Así, con cargo aos fondos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia aprobouse unha xeración de crédito por un importe de 927.076,62 euros, co obxecto de incrementar a cobertura do programa de casas do maior.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas, unha vez declarada a dispoñibilidade de crédito, vistos a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento do crédito

Increméntase a dotación de fondos inicialmente prevista na Orde do 22 de marzo de 2021 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e se procede á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento BS212A) na contía de 927.076,62 euros. O crédito orzamentario total asignado para estas axudas tras a ampliación ascenderá a 6.198.076,83 euros, distribuído en tres anualidades, que se financiarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria

Importe 2021

Importe 2022

Importe 2023

Importe total

13.04.312E.770.0

1.197.226,62 €

-----

-------

1.197.226,62 €

13.04.312E.470.0

1.081.500,21 €

1.959,675,00 €

1.959,675,00 €

5.000.850,21 €

Total

2.278.726,83 €

1.959,675,00 €

1.959,675,00 €

6.198,076,83 €

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social