Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2021 Páx. 41650

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Toén

ANUNCIO de publicación do acordo de cambio de uso urbanístico de terreos reservados para equipamentos públicos (expediente 277/2021).

Por medio do presente publícase o acordo tomado polo Pleno da Corporación municipal na sesión que tivo lugar o 10.7.2021 que, literalmente, di o seguinte:

«Primeiro. Estimar a solicitude presentada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia realizada mediante un escrito do 28.6.2021 e aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 42.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, o cambio de uso urbanístico dos terreos do antigo hospital psiquiátrico de Toén, situados no termo da Conchada, cualificados polo vixente Plan xeral de ordenación municipal de Toén como sistema xeral de equipamento comunitario, uso sanitario-asistencial (SE-SA1), para a creación do Centro Integral de Loita contra o Lume de Toén (CILL de Toén). De conformidade coa solicitude e a memoria xustificativa presentadas e que forman parte do expediente electrónico núm. 277/2021, os terreos pasan a ter os seguintes novos usos:

1. Clasificación dos usos segundo o Plan xeral de ordenación municipal de Toén vixente.

A clasificación dos novos usos do complexo segundo o tomo 3 da normativa do plan xeral de Toén, artigo 61 do capítulo IV, comprende as seguintes categorías:

• Dotación de equipamento docente: “edificios e locais dedicados a actividades pedagóxicas e de formación en calquera dos seus niveis e tipos”.

• Dotación de equipamento sociocultural: “locais e instalacións destinadas ao público con fins culturais e sociais, como bibliotecas, museos, salas de exposicións, ...”.

• Dotación de equipamento deportivo Categoría 2: “espazos, edificios e locais destinados ao exercicio, exhibición e ensinanza de cultura física e deporte”.

• Dotación de equipamento servicios públicos: “actividades vinculadas a un servizo público de carácter específico, desenvoltas por organismos públicos”. Establecendo as seguintes 3 categorías:

– Administrativos: “edificios destinados a organismos do Estado e da Comunidade Autónoma”.

– Servizos de hixiene e prevención: “edificios e instalacións destinadas a parques de bombeiros”.

– Servizos da orde: “vixilancia medio ambiente,...”.

• Dotación de equipamento Outros servizos: “servizos non incluídos nos apartados anteriores”.

• Dotación de espazos libres e zonas verdes: “espazos destinados a parques, xardíns e áreas de xogo para recreo”.

• Dotación de garaxe e aparcadoiros categoría 3ª: “edificación e lugar destinado a estancia de vehículos, así como talleres de automóbiles, destinados a conservación e reparación do automóbil, incluso os servizos de lavado”.

2. Clasificación dos usos segundo os Instrumentos de ordenación do territorio.

Para clasificar os novos usos, tamén se teñen en conta os definidos no anexo I do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e no Decreto 83/2018, do 26 de xullo, que aproba o Plan básico autonómico de Galicia, que ten por obxecto establecer unha regulación de carácter xeral dos diferentes usos do solo e da edificación (tendo carácter complementario do planeamento municipal naqueles concellos que dispoñan del).

Segundo o título II, capítulo I, sección 2ª do Plan autonómico de Galicia, considérase un uso global dotacional, como uso xenérico para as novas instalacións. Para este uso xenérico, segundo o título II e capítulo V establécense no CILL os seguintes usos detallados:

• Espazo libre e zona verde EL.

• EQ educativo ED.

• EQ socialcultural SC.

• EQ deportivo DE.

• EQ administrativo-instituc AD.

• Servizos públicos SP.

• Dotacional múltiple DM.

Vencellado ao uso de dotación de equipamento educativo, comprenderanse as actividades destinadas a satisfacer o aloxamento temporal dos alumnos, polo que se establece tamén o uso hoteleiro ou residencial público como subsidiario e complementario compatible co equipamento educativo.

Segundo. Notificarlle este acordo á Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

Terceiro. Publicar o contido íntegro deste acordo no Boletín Oficial da provincia de Ourense e no Diario Oficial de Galicia e remitirlle unha certificación do seu contido á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A eficacia do acordo queda condicionada á súa publicación nos diarios oficiais indicados».

Toén, 23 de xullo de 2021

Ricardo González Gómez
Alcalde