Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 27 de xullo de 2021 Páx. 38251

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Airas, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo) e promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. (expediente 121 EOL).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Airas.

a) Contido da resolución e condicións:

Outorgar autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións do parque eólico Airas, sito nos concellos de Alfoz e Mondoñedo (Lugo), e promovido por Fergo Galicia Vento, S.L., cunha potencia de 23,35 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Fergo Galicia Vento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 196.690 euros.

Esta fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e o procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 31.7.2017, así como as establecidas no correspondente Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

6. Unha vez construídas as instalacións autorizadas e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Empresa e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

7. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Fergo Galicia Vento, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

8. De conformidade coa disposición transitoria cuarta número 3 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, admitiuse a solicitude do parque eólico Airas (en adiante, o parque eólico), cunha potencia de 23,57 MW e promovido por Fergo Galicia Vento, S.L. (en adiante, a promotora).

2. O 29.7.2010, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

3. O 10.11.2011, a empresa promotora solicitou unha modificación do proxecto consistente, de forma xeral, nun desprazamento do parque eólico e na redución do número de aeroxeradores.

4. Mediante a Resolución do 8 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais), admitíronse as modificacións solicitadas para o proxecto do parque eólico.

5. O 18.1.2013, a Xefatura Territorial emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

6. Mediante a Resolución do 16 de setembro de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse á información pública para a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, así como inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, as instalacións relativas ao parque eólico.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 15.10.2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 8.10.2013 e no xornal El Progreso do 29.10.2013. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Alfoz e Mondoñedo, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria e da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A seguir resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de eivas na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade e delimitación das parcelas, coas superficies afectadas, co tipo de aproveitamento, etc., polo que nalgunhas alegacións se manifesta a desconformidade con esa relación.

– Solicítase que se delimiten sobre o terreo, mediante estacas, as superficies afectadas e que se indique para cada predio a cantidade e as características das árbores afectadas.

7. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión das correspondentes condicións técnicas, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Alfoz, Augas de Galicia, Retegal, S.A.; Retevisión I, S.A. e a Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

8. O 4.7.2017, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro (na súa redacción vixente nesa data).

9. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia de Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Concello de Alfoz e Concello de Mondoñedo.

Cuberta a tramitación ambiental, o 31.7.2017, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 11 de agosto de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 179, do 20 de setembro).

10. O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe no cal se indica que as posicións dos seis aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

11. O 26.2.2021, a promotora achegou o proxecto de execución actualizado. Posteriormente, o 23.3.2021, o 26.3.2021 e o 12.4.2021 achegou documentación complementaria co fin de corrixir erros detectados no proxecto.

12. O 7.5.2021, a Xefatura Territorial emitiu informe sobre o proxecto de execución actualizado.

13. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 23,57 MW, segundo o informe do xestor de rede.

14. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais