Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42290

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Picoto, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Cortizo Eólicas, S.L. (expediente IN661A 2011/28-1).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 27 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Picoto.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións do parque eólico O Picoto, sito no concello de Arteixo (A Coruña) e promovido por Cortizo Eólicas, S.L., cunha potencia de 3 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Cortizo Eólicas, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 34.743 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Cortizo Eólicas, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, punto 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

9. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 1.2.2021, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico O Picoto, cunha potencia de 3 MW e promovido por Cortizo Eólicas, S.L.

2. O 28.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico.

3. Pola Resolución do 9 de xullo de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto de execución e do estudo de impacto ambiental das instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 24.8.2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 27.7.2012, e no xornal La Voz de Galicia, o 2.8.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Arteixo, da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña, e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en relación coa titularidade das parcelas.

– Solicítase que se teña en conta que pola afección da protección eólica, as vías e a servidume de voo non se podería facer ningunha plantación forestal, polo que o aproveitamento do predio sería nulo, así como a valoración actual da plantación existente.

– Oposición á declaración de utilidade pública do parque eólico polas súas afeccións ao tecor societario.

– Solicítase que se estableza a compatibilidade ou incompatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes e, de resultaren incompatibles, se outorgue a prevalencia aos dereitos mineiros existentes.

– Solicítase que se tomen as medidas oportunas para facer cumprir coas exixencias fixadas polo marco regulador da enerxía eólica vixente en Galicia no que se refire á declaración de utilidade pública; que as persoas, as explotacións agrarias e/ou forestais afectadas polos parques eólicos poidan maximizar as rendas; que se realice o trámite de aceptación social para todos os parques eólicos.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e viarios sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do 13 decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, e sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nas vías de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

4. Durante o procedemento tramitouse a obtención dos condicionados técnicos dos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Arteixo, Axencia Estatal de Seguridade Aérea, Retegal e Retevisión I, S.A.

5. O 6.6.2013, a xefatura territorial emitiu informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

6. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Secretaría Xeral para o Turismo, Augas de Galicia e Concello de Arteixo.

O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 8 de febreiro de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (DOG núm. 36, do 23 de febreiro).

7. O 1.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en que se indica que a posición do aeroxerador do parque eólico cumpre a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable.

8. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

9. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia obxecto desta autorización, segundo informe do xestor da rede.

10. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais