Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2021 Páx. 38316

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 16 de xullo de 2021 pola que se suprime a oficina de rexistro auxiliar da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Ourense.

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece, no seu artigo 26.5, que o Sistema único de rexistro dependerá da consellería competente en materia de administracións públicas e, no artigo 33.3, que as oficinas da Rede de oficinas de atención á cidadanía e de rexistro se crearán, modificarán e suprimirán mediante unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de administracións públicas.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se farán mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

O Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, regula no seu artigo 14 as funcións da Subdirección Xeral de Coordinación do Rexistro e Atención á Cidadanía, entre as que consta a de dirección, coordinación e control das oficinas de rexistro e atención á cidadanía.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

No edificio en que se encadra a sede da Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en Ourense, sitúase tamén a Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, cada unha cunha oficina de rexistro propia. A carga de traballo en materia de rexistro dos dous organismo, pode ser asumida pola oficina da Xefatura Territorial, evitando desa forma a dispersión de esforzos e conseguindo unha coordinación máis axeitada e eficiente para o desenvolvemento desta función común.

Tendo en conta o antedito, é conveniente a supresión da oficina de rexistro auxiliar da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Ourense.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímense a oficina de rexistro auxiliar da Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en Ourense.

Disposición derradeira primeira.

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar, existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo