Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2021 Páx. 41508

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L).

A Constitución española establece no seu artigo 40 a obriga dos poderes públicos de promover as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, de realizar unha política orientada ao pleno emprego.

Neste senso, conforme o disposto no artigo 30.I.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos do disposto no artigo 149.1.13 da Constitución española, a competencia exclusiva para o fomento e a planificación da actividade económica en Galicia.

Considerando este contexto, aprobouse a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que, a través dunha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que a integran, ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as devanditas entidades para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como o establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación.

En concreto, no capítulo IV da lei, especificamente no seu artigo 14, recóllense os obxectivos da política de fomento e difusión da economía social que debe levar a cabo o sector público autonómico, como son, entre outros, a promoción da participación das entidades da economía social nas políticas activas de emprego, en especial nas dirixidas a mulleres, xuventude, persoas desempregadas de longa duración, persoas con discapacidade e persoas en risco ou en situación de exclusión social; o impulso e a dinamización do autoemprego, do emprendemento de base cooperativa e da colaboración empresarial, ou o fomento dos procesos de mellora da competitividade e da internacionalización das entidades da economía social, integrando a promoción de sistemas de produción e servizos eficaces cos obxectivos sociais de cara á súa consolidación no tecido económico.

Estes obxectivos vense, así mesmo, reflectidos e reforzados na Estratexia de Economía Social de Galicia, que no seu reto 2-sustentabilidade, recolle determinadas medidas que resulta preciso salientar pola súa relevancia e pertinencia no contexto desta orde: a referida ao apoio á consolidación de empresas, que recolle a posta en marcha de medidas específicas dirixidas a apoiar as empresas de economía social xa existentes no seu proceso de desenvolvemento e consolidación, e o fomento da innovación, a través de programas específicos ou criterios que concedan prioridade ás empresas de economía social en liñas de axuda para plans de investigación, innovación e reforzamento do tecido produtivo galego.

En definitiva, as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente facilitar a súa consolidación como un dos factores que pode permitir a existencia de estruturas permanentes de emprego de calidade.

A consolidación das entidades de economía social é crucial nestes tempos de crise en que existe unha grave perturbación na economía galega provocada pola COVID-19, motivo polo que se fai necesario fortalecer a actividade económica no eido da economía social, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigos 107, punto 3, letras b) e c) do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que, por unha banda, tratan de poñer remedio a unha grave perturbación económica da economía Galega e, por outra, facilitar o desenvolvemento e a consolidación da economía social, ao tempo que se garante o mantemento dun emprego de calidade.

Así pois, de acordo co disposto no punto 3.1 do Marco nacional temporal consolidado establécese nesta orde un programa de axudas a cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral mediante o que se pretende facilitar a estas entidades á liquidez necesaria para o mantemento da súa actividade económica e a protección fronte a prexuízos económicos significativos xurdidos a raíz do brote da COVID-19.

De acordo co disposto no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta, entre outras materias, o exercicio das competencias relativas ás políticas activas de emprego, cooperativas e outras entidades de economía social.

Por iso, nesta orde implántanse tres liñas de apoio á consolidación das entidades da economía social co obxectivo de contribuír ao seu mantemento, á súa mellora competitiva con especial incidencia na transformación dixital: 1) Unha liña orientada a investimentos enfocados á transformación dixital da entidade, 2) outra liña destinada á profesionalización e desenvolvemento estratéxico mediante a contratación de servizos especializados para a elaboración de plans e estudos, 3) e unha final enfocada ao mantemento da empresa, á súa consolidación e mellora da competitividade a través de investimentos comúns nos negocios.

No que respecta ao procedemento de concesión, establécese a concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tendo en conta que a finalidade e obxecto da subvención é o fomento da consolidación das entidades da economía social de Galicia, que redundará directamente nun beneficio social e económico xeral, non se considera necesario facer unha prelación das solicitudes presentadas, pois todas as entidades en que concorran os requisitos establecidos na convocatoria conseguen a dita finalidade por igual. Ademais, prevese a suficiencia do crédito para atender a totalidade das solicitudes que se poidan presentar.

As subvencións reguladas nesta orde finánciase con cargo a fondos finalistas do Estado procedentes do Servizo Público de Emprego estatal e recóllense no Plan anual de políticas de emprego para o 2021 como un programa propio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, obtida a autorización do Consello da Xunta e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social e proceder á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (código de procedemento TR802L).

Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social de Galicia co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o brote da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica, incrementen a súa competitividade e, en definitiva, manteñan empregos de calidade.

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes e a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas previstas nesta orde fináncianse con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A distribución inicial de crédito fixase na convocatoria de subvencións que para as anualidades 2021-2022 establécese no capítulo II desta orde. Os importes consignados poderán verse modificados ou incrementados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles en cada convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Así mesmo, de producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito.

As ampliacións e reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 5. Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia

b) Ter presentadas as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica.

No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e conta de resultados pola súa asemblea xeral.

c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.

d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

3. Tampouco poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas as empresas en crise en 31 de decembro de 2019, sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise en 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

Artigo 6. Liñas de axuda

1. Establécense as seguintes liñas de axuda:

a) Liña 1. Transformación dixital da entidade.

Esta liña comprende as subvencións orientadas aos seguintes conceptos:

a.1) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción.

a.2) Equipamento informático.

a.3) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

b) Liña 2: Profesionalización e desenvolvemento estratéxico co apoio de servizos externos especializados, que impliquen novos métodos de organización, melloras nas rutinas e procedementos de xestión do traballo.

Esta liña comprende subvencións para a contratación dos seguintes servizos externos:

b.1) Investigacións de mercado e análise de potencial competitivo.

b.2) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial.

b.3) Plan de futuro e de mellora do negocio.

b.4) Plan de mellora da xestión financeira

b.5) Plan de integración empresarial ou de actuación conxunta

b.6) Análise de cumprimento normativo e riscos legais.

b.7) Obtención de certificacións de calidade

b.8) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade

c) Liña 3: Mellora da competitividade empresarial a través de investimentos comúns.

Esta liña comprende as subvencións para os investimentos consistentes en:

c.1) Adquisición de equipamento.

c.2) Reforma do local do negocio.

c.3) Mobiliario.

2. Os servizos descritos na liña a.1), así como os contidos nas liñas b.2) a b.7), inclúen tanto a fase de estudo e planificación como a de implantación na empresa dos plans correspondentes, incluída a formación e adestramento para a súa efectiva posta en práctica, sempre que se execute durante o período subvencionable.

3. A axuda para a contratación dos servizos sinalados na letra a.1) é incompatible coa sinalada na letra b.3).

4. Os investimentos e gastos sinalados neste artigo poderán ser compartidos entre varias entidades solicitantes que desenvolvan un proxecto conxunto, facéndoo constar así na solicitude.

Artigo 7. Contía das axudas

A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:

• 10.000 € para os gastos incluídos na liña 1 (transformación dixital).

• 5.000 € para os gastos incluídos na liña 2 (profesionalización e desenvolvemento estratéxico).

• 5.000 € para os gastos incluídos na liña 3 (investimentos comúns).

O límite máximo das axudas establécese en 20.000 € por cada solicitante. No caso de superarse esta contía na solicitude priorizaranse os gastos presentados seguindo a orde das liñas establecida no artigo precedente (primeiro os da liña 1, en segundo lugar os da liña 2 e, por último, os da liña 3).

Artigo 8. Definicións

Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción: estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información ou da industria 4.0 na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

b) Equipamento informático: ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles, tablets ou similares, destinados exclusivamente ao desenvolvemento da actividade profesional da solicitante. En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

c) Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web: adquisición da propiedade ou do dereito ao uso de programas informáticos, incluída a subscrición a software estándar do mercado durante o período subvencionable. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento de programas informáticos a medida e páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

d) Investigación de mercado e análise de potencial competitivo: estudo que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing, así como a análise que permita determinar a capacidade da entidade para competir no mercado segundo a súa posición competitiva actual, planeando accións de mellora inmediata ou temperá.

e) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial: documento onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que pretende conseguir, as estratexias que debe implementar e a planificación que debe seguir; e/ou que comprende as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio.

f) Plan de futuro e de mellora do negocio: documento que, con estrutura de folla de ruta, inclúe propostas de mellora de procesos, produtos ou servizos que vai ofrecer a persoa solicitante, así como accións concretas para a posta en marcha desas melloras e resultados esperados a medio prazo (de 3 a 5 anos).

g) Plan de mellora da xestión financeira: documento de estratexia que analiza e inclúe melloras no conxunto de decisións financeiras de planificación e control da entidade, co obxectivo de mellorar a súa viabilidade e rendibilidade.

h) Plan de integración empresarial ou de actuación conxunta: estudo de fusión empresarial ou planificación de actuación conxunta estable entre dúas ou mais entidades diferenciadas.

i) Análise de cumprimento normativo e riscos legais: análise dos principais riscos de incumprimento legal das principais operacións da entidade, nomeadamente, normativa laboral, de protección de datos, e fiscal (entre as máis comúns).

j) Obtención de certificacións de calidade: elaboración de procedementos, informes e documentación aparellados a unha certificación de calidade que mellore a imaxe dos produtos e servicios da solicitante, favorezan o seu desenvolvemento e afiancen a súa posición no mercado, acadando con isto unha vantaxe competitiva.

k) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade: creación das imaxes, nomes, marcas e, en xeral, o conxunto de elementos que serven para conformar a identidade externa da empresa ou negocio

l) Adquisición de equipamento: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as que se mellore o proceso produtivo.

m) Reforma do local do negocio: obras de sinxeleza técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións, ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

n) Mobiliario: conxunto de mobles que serven para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

Artigo 9. Subvencións no Marco nacional temporal

Estas axudas configúranse de conformidade co Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote da COVID-19 en atención ao contido da Decisión da Comisión Europea SA.56851 (2020/N) do 2 de abril de 2020 e ás súas modificacións.

1. A axuda global que unha empresa poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal e ao do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote da COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar no prazo de vixencia do Marco nacional temporal os 1.800.000 €.

No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e a acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto no punto anterior será de 270.000 € e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 220.000 €.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e persoas con actividade autónoma que non estaban en crise a teor do disposto no artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas ou pequenas empresas (no sentido do anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías) que, estando en crise en 31 de decembro de 2019, non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación, o que se acreditará mediante declaración responsable, no anexo de solicitude.

Artigo 10. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 11. Documentación complementaria para a solicitude da subvención

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Relación de conceptos e orzamentos para os que se solicita subvención, segundo o modelo publicado na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego, en formato editable.

b) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A persoa ou entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas con ela ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Certificación acreditativa de ter depositadas no rexistro correspondente ou aprobadas pola asemblea xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio (agás no suposto das cooperativas, o cal se comprobará de oficio).

e) No caso de solicitar as axudas da liña 2, acreditación do CNAE (Clasificación nacional de actividades económicas) no que está clasificada a entidade prestadora do servizo, a fin de determinar a idoneidade para a súa prestación.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Emenda das solicitudes

Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará a persoa ou entidade interesada desistida da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as comprobacións no artigo 13.1 desta orde.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas, segundo proceda:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante

c) NIF da entidade representante

d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

e) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.

g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

i) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio ou solicitude de pagamento, segundo corresponda, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

1. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes dos procedementos regulados nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento, ata o esgotamento do crédito orzamentario.

3. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

7. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Resolución e recursos

1. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles suposto en que se lles requira ás persoas solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido.

2. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2021. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención, detallada por anualidades, cando proceda, e as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

Artigo 17. Estimación parcial da solicitude

No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos ou investimentos que deban ser imputados a dúas aplicacións orzamentarias e nunha delas non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente a solicitude. De producirse a ampliación ou redistribución de créditos a que se refire o parágrafo 3 do artigo 4, poderanse atender as solicitudes que non puideron ser estimadas na súa integridade, por orde de presentación.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Pagamentos anticipados

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 90 % do importe da subvención concedida para cada anualidade.

b) As persoas beneficiarias quedarán exonerados da constitución de garantía, conforme o establecido na letra i) do artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) O pagamento anticipado realizarase de oficio tras a aceptación da subvención por parte da persoa beneficiaria.

Artigo 20. Xustificación e pagamento

1. O pagamento final das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo II, acompañada da documentación xustificativa seguinte:

a) Relación dos gastos realizados segundo o modelo publicado páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

b) Facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

c) Documentación xustificativa dos gastos realizados:

• Gastos da liña 1: memoria explicativa das actuacións xunto con fotografías dos investimentos realizados, se é o caso. No caso da elaboración do plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción, copia do plan elaborado.

• Gastos da liña 2: entregables dos servizos desenvolvidos (plans, informes, estudos, etc.).

• Gastos da liña 3: fotografías dos investimentos realizados. No caso de reforma do local deberase entregar unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois.

No caso de gastos realizados conxuntamente por varias entidades, esta documentación deberá ser única para todas as persoas beneficiarias. Neste caso, será suficiente con que un deles a achegue, facendo constar os demais en que expediente se presentou.

d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 22.g) desta orde.

e) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado electronicamente pola persoa responsable que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables e a indicación específica do seu cofinanciamento pola Consellería de Emprego e Igualdade. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

2. A presentación das solicitudes de pagamento realizarase unicamente a través de medios electrónicos na forma sinalada no artigo 10, no prazo que se sinale na convocatoria ou, de ser o caso, en que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que, no prazo improrrogable de 10 días, a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención, a opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

5. En canto á forma de xustificación deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria.

6. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

7. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria.

8. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos documentos bancarios en que consten o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse unha desagregación onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

9. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias e logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

11. Se da documentación presentada pola persoa ou entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

Se a contía xustificada é inferior á anticipada, procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a beneficiaria poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 24.

12. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte a Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 21. Réxime de incompatibilidades e concorrencia

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas.

O importe e a intensidade máxima das subvencións para cada finalidade deberán respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras e no Marco nacional temporal consolidado, e en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 22. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade; así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se deberá achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade con fondos recibidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). De acordo con esta obriga, os centros especiais de emprego deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionados pola Consellería de Emprego e Igualdade e o SEPE. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público de tamaño mínimo A3 incluíndo o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo e Economía Social. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o a axuda financeira recibida do SEPE.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que constan na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego

h) Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultaren beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.

Artigo 23. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 22.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, ou de conservación de documentos, previstas na letra f) do artigo 22, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade previsto no artigo 22.g): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Non obstante, no suposto de resultar aínda posible o cumprimento desta obriga, o órgano xestor deberá requirir a entidade beneficiaria para que incorpore o cartel, nun prazo non superior a 15 días, con expresa advertencia de que o seu incumprimento implicará o inicio do expediente declarativo da procedencia do reintegro.

e) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de mantemento da forma xurídica e actividade prevista no artigo 22.h): reintegro da parte proporcional da axuda.

Artigo 24. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas e entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172 en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a persoa e entidade beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación da contía que se devolve. Coa memoria deberase achegar a copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 25. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

CAPÍTULO II

Convocatoria de subvencións para as anualidades 2021-2022

Artigo 26. Convocatoria

Convócanse para as anualidades 2021-2022 as subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida Economía Social reguladas polas bases contidas nesta orde.

Artigo 27. Presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Artigo 28. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, coa seguinte distribución por anualidades:

– Anualidade 2021: do 1.1.2021 ao 30.10.2021.

– Anualidade 2022: do 1.11.2021 ao 30.9.2022.

Os servizos e/ou os investimentos subvencionables deberán estar realizados e pagados nos períodos de execución indicados para cada anualidade e as facturas deberán estar emitidas nos ditos períodos ao igual que os plans, informes e demais entregables dos servizos desenvolvidos.

Artigo 29. Xustificación das accións subvencionadas

As datas máximas de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionadas serán as sinaladas nas resolucións de concesión e, de ser o caso, as seguintes datas máximas:

Anualidade 2021: o 3.12.2021.

Anualidade 2022: o 30.10.2022.

Artigo 30. Financiamento

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 2.875.000 €, que se financiarán con cargo ao código de proxecto 2021 00056, distribuídos en dúas anualidades nas seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicacións

2021

2022

Total

11.04.324C.470.9

220.000

655.000

875.000

11.04.324C.481.9

25.000

75.000

100.000

11.04.324C.770.9

1.275.000

450.000

1.725.000

11.04.324C.781.9

125.000

50.000

175.000

TOTAL

1.645.000

1.230.000

2.875.000

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file