Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2021 Páx. 37716

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de Policía Local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E).

BDNS (Identif.): 575883.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios destas subvencións aqueles concellos de Galicia que teñan subscrito ou vaian subscribir un contrato de renting con data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2021 e que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter menos de 50.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en xaneiro de 2021, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2019 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria ou interventora do concello.

c) Contar con corpo de Policía Local, segundo os datos facilitados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior.

Segundo. Obxecto

Poderán ser obxecto de subvención os gastos ocasionados como consecuencia da subministración, mediante o sistema de renting, de vehículos eléctricos ou vehículos híbridos enchufables e non enchufables que reúnan as condicións para obter o distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, con destino aos corpos de Policía Local para o exercicio das súas funcións.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual e en réxime de concorrencia competitiva, dirixidas a concellos para a adquisición de vehículos alternativos, mediante o sistema de renting, con destino aos corpos de Policía Local, financiadas polo Fondo de Compensación Ambiental (código de procedemento PR483E).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito ata un importe máximo de 1.075.200,00 €, coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade

Importe

2021

112.000,00

2022

268.800,00

2023

268.800,00

2024

268.800,00

2025

156.800,00

Total

1.075.200,00

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo