Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42140

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 13 de agosto de 2021 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación La Toja.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación La Toja, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. O 7 de xullo de 2021, Amancio López Seijas, na súa condición de presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación La Toja constituíuna Amancio López Seijas, mediante escritura pública outorgada en Barcelona o 14 de xuño de 2021, ante o notario Antonio Bosch Carrera, co número de protocolo 1.323.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– A defensa dos valores e os principios da democracia liberal.

– A difusión da cultura tanto local, da Comunidade Autónoma de Galicia, como da cultura ibérica en todo o mundo, especialmente no ámbito atlántico.

– A formación integral das persoas. A mellora na educación das persoas.

– A sustentabilidade do territorio, preferentemente dentro do territorio de Galicia; o coidado do ambiente; a conservación da flora e fauna, especialmente en Galicia, e a conservación de todas as contornas, en concreto, da contorna rural.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade do fundador, á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por Amancio López Seijas, como presidente, Pedro Ferreras Díez, como secretario, e Ana María Sanjurjo Fernández, Marina López Sanjurjo e Clara López Sanjurjo, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese cultural, educativo, medioambiental e de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos da Fundación La Toja atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006 e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

8. De conformidade con esta proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 4 de agosto de 2021, clasificouse como de interese cultural, educativo, medioambiental e de promoción dos valores constitucionais, estatutarios e de defensa dos principios democráticos a Fundación La Toja e adscribiuse á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a declaración de interese galego mediante Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación La Toja, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. A vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación La Toja, polo que á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 8 de xullo de 2021,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación La Toja.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

A secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo
P.S. (Artigo 10.1.a) do Decreto 214/2020)
Verónica Tellado Barcia
Vicesecretaria xeral da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo