Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2021 Páx. 37718

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición da Fundación Terreo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición da Fundación Terreo no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 30 de marzo de 2021, Roberto Fernández Rico, na súa condición de presidente do padroado da fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Terreo foi constituída en escritura pública outorgada na Fonsagrada (Lugo) o 8 de marzo de 2021, ante o notario Carlos Antonio Doval Grande, co número de protocolo 304, polo Concello de Ribeira de Piquín, representado polo seu alcalde presidente, Roberto Fernández Rico.

3. A Fundación Terreo, segundo establece o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto a posta en valor e o aproveitamento do patrimonio, co fin de fomentar o desenvolvemento rural e impulsar a economía social local e a creación de emprego en Ribeira de Piquín e a súa contorna, e contribuír a frear a despoboación do municipio.

Para a consecución dos seus fins poderá realizar as seguintes actividades:

a) Acondicionamento e aproveitamento de bens e terras en desuso para destinalas á produción ecolóxica en diferentes modalidades.

b) Formación e creación de convenios de prácticas ou voluntariado con universidades e/ou empresas.

c) Divulgación e publicidade de accións levadas a cabo pola fundación.

d) Dinamización económica do municipio e da súa contorna, con especial énfase na economía social.

4. Na escritura de constitución da fundación constan os aspectos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla; a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; a dotación; os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da fundación consta a súa denominación; o seu enderezo; o seu obxecto e a finalidade; as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios; a composición e as normas de funcionamento do padroado; e as causas de disolución e o destino dos bens e dereitos resultantes da súa liquidación.

6. O padroado inicial da fundación está formado por Roberto Fernández Rico como presidente; Alberto Ferreiro Ferreiro como vicepresidente; María del Pilar Tella Mazoy como secretaria, e María Encarnación Álvarez Méndez como vogal.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación da Fundación Terreo como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e segundo establecen os artigos 47.2 da citada lei; 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro; e 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro; o protectorado será exercido polo departamento da Xunta de Galicia que teña atribuídas as competencias correspondentes aos fins fundacionais.

8. De conformidade coa citada proposta, pola Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo do 8 de xuño de 2021 (Diario Oficial de Galicia núm. 115, do 18 de xuño) clasificouse de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Terreo, e adscribiuse á Consellería do Medio Rural para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Advertidos erros na dita orde, con data do 25 de xuño publicouse no DOG unha corrección de erros (Diario Oficial de Galicia núm. 120, do 25 de xuño de 2021).

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 235, do 11 de decembro), corresponde á dita consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Terreo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Á vista do que antecede e tendo en consideración o establecido na normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, e nas demais normas de xeral e pertinente aplicación; en uso das competencias atribuídas polo Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e se modifica parcialmente o Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica de Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Terreo.

Segundo. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería do Medio Rural.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, no Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación e, especialmente, ás obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como á de presentación anual da documentación contable e do plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería do Medio Rural.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural