Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 20 de agosto de 2021 Páx. 42010

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022. Programa II: axudas para a creación de postos de traballo estables, adaptación de postos e asistencia técnica para os CEE (códigos de procedemento TR341E e TR341N).

BDNS (Identif.): 579699.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarios das subvencións que se regulan nesta orde os CEE que, na data da solicitude da subvención, figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo III desta orde.

Igualmente, os centros de traballo para os cales se solicite subvención deberán contar coa autorización administrativa prevista no artigo 7 do dito Decreto 200/2005.

Así mesmo, poderán ser beneficiarios aqueles CEE que na data de presentación da solicitude de axudas teñan solicitada a súa cualificación como centro especial de emprego ou a ampliación de novos centros de traballo.

No caso das axudas de asistencia técnica sinaladas no artigo 40.1.a), b), c), para seren beneficiarios os CEE deberán estar cualificados como centros de iniciativa social ou sen ánimo de lucro no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de conformidade co artigo 10 do Decreto 200/2005, do 7 de xullo, ou ter solicitada a cualificación desta condición na data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é fixar, con carácter indefinido, as bases reguladoras das subvencións aos centros especiais de emprego establecidas pola Consellería de Emprego e Igualdade, co fin de garantir a empregabilidade das persoas con discapacidade.

Terceiro. Tipos de axuda

1. Neste programa recóllense tres liñas de axudas:

1.1. Axuda á creación de postos de traballo estables en función do investimento en activo fixo (procedemento TR341E).

Finánciase a creación de novos postos de traballo indefinidos para persoas con discapacidade inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servizo Público de Emprego ou a transformación en indefinidos dos contratos temporais.

Establécese unha contía base de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido e a xornada completa. O importe desta contía será proporcional á xornada laboral. O importe anterior poderá incrementarse na porcentaxe dun 25 % por cada unha das seguintes circunstancias (acumulables entre si): ser muller, ter unha discapacidade con especiais dificultades de inserción ou estar en situación de risco ou exclusión social, ser maior de 45 anos, ser emigrante, ter a condición de trans ou ter o centro de traballo nun concello rural.

A contía máxima que poderá percibir un CEE por posto de traballo creado é de 30.000 euros. Cada un dos centros de traballo CEE poderá solicitar axuda por un máximo de quince (15) postos de traballo.

1.2. Axuda para a adaptación de postos de traballo (procedemento TR341N).

Fináncianse a adaptación de postos de traballo ás persoas con discapacidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas nos CEE.

A contía máxima será de 2.000 euros por cada posto adaptado.

1.3. Axuda para a asistencia técnica (procedemento TR341N). Consta de catro (4) modalidades:

a) Axuda para a contratación de persoal de dirección (máximo dous (2) anos).

b) Axuda para a obtención das certificacións de calidade e as súas sucesivas renovacións.

c) Nos casos de creación dun centro de traballo (creación dun novo CEE ou ampliación do centro de traballo, coa debida cualificación do Rexistro Administrativo de CEE de Galicia) ou nos casos de diversificación da actividade do centro suficientemente acreditada poderán outorgarse axudas de asistencia técnica consistentes en estudos de viabilidade, organización, comercialización, labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, auditorías e informes económicos ou auditorías económicas e sociais.

d) Asistencia técnica para auditoría da conta xustificativa dos programas I e III.

A contía máxima por CEE será de 15.000 euros para as letras a), b) e c) no seu conxunto e entre 1.000 e 4.000 euros para a letra d), segundo o número de traballadores do centro.

2. O gasto realizado no investimento en activo fixo para crear postos, no investimento para a adaptación dos postos de traballo e en asistencia técnica para o informe do auditor sobre a conta xustificativa do artigo 40.1.d) será subvencionable ata un 100 % para os centros de iniciativa social ou sen ánimo de lucro e ata un 80 % para os demais centros especiais de emprego. As axudas de asistencia técnica sinaladas no artigo 40.1.a), b), c) subvencionaranse ata un 100 % so para centros de iniciativa social ou sen ánimo de lucro.

O gasto realizado en asistencia técnica para o informe do auditor sobre a conta xustificativa será subvencionable ata un 100 % para os centros de iniciativa social e ata un 80 % para os demais centros especiais de emprego.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón cen mil euros (1.100.000 euros) desagregado por anualidades.

Ano 2021: novecentos trinta e cinco mil euros (935.000 euros).

Ano 2022: cento sesenta e cinco mil euros (165.000 euros).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 30 de setembro de 2021.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

O período subvencionable comprende desde o 1 de xullo de 2021 ata o 30 de xuño de 2022:

– Anualidade 2021: accións subvencionables desde o 1 de xullo de 2021 ao 31 de outubro de 2021. A xustificación desta axuda deberá realizarse, como máximo, o 30 de novembro de 2021.

– Anualidade 2022: accións subvencionables desde o 1 de novembro de 2021 ao 30 de xuño de 2022. Neste caso a xustificación da axuda deberá realizarse, como máximo, o 30 de setembro de 2022.

– A axuda de asistencia técnica para o informe de auditoría necesario para a presentación da conta xustificativa dos programas I e III establecida no artigo 40.1.d) deberá xustificarse unha soa vez como data máxima o 30 de setembro de 2022.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade