Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2021 Páx. 36452

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso extraordinario de revisión presentado contra a ampliación do monte veciñal de Trasparga, do concello de Guitiriz (expediente 2/2017-ampliación).

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 2 de xuño de 2021 figura o seguinte acordo:

Monte de Trasparga (exp. 2/2017-ampliación), pertencente aos veciños da parroquia de Trasparga, no concello de Guitiriz.

Con data do 8.7.2020 tivo entrada un escrito da comunidade de Trasparga en que manifesta, en síntese, o seguinte:

– Que na solicitude de ampliación do monte de Trasparga incluíron, por erro, as instalacións dun muíño e o seu terreo circundo.

– Que o predio en cuestión se denomina Muíño de Ruxida e está dentro da parcela catastral 27022A11400218, que foi obxecto de clasificación como MVMC.

– Que a comunidade de Trasparga recoñece que o Muíño de Ruxida é propiedade privada de Guitec, S.L.

– Entre outra documentación, presentan certificación do Rexistro da Propiedade de Vilalba sobre a inscrición do antedito predio, no ano 2002, a favor de Guitec, S.L.

– Solicitan a súa exclusión dos terreos clasificados baixo o expediente 2/2017-ampliación.

– Co recurso presentado presentan un certificado do rexistro da propiedade que acredita a historia das inscricións do predio do Muíño de Ruxida, cuxa última inscrición no ano 2002, é a favor de Guitec, S.L. (predio 6906 de Guitiriz. Folio 125 do tomo 340 e folio 8 do tomo 410).

No procedemento de ampliación do MVMC non houbo constancia do titular de dereito inscrito Guitec, S.L., polo que non se lle deu audiencia durante a súa tramitación.

Ao concorrer a circunstancia descrita no artigo 125.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dun erro de feito resultado dos propios documentos incorporados ao expediente, procede tratalo como un recurso extraordinario de revisión.

O 19.5.2021 o Servizo de Montes elaborou unha memoria e cartografía coa identificación da parcela impugnada respecto do MVMC de Trasparga.

Examinado o recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda estimalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución do recurso e proceder ás oportunas modificacións no expediente, de acordo coa memoria técnica elaborada polo Servizo de Montes.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 29 de xuño de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo