Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 27 de xullo de 2021 Páx. 38239

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Airas, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. (expediente 121-EOL)

Unha vez examinado o expediente iniciado por solicitude de Fergo Galicia Vento, S.L. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Airas, constan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, admitiuse a solicitude do parque eólico Airas (en adiante, o parque eólico), cunha potencia de 23,57 MW e promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. (en adiante, a promotora).

Segundo. O 29.7.2010, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

Terceiro. O 10.11.2011, a empresa promotora solicitou unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, nun desprazamento do parque eólico e na redución do número de aeroxeradores.

Cuarto. Mediante a Resolución do 8 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) admitíronse as modificacións solicitadas para o proxecto do parque eólico.

Quinto. O 19.6.2012, a promotora presentou nova documentación técnica, actualizada cos cambios aprobados o 8 de marzo de 2012.

Sexto. O 18.1.2013, a Xefatura Territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

Sétimo. Mediante a Resolución do 16 de setembro de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse á información pública para a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15.10.2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 8 de outubro de 2013 e no xornal El Progreso do 29 de outubro de 2013. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Alfoz e Mondoñedo, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria e da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de eivas na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade e delimitación das parcelas, coas superficies afectadas, co tipo de aproveitamento, etc., polo que nalgunhas alegacións se manifesta a desconformidade coa relación.

– Solicítase que se delimiten sobre o terreo, mediante estacas, as superficies afectadas e que se indique para cada predio, a cantidade e as características das árbores afectadas.

Oitavo. O 8.4.2013, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e estableceu as correspondentes condicións.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Alfoz, Augas de Galicia, Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.

Décimo. O 18.10.2013, Retegal, S.A. emitiu as condicións que establecen que a promotora se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contornoa coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT.

Décimo primeiro. O 18.10.2013, Retevisión I, S.A. emitiu as correspondentes condicións técnicas onde comunica que a construción do parque eólico determina a concorrencia dun nivel relevante de afectación en relación cos servizos de difusión do sinal de televisión entre os habitantes da zona. En consecuencia, manifesta a súa oposición á construción do parque eólico na forma proxectada mentres non se establezan na resolución administrativa unhas condicións que teñan por obxecto requirir a obrigatoria e necesaria adopción das medidas correctoras sinaladas no número 3 do informe que achegan xunto co seu escrito ou, na súa falta, outras medidas alternativas que consigan os mesmos fins de eliminación de todo tipo de afectacións e perturbacións sobre os servizos prestados por Retevisión, todo isto con carácter previo á instalación do parque eólico.

Décimo segundo. O 29.10.2013, a Xefatura Territorial reiterou as solicitudes de condicións técnicas, efectuadas o 16.9.2013, ao Concello de Alfoz e a Augas de Galicia.

Décimo terceiro. O 15.11.2013, a promotora achegou as súas alegacións ás condicións emitidas por Retevisión I, S.A.

Décimo cuarto. O 18.11.2013, o Concello de Alfoz emitiu as correspondentes condicións. O 17.12.2013, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo quinto. O 19.11.2013, a promotora achegou as súas alegacións ás condicións emitidas por Retegal.

Décimo sexto. O 26.12.2013, Retevisión I, S.A. achegou a súa resposta ás alegacións efectuadas pola promotora e xuntou un novo informe que complementa o incorporado nas súas condicións iniciais e no cal se modifican as conclusións, nel formulaba novas solucións aos problemas de degradación dos servizos de televisión dixital terrestre na zona de cobertura.

O 21.1.2014, a promotora prestou a súa conformidade ao escrito de Retevisión I, S.A. do 26.12.2013 e manifestou a súa vontade de emendar as afectacións que poida provocar o parque eólico sobre a recepción do sinal TDT daquelas instalacións que sexan titularidade de Retevisión I, S.A., sempre que se demostre que estas deficiencias se produciron e que son consecuencia directa da posta en funcionamento do parque eólico.

Décimo sétimo. O 4.7.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (na súa redacción vixente nesa data).

Décimo oitavo. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello de Alfoz e Concello de Mondoñedo.

Cuberta a tramitación ambiental, o 31.7.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 11 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Décimo noveno. O 20.11.2020, a promotora achegou un escrito en relación coas condicións emitidas por Retegal o 18.10.2013, no cal manifesta que, se unha vez posto en funcionamento o parque eólico obstrúe ou prexudica a recepción ou emisión dos sinais de TDT daquelas instalacións que sexan titularidade de Retegal, levará a cabo as actuacións necesarias para corrixir a deficiencia de cobertura, sempre que se demostre que esta se produciu e que é consecuencia directa da posta en funcionamento do parque eólico.

Vixésimo. O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en que se indica que as posicións dos seis aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Vixésimo primeiro. O 26.2.2021, a promotora achegou o proxecto de execución actualizado. Posteriormente, o 23.3.2021, o 26.3.2021 e o 12.4.2021 achegou documentación complementaria co fin de corrixir erros detectados no proxecto.

Vixésimo segundo. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido a esas directrices.

Vixésimo terceiro. O 7.5.2021, a Xefatura Territorial emitiu informe sobre o proxecto de execución actualizado, recollido no antecedente de feito vixésimo primeiro.

Vixésimo cuarto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 23,57 MW, segundo informe do xestor de rede do 18.10.2017.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, e pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito sétimo, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. Ás alegacións relacionadas coa titularidade e coas características dos bens e dereitos afectados cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

2. En canto ás alegacións relativas ás actuacións para a delimitación exacta sobre o terreo das superficies afectadas, estas deberán realizarse na fase correspondente do expediente.

Cuarto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Airas, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 31.7.2017 e recollida no antecedente de feito décimo oitavo desta resolución:

a) Na epígrafe 4 da DIA recóllese a proposta de resolución, que recolle literalmente: «Logo de examinar a documentación que constitúe o expediente ambiental, este Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre elas, prevalecerá o disposto nesta proposta de DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Airas.

Na epígrafe 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

2. Protección da atmosfera.

3. Protección das augas e leitos fluviais.

4. Protección do solo e infraestruturas.

5. Xestión de residuos.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

7. Protección do patrimonio cultural.

8. Integración paisaxística e restauración.

9. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

10. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Airas, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento, S.L., cunha potencia de 23,35 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Airas, composto polo documento do proxecto de execución. Parque eólico Airas. Febreiro 2021, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1898 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, visado polo devandito colexio o 18.2.2021 co número de visado electrónico 20210484, coas corrección introducidas polos documentos do proxecto de execución. Parque eólico Airas. Fe de erratas. Febrero 2021 e o proxecto de execución. Parque eólico Airas. Segunda fe de erratas. Abril 2021, asinadas polo autor do proxecto o 22.3.2021 e o 12.4.2021, respectivamente.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Fergo Galicia Vento, S.L.

Domicilio social: parque empresarial Alvedro, rúa A 25, 15180 Culleredo (A Coruña).

Denominación: parque eólico Airas.

Potencia autorizada: 23,35 MW.

Produción neta: 73.102 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.131 h.

Concellos afectados: Alfoz e Mondoñedo (Lugo).

Orzamento de execución material: 18.676.395,17 euros (sen IVE).

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

1

627.927

4.819.198

627.802,05

4.818.984,47

2

630.050

4.816.900

629.925,05

4.816.686,47

3

631.000

4.815.300

630.875,05

4.815.086,47

4

628.400

4.815.300

628.275,05

4.815.086,47

5

626.050

4.818.100

625.925,05

4.817.886,47

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

A1

626.792

4.818.072

626.667,05

4.817.858,47

A2

627.237

4.817.793

627.112,05

4.817.579,47

A3

627.456

4.817.500

627.331,06

4.817.286,47

A4

627.733

4.817.272

627.608,06

4.817.058,47

A5

627.934

4.818.592

627.809,05

4.818.378,48

A6

628.132

4.817.797

628.007,06

4.817.583,48

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

TM

627.995

4.817.544

627.870,06

4.817.330,48

Coordenadas da subestación:

Subestación

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

SET

628.800

4.816.190

628.675,05

4.815.976,47

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Seis aeroxeradores, cinco deles modelo Gamesa G10X, de 4.500 kW de potencia nominal unitaria, 150 m de altura da buxa e 150 m de diámetro de rotor, e un modelo Gamesa G58 de 850 kW de potencia nominal, 65 m de altura da buxa e 58 m de diámetro de rotor.

– Seis centros de transformación, cinco deles de 5.000 kVA de potencia nominal unitaria e un de 1.000 kVA, todos eles con relación de transformación 0,69/20 kV, conexión Dyn11, e instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, cos seus correspondentes equipamentos de seccionamento, manobra e protección.

– Unha torre meteorolóxica autoportante de 99 m de altura, equipada con anemómetros, viraventos, sensores de temperatura, humidade, presión e rexistrador de datos.

– Liñas eléctricas subterráneas de 20 kV de tensión nominal e en canalización entubada, para a evacuación da enerxía xerada, de interconexión entre centros de transformación 0,69/20 kV e a subestación transformadora 20/132 kV do parque eólico.

– Camiños ou vías para o acceso aos aeroxeradores, ao edificio de control e á subestación eléctrica do parque eólico.

– Subestación transformadora PASS M0 20/132 kV, configuración simple barra, cun transformador principal 20/132 kV intemperie, de 25/27 MVA ONAN/ONAF de potencia nominal, e outro de servizos auxiliares 20/0,42 kV de 100 KVA, cos correspondentes equipamentos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control de 140 m2 na planta baixa, no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fergo Galicia Vento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 196.690 euros.

Esta fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 31.7.2017, así como as establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a Xefatura Territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Empresa e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Fergo Galicia Vento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta número 3 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 25 xuño de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente a que se fai referencia no antecedente de feito sétimo:

Francisco Cayón Lorenzo, o 7.11.2013; Pedro Castro Reigosa, o 7.11.2013; María Esther Reigosa Lorenzo, o 15.11.2013; Carmen Rubal Bermúdez, o 15.11.2013; María Josefa Reigosa Lorenzo, o 15.11.2013; José Ramón Sixto García, María Carmen Sixto García e María Josefa Sixto García (Hdos. D. José García Reigosa), o 15.11.2013; Guillermo Fernández Fernández e María Pilar Paz Reigosa, o 20.11.2013; Josefa Díaz Maseda, o 18.11.2013; Carmen María García Moscoso, o 19.11.2013; Pilar Geada Reigosa e 36 persoas máis, o 19.11.2013; José Villanueva Villabrille, en representación de Pilar Geada Reigosa e 36 persoas máis, o 22.1.2014 e o 2.4.2014.