Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Martes, 17 de agosto de 2021 Páx. 40806

III. Outras disposicións

Instituto de Estudos do Territorio

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2021 pola que se dá publicidade do encargo ao medio propio Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) do servizo para o apoio técnico na tramitación das liñas de axudas xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio (IET).

O artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en concordancia co artigo 16 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, indica que, para a súa efectividade, o instrumento en que se formalice a encomenda de xestión intersubxectiva deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia co contido mínimo previsto no artigo inmediatamente anterior.

En consecuencia, e para dar cumprimento a esta obriga,

DISPOÑO:

Artigo único. Darlle publicidade ao seguinte encargo a medio propio:

• Resolución do 29 de xullo de 2021 pola que se encarga ao medio propio Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) o servizo para o apoio técnico na tramitación das liñas de axudas xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio.

• Actividade: Tragsatec realizará tarefas de apoio técnico na tramitación das liñas de axudas xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, que consistirán na codificación e gravación de datos recollidos nos expedientes vinculados ás solicitudes de axudas recibidos, así como na preparación da documentación necesaria para a súa resolución.

• Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda de xestión intersubxectiva a unha entidade con carácter de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Tal condición de medio propio está recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a cal establece que a empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración das comunidades autónomas –entre outras–, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2º da letra d) do número 2 do artigo 32 e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estas lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.

O persoal necesario para a execución do encargo ao medio propio dependerá exclusivamente de Tragsatec, o cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador respecto daquel, e a Administración ou poder adxudicador contratante será totalmente allea ás referidas relacións.

• Financiamento: o orzamento de execución é de trinta e cinco mil douscentos cincuenta e nove euros con dezaseis céntimos (35.259,16 €) –non aplica IVE–, con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.640.01 (código de proxecto 2014 00003 «desenvolvemento e xestión da estratexia da paisaxe galega») dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Para todos os efectos, entenderase que o orzamento aprobado pola Comunidade Autónoma de Galicia, en canto Administración pública poder adxudicador, comprende todos os gastos directos e indirectos que a empresa deba realizar para a normal execución dos traballos encargados.

• Prazo de vixencia: do 1 de agosto de 2021 ao 31 de decembro de 2021, que poderá prorrogarse por un ano no caso de persistir a necesidade do encargo e de que exista crédito orzamentario dispoñible.

A empresa Tragsatec está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021

Francisco Barea Paz
Director do Instituto de Estudos do Territorio