Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 12 de agosto de 2021 Páx. 40403

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2021 pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas de emisión de certificados de realización de actividades formativas en liña no ámbito da Administración de xustiza.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na súa disposición adicional terceira autoriza a creación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), adscrita á Presidencia da Xunta de Galicia, que ten como obxectivos básicos a definición, o desenvolvemento e a execución dos instrumentos da política da Xunta de Galicia no eido das tecnoloxías da información e a comunicación e a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante o Decreto 252/2011, do 15 de decembro (modificado polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos), procedeuse ao desenvolvemento da dita autorización, creando a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e regulando tanto as súas competencias e funcións como a súa organización e estrutura, o réxime do seu persoal, o réxime económico-financeiro e patrimonial, así como os principios que a orientarán na súa actuación.

Dentro das competencias da Amtega inclúese singularmente:

• Planificación estratéxica, deseño, desenvolvemento, adquisición, mantemento e implantación dos sistemas de información de aplicación na Administración de xustiza en Galicia. Impulso da aplicación das novas tecnoloxías na Administración de xustiza en Galicia.

• Atención, soporte, formación e impulso da utilización dos sistemas e tecnoloxías da información na Administración de xustiza en Galicia.

Para o desempeño desta actividade estanse a desenvolver actividades de capacitación mediante sistemas para a realización das actividades de formación en liña.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non intervén de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da dita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada deberase establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se for o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que as actuacións administrativas automatizadas se deberán declarar mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificaranse a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada. Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia (DOG) o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia:

• A emisión dos certificados de realización das actividades formativas impartidas a través da plataforma de teleformación https://formacion-xustiza.xunta.gal

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable para os efectos de impugnación das actuacións correspondentes á epígrafe do punto primeiro.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Quinto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia