Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 30 de xullo de 2021 Páx. 38764

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 16 de xullo de 2021 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento a adegas do dereito a préstamos de campaña no ano 2021 garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento MR364A).

A Consellería do Medio Rural publicou o día 20 de novembro de 2020 a Orde do 18 de novembro de 2020 pola que se regula o procedemento para o recoñecemento ás adegas do dereito a préstamos de campaña no ano 2020 garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento MR364A). Esta liña de apoio está amparada no Regulamento (UE) 1305/2013, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e incluída na medida 4.2 (investimentos en transformación/comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas) do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

Nesta medida figura establecida a posibilidade de garantir con fondos Feader préstamos destinados ao capital circulante de empresas agroalimentarias, en aplicación do Regulamento (UE) 2020/558 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19. Este regulamento establece que, cando os instrumentos financeiros presten axuda en forma de capital de explotación ás pemes, esa axuda tamén se poderá prestar con cargo ao Feader no marco das medidas recollidas no Regulamento (UE) 1305/2013 e pertinentes para a execución dos instrumentos financeiros. Os ditos gastos subvencionables non poderán superar os 200.000 euros.

Para a articulación desta medida utilizouse un instrumento financeiro plurirrexional establecido no Marco nacional de desenvolvemento rural, destinado a financiar determinadas actuacións contidas nos programas de desenvolvemento rural, mediante a concesión de préstamos garantidos para o seu financiamento. Con ese fin a Consellería do Medio Rural asinou o día 3 de decembro de 2020 un acordo específico de financiamento co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e a Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (SAECA).

Por outra parte, a actual crise sanitaria segue aínda afectando de forma significativa o sector vitivinícola galego, o que aconsella manter na actual campaña esta liña de apoio ao sector. Así mesmo, a experiencia adquirida na xestión desta actuación aconsella introducir algunha modificación no contido da convocatoria, que afecta principalmente o sistema de tramitación, para permitir que as empresas poidan presentar directamente as súas solicitudes ademais de poder facelo a través de entidades financeiras.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto regular o procedemento para o recoñecemento do dereito á subscrición de préstamos de campaña a adegas de elaboración de viño na campaña 2021, garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020, no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020.

O código do procedemento é o MR364A.

Artigo 2. Destinatario final dos préstamos garantidos polo instrumento financeiro

Terán a consideración de destinatarios finais dun préstamo as pequenas e medianas empresas (pemes) agroalimentarias que sexan titulares de adegas de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas, e que, logo de informe favorable de solvencia crediticia da Sociedade Anónima Estatal de Caución Agraria (en diante, SAECA), obteñan o recoñecemento do dereito ao devandito préstamo por parte da Consellería do Medio Rural e o formalicen.

Artigo 3. Finalidade e características dos préstamos garantidos polo instrumento financeiro

Os préstamos a que se refire esta orde destinaranse á adquisición de uva na campaña 2021, así como, no caso de procesamento de uvas de produción propia, a financiar o capital circulante de explotación, todo iso co obxecto de elaborar viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas. Para os efectos desta convocatoria, terán tamén a consideración de uva adquirida as entregas de uva ás cooperativas agrarias e outras entidades asociativas por parte dos seus socios, cando isto sexa obrigatorio en virtude dos seus estatutos.

As características destes préstamos establécense no Convenio entre o MAPA, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, e as entidades financeiras, para facilitar os préstamos garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada (IFXC), e son amparables por esta orde exclusivamente os correspondentes a unha duración total de ata 5 anos con un (1) como máximo de carencia dentro dos incluídos no referido convenio. Conforme este convenio, o tipo de xuro preferente ao que se formalizarán os préstamos será o resultado de sumar ao euríbor a un ano, correspondente ao segundo mes anterior ao de formalización do préstamo, un diferencial de dous puntos, redondeado o resultado a tres decimais. As entidades financeiras que están adheridas a este instrumento financeiro por ter asinado o correspondente convenio co MAPA figuran relacionadas na páxina web: https://www.mapa.gob.es/es/desarrollo-rural/temas/programas-ue/periodo-2014-2020/marco-nacional/ifgc/Entidades%20Financieras.aspx

O importe máximo por beneficiario do préstamo ou prestamos garantidos é o correspondente ao importe total da uva que se vai adquirir ou adquirida a terceiros na campaña 2021.

Así mesmo, no caso de uva procesada producida na explotación do solicitante, serán tamén amparables prestamos destinados a financiar o capital circulante de explotación. Neste caso, o importe máximo do préstamo obterase multiplicando a produción, en quilos de uva declarada da campaña 2020 destinada a vinificación propia, polos seguintes coeficientes:

– Uvas acollidas á denominación de orixe: variedades preferentes 1,2 €/kg; variedades autorizadas 0,6 €/kg.

– Uvas acollidas a indicacións xeográficas protexidas: variedades principais ou recomendadas 1,2 €/kg; variedades complementarias ou autorizadas 0,6 €/kg. No caso de indicacións só con variedades autorizadas, considerarase o coeficiente 1,2 €/kg.

En calquera caso, o importe total do préstamo ou préstamos garantidos por beneficiario non poderá superar o importe de 200.000 €.

O IVE non constituirá un gasto financiable cos prestamos garantidos, salvo no caso do IVE non recuperable conforme a lexislación vixente.

Artigo 4. Requisitos para o recoñecemento do dereito a préstamos

1. As empresa solicitantes deben ser microempresas, pequenas ou medianas empresas (pemes), tal como se definen na Recomendación 2003/361/CE da Comisión (DO L 124, do 20.5.2003).

2. O solicitante debe ser titular dunha adega de elaboración de viño acollido ás denominacións de orixe e/ou indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas, inscrita no Rexistro de Industrias Agrarias de Galicia e na denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida correspondente.

3. Os solicitantes que adquiran uva a terceiros cuxa compra financien co préstamo para o cal solicitan recoñecemento a través desta orde deberán dispoñer de contratos escritos para a adquisición da uva indicada que, en todo caso, deben reunir os requisitos establecidos no capítulo I do título II da Lei 12/2013 de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria modificada pola Lei 8/2020, do 16 de decembro, pola que se adoptan determinadas medidas urxentes en materia de agricultura e alimentación. Porén, este requisito non será exixible nos casos en que non é de aplicación a Lei 12/2013 ou o seu capítulo I do título II, e que figuran indicados no seu artigo 2.

Por outra parte, a dita Lei 12/2013 establece que, nas relacións comerciais, co fin de evitar a destrución de valor na cadea alimentaria, cada operador deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custo efectivo de produción de tal produto. De acordo con iso, e para os efectos desta convocatoria, considerarase que un contrato cumpre ese requisito cando o prezo unitario de compra de cada variedade de uva (€/kg) é superior ao 70 % do prezo unitario medio pagado nos últimos cinco anos polo comprador para toda a uva adquirida desa variedade nesa zona xeográfica protexida. Para verificar o cumprimento deste requisito, o solicitante deberá declarar na epígrafe correspondente do anexo A1 os prezos medios pagados para cada variedade de uva nos últimos cinco anos. A consellería poderá requirirlle ao solicitante a documentación xustificativa dos prezos medios declarados. Este requisito non será exixible nos casos en que non é de aplicación a Lei 12/2013, e que figuran indicados no seu artigo 2.

4. No caso de solicitantes que elaboren viño con uvas de produción propia, que soliciten o recoñecemento ao dereito a préstamos garantidos destinados a financiar o capital circulante de explotación, deberán declarar a súa produción de 2020 cubrindo a epígrafe correspondente do anexo A1. Os datos declarados deben ser concordantes cos que figuran no consello regulador correspondente, así como cos datos da declaración da colleita 2020 presentada no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Para eses efectos, a consellería poderá facer as comprobacións oportunas consultando no Fogga a referida declaración da colleita, salvo que o solicitante manifeste a súa oposición, e nese caso será requirida ao solicitante.

5. Os solicitantes deben estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social, e non ter débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda e Administración Pública).

6. A empresa solicitante non pode atoparse en situación de crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas, considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:

a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando teña desaparecido máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito.

b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade.

c) Cando a empresa se atope inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por pedimento dos seus acredores.

As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c) do parágrafo anterior.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos dous (2) últimos anos.

7. Non poderán obter o recoñecemento ao dereito aos préstamos os solicitantes en que concorra algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e, en particular, os solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.

8. Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

Artigo 5. Presentación de solicitudes

1. As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude de recoñecemento do dereito ao préstamo directamente ou ben a través das entidades financeiras adheridas ao IFXC, que actuarán na súa representación mediante a autorización correspondente, así como mediante calquera outro terceiro que actúe na súa representación. A solicitude irá dirixida ao Servizo de Industrias e Calidade Agroalimentaria da xefatura territorial correspondente da Consellería do Medio Rural onde se sitúe a industria solicitante, segundo o modelo que figura como anexo I.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o día 15 de outubro de 2021.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente rexistradas no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados.

b) Balance e contas de resultados dos dous últimos anos se son sociedades. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.

c) Certificado actualizado do consello regulador acreditativo da súa inscrición como elaborador de viño na denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida correspondente, así como da uva procesada controlada polo consello regulador no ano 2020.

d) No caso de procesamento de uva de produción propia, certificado actualizado do consello regulador acreditativo da superficie de viñedo inscrita na denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida, así como da uva producida no ano 2020.

e) Autorización á SAECA para obter directamente por medios telemáticos a información que considere precisa para elaborar o informe de viabilidade crediticia, seguindo o modelo que figura como anexo III nesta orde.

f) No caso de uva entregada de forma obrigatoria por socios de cooperativas agrarias e outras entidades asociativas, relación asinada dos socios que entregan uva en que figuren os seus nomes, NIF, cantidades e variedades de uva entregadas ou previstas e os importes que se pagarán.

g) No caso de uva adquirida a terceiros:

– Declaración dos contratos de compra de uva na campaña 2021, seguindo o modelo incluído como anexo II.

– Todos os contratos escritos subscritos para a compra de uva na campaña 2021 incluídos na declaración da epígrafe anterior.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documentos acreditativos da personalidade da entidade ou da persoa solicitante, consistentes no NIF cando a solicitante sexa unha persoa xurídica e no DNI ou NIE no caso de que sexa unha persoa física.

b) Declaracións da renda (no caso de persoas físicas) dos 2 últimos anos.

c) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

d) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

e) Acreditación de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública).

f) Comprobación de que o solicitante non ten concedidas outras axudas incompatibles.

g) Comprobación de que o solicitante non está inhabilitado para obter axudas públicas.

h) No caso de procesamento de uva de produción propia, comprobación da declaración de colleita 2020.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Instrución do procedemento

1. Os servizos de Industrias e Calidade Agroalimentaria das xefaturas territoriais da Consellería do Medio Rural instruirán os expedientes correspondentes ao seu ámbito xeográfico e realizarán as actuacións que consideren necesarias para verificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

O servizo xestor da medida que inclúa a operación apoiada polo préstamo será o órgano competente para a instrución do procedemento que analizará a solicitude e a documentación que a acompaña, e para o cal deberá dispoñer do informe de viabilidade crediticia da SAECA.

2. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Examinada a solicitude presentada por cada interesado, e unha vez que dispoña do informe de viabilidade crediticia da SAECA, o servizo xestor formulará a proposta de resolución, que deberá recoller o solicitante ou solicitantes para os que se propón o recoñecemento do dereito a un préstamo, o seu importe ou, se é o caso, a denegación do recoñecemento do dereito.

Artigo 10. Resolución de recoñecemento

1. A resolución dos expedientes corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta do órgano instrutor do procedemento.

2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de tres meses contados desde o momento en que o solicitante presente toda a documentación requirida e se dispoña do informe de viabilidade crediticia da SAECA. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender desestimada a súa petición por silencio administrativo.

3. De acordo coas características do programa, o procedemento de concesión tramitarase en concorrencia non competitiva. As solicitudes resolveranse por orde de entrada das solicitudes completas ata esgotarse as dispoñibilidades orzamentarias. O esgotamento do crédito motivará a inadmisión de posteriores solicitudes.

Artigo 11. Formalización do préstamo

1. Para a formalización do préstamo, o interesado deberá presentar nas entidades financeiras adheridas ao IFXC por ter asinado o correspondente convenio co MAPA, a resolución do recoñecemento do dereito ao préstamo. A póliza do préstamo deberá formalizarse para o obxecto e a nome do titular que figure na resolución de recoñecemento. O importe e a modalidade do préstamo que se formalice en ningún caso poderán superar o importe da resolución nin os límites temporais previstos para a devolución deste.

2. Se, transcorridos seis meses desde a data de emisión da resolución de recoñecemento do dereito ao préstamo garantido, non se formaliza o correspondente préstamo, caducará o recoñecemento a ese dereito, polo que, de producirse a formalización superado este prazo, o dito préstamo non estará garantido polo instrumento financeiro de xestión centralizada.

3. O pagamento dos gastos financiables co préstamo garantido deberá realizarse no prazo máximo de tres meses desde a disposición efectiva dos fondos do préstamo cando o seu destino admitido sexa o pagamento de uva adquirida a terceiros, e de seis meses cando se trate do pagamento doutros gastos de capital circulante.

Artigo 12. Xestión de garantías

As garantías destes préstamos articúlanse mediante o instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020. Con ese fin, a Consellería do Medio Rural asinou o día 3 de decembro de 2020 o Convenio polo que se establece o acordo de financiamento do instrumento financeiro de xestión centralizada Feader 2014-2020 (IFXC) entre o MAPA, a Consellería do Medio Rural e a SAECA. Conforme este, a Consellería do Medio Rural confía ao MAPA as tarefas de execución do IFXC, que serán levadas a cabo pola SAECA na súa calidade de entidade colaboradora do MAPA.

Para eses efectos, a Consellería do Medio Rural ingresará nas contas fiduciarias abertas pola SAECA as contribucións do PDR de Galicia ao IFXC que, en todo caso, se realizarán de conformidade co establecido no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello

Artigo 13. Compatibilidade

Conforme o establecido no artigo 65 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos estruturais e de investimento europeos (EIE) ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

Artigo 14. Controis

A Consellería do Medio Rural realizará os controis administrativos e inspeccións que considere oportunos co fin de comprobar a veracidade dos datos consignados na documentación presentada, así como o cumprimento dos requisitos para a subscrición do préstamo. En particular, esta actuación estará sometida aos controis sinalados nos artigos 58 e 59 do Regulamento (UE) 1306/2013 e no artigo 9 do Regulamento delegado (UE) 480/2014 da Comisión.

O destinatario final e as entidades financeiras colaboradoras estarán obrigados a colaborar na devandita inspección, proporcionando os datos requiridos e facilitando, se é o caso, o acceso ás instalacións da empresa.

Artigo 15. Incumprimentos

En relación coas operacións previstas na presente orde, o réxime de incumprimentos será o establecido no Regulamento delegado (UE) nº 640/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, polo que se completa o Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que respecta ao sistema integrado de xestión e control e ás condicións sobre a denegación ou retirada dos pagamentos e sobre as sancións administrativas aplicables aos pagamentos directos, á axuda ao desenvolvemento rural e á incondicionalidade.

O importe dos préstamos garantidos obxecto desta convocatoria deben destinarse ao fin indicado na resolución correspondente. No caso de non ser así, considerarase que existe un incumprimento no obxectivo da axuda e, sen prexuízo doutras actuacións, procederase a liberar o importe da garantía do préstamo na carteira do instrumento financeiro, asumindo o outorgante do préstamo os custos derivados da eliminación do préstamo da carteira.

Non obstante, excepcionalmente poderá admitirse por causas xustificadas que o importe dos préstamos garantidos se destine ata nun 20 % a amortizar parcialmente o importe do préstamo ou ao pagamento doutro capital circulante da empresa destinado á produción ou comercialización de viño acollido ás denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas vitivinícolas galegas, aínda que non estivese así previsto na resolución de concesión. Nese caso, non se consideraría que existe incumprimento.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Réxime de recursos

A resolución da solicitude porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.

Artigo 18. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Financiamento

As contribucións da Consellería do Medio Rural ao IFXC para custear as garantías deste IFXC destinado ás industrias agroalimentarias fináncianse con cargo ao concepto 14.04.741A.841.01 e código de proxecto 202000104 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Conforme o establecido no artigo 41 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, así como no acordo de financiamento do IFXC entre o MAPA, a Consellería do Medio Rural e a SAECA, a Consellería do Medio Rural ingresou, tras a sinatura do acordo en 2020, nas contas fiduciarias abertas pola SAECA o 25 % do importe total das contribucións do PDR destinado ao IFXC para as industrias agroalimentarias na medida 04 en concepto de contribución para a posta en marcha do IFXC. Dese importe 2.900.000,00 € ingresáronse na conta de desembolso destinados a contratos de garantía.

Con cargo á convocatoria do ano 2020 destes préstamos de campaña garantidos a adegas, a consellería recoñeceu dereitos por un importe de garantías de 333.088,71 €, polo que o saldo restante da conta de desembolso se destinará a financiar as garantías desta nova convocatoria do ano 2021. Así mesmo, destinaranse a financiar estas garantías 4.500.000 € do concepto 14.04.741A.841.01 e código de proxecto 202000104 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2021.

Estas garantías están financiadas polo Feader nun 75 %, pola Xunta de Galicia nun 17,5 % e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 7,5 %.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o/a director/a xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

José Gónzalez Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file