Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 35906

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

DECRETO 108/2021, do 1 de xullo, polo que se aproba a creación da Facultade de Turismo da Universidade da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O artigo 7 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que as universidades públicas estarán integradas por escolas, facultades, institutos universitarios de investigación, escolas de doutoramento e por aqueles outros centros ou estruturas necesarios para o desempeño das súas funcións, e o artigo 5 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, recolle a estrutura das universidades, da cal forman parte as escolas e facultades na súa condición de centros e unidades docentes.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, sinala no seu artigo 17 que a creación de centros docentes na Comunidade Autónoma de Galicia será aprobada pola Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades, sexa por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da universidade, sexa por iniciativa da universidade, mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos os casos co informe previo favorable do Consello Social.

O Decreto 259/1994, do 29 de xullo, establece, con carácter xeral, o procedemento para a creación e o recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Universidade da Coruña, na sesión ordinaria do Consello de Goberno do 3 de abril de 2019, aprobou a creación da Facultade de Turismo e o Pleno do Consello Social da citada universidade, reunido o 11 de abril de 2019, emitiu informe favorable sobre a creación da citada Facultade.

De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT), e no artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, unha vez acordada a creación do centro, a Xunta de Galicia dará traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do un de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación do centro

Autorizar á Universidade da Coruña a creación da Facultade de Turismo para a impartición do Grao en Turismo, sen prexuízo de futuras titulacións que poidan ser autorizadas de acordo coa normativa vixente.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Dar traslado ao Ministerio de Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira

Autorízase o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento desde decreto.

Disposición derradeira segunda

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijoo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade