Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 21 de xullo de 2021 Páx. 37334

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de xullo de 2021 pola que se establecen os modelos normalizados de declaración de existencia de pataca en almacén e declaración de cultivo de pataca ao abeiro da Resolución do 8 de marzo de 2017, pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e o control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento MR465B e MR465C).

A praga denominada couza guatemalteca da pataca, provocada polo organismo nocivo denominado Tecia solanivora Povolny ou Scrobipalposis solanivora Povolny, foi detectada na Comunidade Autónoma de Galicia en agosto do ano 2015. A Resolución do 16 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, declarou a presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca, estableceu as zonas demarcadas para esta praga e adoptou medidas urxentes para a súa erradicación e control na Comunidade Autónoma de Galicia.

A través de diversas resolucións da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias declarouse a presenza da praga e establecéronse as zonas demarcadas e as medidas urxentes de obrigado cumprimento, tanto para produtores profesionais e de autoconsumo deste tubérculo coma para os puntos de venda de pataca de semente.

Con data do 4 de marzo de 2017 publicouse o Real decreto 197/2017, do 3 de marzo, polo que se establece o Programa nacional de control e erradicación de Tecia (Scrobipalposis solanivora Povolny). Neste real decreto establécese que nas comunidades autónomas onde o cultivo da pataca sexa feito de forma maioritaria nun gran número de parcelas pequenas, repartidas irregularmente por todo o territorio, e por agricultores non profesionais que dedican toda a súa produción ao autoconsumo ou á venda directa en mercados locais, poderán redefinirse as zonas infestadas para adaptalas ao seu territorio, ampliándoas, se for o caso, a todo o termo municipal.

En virtude de diversas resolucións da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias declarouse a existencia da praga e establecéronse as zonas demarcadas e as medidas de obrigado cumprimento. Dentro destas medidas estableceuse a necesidade de que as persoas das parroquias pertencentes ás zonas infestadas indicadas na correspondente resolución deban presentar unha declaración das existencias de pataca almacenada en almacén para os efectos de que os servizos oficiais procedan á súa retirada e destrución, por considerarse este tubérculo como material contaminado por este organismo nocivo. Así mesmo, as persoas agricultoras de todas as zonas tampón declaradas en Galicia deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os modelos normalizados de declaración de pataca en almacén e declaración de cultivo de pataca para os efectos da Resolución do 8 de marzo de 2017 pola que se establecen as zonas infestadas e as zonas tampón e se implementan as medidas para a erradicación e o control con respecto ao organismo de corentena Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca na Comunidade Autónoma de Galicia, que se establecen como anexo I e anexo II desta orde (códigos de procedemento MR465B e MR465C).

Artigo 2. Forma de presentación das declaracións de pataca almacenada en zonas infestadas e declaración de cultivo de pataca en zonas tampón

A presentación da declaración de pataca almacenada en zonas infestadas e da declaración de cultivo de pataca en zonas tampón realizarase preferentemente a través de medios electrónicos con los formularios normalizados MR465B e MR465C, respectivamente, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As persoas interesadas deberán cumprir o establecido nos artigos 14, 16 e 66 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e así mesmo, ao abeiro do artigo 10.1.a) e c) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas traballadoras autónomas (persoas físicas) e as persoas que as representen, para os trámites e as actuacións que realicen no exercicio da súa actividade profesional, estarán obrigadas a relacionarse a través dos medios electrónicos para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo no ámbito do sector público autonómico:

As comunicacións presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados (anexo I e anexo II) dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

O prazo de presentación dos formularios será establecido meidante a resolución da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas físicas que sexan traballadoras autónomas e as persoas representantes dunha das anteriores.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que for realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica (persoas físicas que non sexan traballadoras autónomas), opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado (anexo I e anexo II ) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 3. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso, no formulario, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou for expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 4. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Consulta do DNI/NIE da persoa declarante.

b) Consulta do DNI/NIE da persoa representante (se for o caso).

c) Consulta do NIF da entidade declarante para as persoas xurídicas.

d) Consulta do NIF da entidade representante para as persoas xurídicas (se for o caso).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 5. Trámites administrativos posteriores á presentación da declaración

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica, tamén poderán realizarse eses trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Disposición adicional única. Actualización de modelos normalizados

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación dos procedementos regulados nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Todo produtor que realice a declaración de cultivo de pataca presentará o modelo de comunicación no cal indicará a totalidade das referencias Sixpac das parcelas de pataca que cultiva na zona demarcada.

Formalización dos datos solicitados no impresos.

Identificador da persoa produtora/cultivadora.

– Enténdese a identificación da persoa produtora como cultivadora, independentemente da persoa propietaria da parcela.

– Indicarase o código da explotación agraria (CEA) se está inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga).

Parcelas de cultivo de pataca:

– Indicarase a referencia Sixpac das parcelas e a súa superficie, e a superficie sementada se é cultivada en parte.

– Para parcelas nas cales non conste referencia Sixpac rústica (solo urbano, núcleo, etc.) pode referenciarse a coordenada UTM do recinto.

– Os datos indicaranse nas diferentes celas deste impreso de acordo cos seguintes criterios: a superficie en metros cadrados (m2).