Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2021 Páx. 41550

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se regula o procedemento e se aproba e dá publicidade ao modelo de solicitude do informe preceptivo que deben acadar as mutuas colaboradoras coa Seguridade Social que pretenden concertar cun centro privado os seus servizos sanitarios e recuperadores (código de procedemento SA103B).

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 33, atribúe á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1.16 da Constitución española, a competencia do desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como organizar e administrar a tales fins e dentro do seu territorio todos os servizos relacionados coas materias antes expresadas.

O Decreto 136/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, atribúe no artigo 4.2.b) á Secretaría Xeral Técnica as competencias e funcións, entre outras materias, relativas á inspección de todos os centros, servizos, establecementos e prestacións sanitarias e farmacéuticas de titularidade pública ou privada da Comunidad Autónoma de Galicia.

O Real decreto 1630/2011, do 14 de novembro, polo que se regula a prestación de servizos sanitarios e de recuperación polas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social, recolle a posibilidade de que estas presten servizos sanitarios e recuperadores mediante concertos con medios privados (artigo 11). Para que isto sexa posible débense reunir unha serie de condicións, entre as que se atopa a necesidade de acreditar que os medios sanitarios e recuperadores cos que se vai concertar, reúnen os requisitos sinalados no artigo 12 do citado real decreto.

O artigo 12.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas establece que «As administracións públicas deberán garantir que os interesados poden relacionarse coa Administración a través de medios electrónicos, para o que porán á súa disposición as canles de acceso que sexan necesarias, así como os sistemas e aplicacións que en cada caso se determinen».

Como complemento ao esforzo dinamizador da Administración electrónica, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, establece no artigo 14.2 que «En todo caso, estarán obrigados a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo, polo menos, os seguintes suxeitos: a) As persoas xurídicas». Entre estas atópanse as mutuas colaboradoras coa Seguridade Social.

De acordo co indicado, e á vista do establecido no capítulo III, do título IV (artigos 67 a 70) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, así como da Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible a configuración dixital deste procedemento e a adaptación dos seus modelos de solicitude, facilitando así a interacción máis áxil coas empresas interesadas.

De conformidade co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, o proxecto de orde foi exposto no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia e foi sometido a informe dos órganos con competencias horizontais en materia de administración electrónica e avaliación e reforma administrativa, informe económico-financeiro da consellería competente en materia de facenda, informe sobre impacto de xénero e a informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Así mesmo, o texto da orde adecúase aos principios de boa regulación descritos no artigo 129.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No exercicio das atribucións conferidas de conformidade co disposto no artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da sua Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento «solicitude do informe preceptivo solicitado polas mutuas colaboradoras coa Seguridade Social que pretenden concertar cun centro privado os seus servizos sanitarios e recuperadores» e aprobar e dar publicidade ao seu modelo normalizado (código de procedemento administrativo SA103B) para a súa tramitación por medios electrónicos.

Procede a formulación desta solicitude co fin de acreditar os requisitos previstos no artigo 12 letras a) e b) do Real decreto 1630/2011, do 14 de novembro, polo que se regula a prestación de servizos sanitarios e de recuperación polas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social.

Artigo 2. Forma, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación estará aberto de xeito permanente.

Artigo 3. Documentación complementaria

1. As mutuas colaboradoras coa Seguridade Social deben achegar coa solicitude a documentación que xustifique:

a) O obxecto do concerto.

b) A xustificación do concerto.

c) A oferta asistencial que se pretende concertar co centro sanitario, con base no anexo I (clasificación de centros, servizos e establecementos sanitarios) do Real decreto 1277/2003, do 10 de outubro, polo que se establecen as bases xerais sobre autorización de centros, servizos e establecementos sanitarios.

d) A carteira de servizos que se pretende concertar das ofertas asistenciais obxecto de contrato co centro sanitario.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As mutuas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da mutua colaboradora coa Seguridade Social.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos. Cando así o esixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Prazo de emisión do informe

De conformidade con disposto no artigo 80 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, o informe emitirase a través de medios electrónicos no prazo de dez días e de acordo cos requisitos previstos no artigo 26 da citada lei. O prazo para a súa emisión poderá suspenderse polo tempo que medie entre a petición, que deberá comunicarse aos interesados e a recepción do informe, que igualmente deberá ser comunicada a estes. Este prazo de suspensión non poderá exceder en ningún caso de tres meses. No caso de que non se recibise o informe no prazo indicado, proseguirá o procedemento.

Disposición adicional única. Actualización dos modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, o/os modelo/s normalizado/s aplicable/s na tramitación do procedemento regulado nesta disposición, poderá/n ser actualizado/s co fin de mantelo/s adaptado/s á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación do/dos modelo/s actualizado/s na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará/n permanentemente accesible/s para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file