Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 21 de xullo de 2021 Páx. 37332

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Emprego e Igualdade, pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, pola que se encarga a esta fundación a posta á disposición dos espazos precisos e dos traballos de apoio para a realización da 15ª convocatoria das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional.

De conformidade co previsto nos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáse publicidade á Resolución do 22 de xuño de 2021, da Consellería de Emprego e Igualdade, pola que se encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia a posta á disposición dos espazos precisos e dos traballos de apoio para a realización da 15ª convocatoria das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional da Consellería de Emprego e Igualdade, coas seguintes características:

– A actividade obxecto da encomenda é realizar os traballos de apoio para a 15ª convocatoria das probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade dos niveis 2 e 3 de cualificación profesional, programadas para os días 24 e 25 de xuño, de conformidade cos requirimentos técnicos que se detallan na correspondente resolución, relativos ás obrigas da entidade encomendante, ás directrices de execución e ao cronograma de actividades que se van desenvolver.

– A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de Galicia, de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da citada Lei 16/2010, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

– Prazo de vixencia: do 21 ao 29 de xuño de 2021.

– Importe: o importe da encomenda ascende á cantidade de cento vinte e cinco mil cento seis euros con corenta e seis céntimos (125.106,46 €) con cargo á aplicación orzamentaria 11.05.323A.226.13.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2021

José Ramón Pardo Cabarcos
Secretario xeral técnico da
Consellería de Emprego e Igualdade