Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 3 de agosto de 2021 Páx. 39055

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se someten a información pública as solicitudes de aprobación definitiva do proxecto sectorial Campus Tecnolóxico Cortizo e da súa declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios.

Para os efectos previstos na disposición transitoria primeira da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia; na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; na Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1952; e no seu Regulamento aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957, sométense a información pública as solicitudes de aprobación definitiva do seguinte proxecto sectorial e da súa declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios:

Promotor: Aluminios Cortizo, S.A.U.

Denominación: proxecto sectorial Campus Tecnolóxico Cortizo.

Obxecto: o proxecto sectorial ten por obxecto fixar as condicións urbanísticas para crear un solo urbanizable industrial que englobe as novas instalacións, o que precisa dunha cualificación urbanística do solo adecuada.

Características: o Campus Tecnolóxico Cortizo proxéctase como un centro punteiro no sector do deseño de sistemas de aluminio e PVC, que disporá dun conxunto de tres edificios dedicados á investigación e ao desenvolvemento, máis un cuarto bloque destinado a aparcamentos.

Co Campus Tecnolóxico Cortizo ampliaranse nun 30,38 % as instalacións actuais que a empresa ten localizadas no polígono Cortizo próximo para adquirir novos coñecementos nos produtos do aluminio necesarios para o crecemento internacional da empresa.

O ámbito territorial do proxecto sectorial sitúase sobre terreos dos municipios de Padrón (94,14 %) e Rois (5,86 %), nas proximidades das actuais instalacións do polígono Cortizo (a unha distancia aproximada de 200 m), na contorna do núcleo de Lamas, nunha parcela de terreo que se estende ao longo da estrada AC-301 desde a cal se pretende acceder ao Campus. Este ámbito abrangue unha superficie de 91.633,05 m², da cal o 95,55 % pertence a Aluminios Cortizo e o resto (4,45 %) a varios propietarios (o 2,11 % ao dominio público de Estradas, o 1,15 % ao Campo de Golf de Rois e o 0,90 % a un propietario particular).

Concellos afectados: Padrón e Rois (A Coruña).

O proxecto do Campus Tecnolóxico Cortizo foi declarado polo Consello da Xunta de Galicia, mediante Acordo do 12 de xuño de 2020, como iniciativa empresarial prioritaria, de tal xeito que:

– Conforme o disposto no artigo 44.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a existencia dunha declaración de iniciativa empresarial prioritaria determinará a concorrencia de razóns de interese público para os efectos da tramitación de urxencia dos procedementos relacionados con tales iniciativas.

– Conforme o disposto no artigo 33 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez declarada a tramitación de urxencia polo órgano competente, os prazos establecidos para o procedemento ordinario reduciranse á metade, agás os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

O proxecto sectorial Campus Tecnolóxico Cortizo foi sometido aos procedementos de declaración de incidencia supramunicipal e de avaliación ambiental estratéxica simplificada:

– O Consello da Xunta de Galicia, mediante Acordo do 12 de novembro de 2020, declarou a súa incidencia supramunicipal e a aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento para a súa aprobación.

– O órgano ambiental (Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático) formulou, mediante Resolución do 10 de febreiro de 2021, o seu informe ambiental estratéxico (IAE).

O obxecto da información pública será o proxecto sectorial Campus Tecnolóxico Cortizo e o documento relativo á solicitude da súa declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios.

A respecto da relación de bens e dereitos afectados (RBDA) que se consideran de necesaria expropiación, incluída no proxecto sectorial e na solicitude de declaración de utilidade pública, indícase o seguinte:

– A declaración de utilidade pública para os efectos expropiatorios do proxecto sectorial implicará, conforme o disposto no artigo 11.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, a declaración de utilidade pública das obras, instalacións e servizos previstos de maneira concreta, así como a necesidade de ocupación para os efectos da expropiación dos bens e dereitos necesarios para a súa execución recollidos na RBDA.

– A dita relación de bens e dereitos afectados (RBDA) figura como anexo a esta resolución, de conformidade co disposto no artigo 18 da Lei de expropiación forzosa e no artigo 17 do seu regulamento.

O órgano competente para aprobar o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como declarar a súa utilidade pública para os efectos expropiatorios, será o Consello da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 25.4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, e no artigo 13.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo.

Tanto a Lei 10/1995, do 23 de novembro, como o Decreto 80/2000, do 23 de marzo, seguen sendo de aplicación para este procedemento, por terse formulado o IAE con anterioridade á entrada en vigor da nova Lei de ordenación do territorio de Galicia (Lei 1/2021, do 8 de xaneiro), conforme o disposto na disposición transitoria primeira desta nova lei.

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións, no prazo 15 días a partir do día seguinte á última das publicacións que se farán desta resolución (no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia e nun dos xornais de maior circulación na comunidade autónoma) ou a partir da correspondente notificación individual no caso de persoas que figuren na RBDA. Poderán examinar a referida documentación na Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela), na Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (r/ Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña), nos concellos afectados (Padrón e Rois) ou a través do seguinte enderezo da internet: http://descargas.xunta.es/84cf19b4-04b3-448d-88e1-2ab643565b891626333288498

O citado prazo de 15 días aplícase como a metade do prazo mínimo fixado no artigo 13.2 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, con base no establecido nos artigos 30.2 e 33.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Para cumprir co disposto no artigo 44 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cando as persoas propietarias ou titulares de predios afectados sexan descoñecidas, se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese practicar, a notificación farase por medio dun anuncio publicado no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

Relación de bens e dereitos afectados polo proxecto sectorial
Campus Tecnolóxico Cortizo

Predios

Afección

Nº de predio

Referencia catastral

Localización

Concello

Uso principal

Superficie (m2)

Propietario

Superficie para expropiar

%

m2

1

15075A124004130000II

Lg. Seira

Rois

Agrario

3.442

María Teresa Mene Rey

23,9488

824,30

2

15075A124003000000IY

Lg. Seira

Rois

Deportivo

224.278

Campo de Golf Santiago, S.A.

0,5869

1.316,28