Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 36086

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de xuño de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica a resolución do recurso de reposición presentado contra a revisión do esbozo do monte veciñal de Santo Estevo de Parga, concello de Guitiriz (expediente 35/75).

Na sesión do Xurado Provincial do día 2.6.2021 figura o seguinte acordo sobre o monte Santo Estevo de Parga (expediente 35/75), pertencente aos veciños da parroquia de Santo Estevo de Parga, no concello de Guitiriz.

Con data do 10.8.2018 tivo entrada un recurso de reposición, presentado por Mª Carmen Martínez Campo, contra o Acordo do Xurado do 14.6.2018, de revisión de esbozo do monte veciñal. Nel manifesta que dous predios incluídos no esbozo do monte a raíz da citada revisión son da súa propiedade. Con data do 14.3.2019 presenta unha aclaración na cal manifesta:

– Que o predio denominado Revolta de Tralos Aros se atopa na zona sueste da actual parcela catastral 15, do polígono 333.

– Que o predio Raxadeira se corresponde coa subparcela L da parcela catastral 2 do polígono 297. Achega a copia dunha división de herdanza do ano 1969 e un testamento de 1963 do que di derivar a súa propiedade de xeito sucesorio.

Con data do 2.5.2019, logo do traslado do recurso á comunidade do monte, o seu presidente presentou un escrito de alegacións no cal, en síntese, manifesta o seguinte:

– Que os documentos achegados pola recorrente non acreditan de ningún xeito a propiedade das parcelas en que a recorrente di estaren situados os seus predios, isto é a parcela 2 do polígono 297 e a parcela 15 do polígono 333.

– Que ambas as parcelas son do MVMC de Santo Estevo de Parga e así consta no Catastro actual e no Catastro histórico de rústica, no cal aparecía como titular o común dos veciños de Parga.

– Que a Comunidade está tramitando a cesión de aproveitamentos individuais nos termos previstos na DT 15ª da Lei 7/2012, de montes de Galicia, para plantacións realizadas por veciños particulares. Estas cesións inclúen varias plantacións feitas nas parcelas catastrais a que se refire o recurso, os veciños recoñecen que os terreos son do MVMC de Santo Estevo de Parga. Entre as cesións tamén se inclúe a plantación da parcela Raxecendes a favor de Mª Carmen Martínez Campo, que tamén fai o tal recoñecemento sobre a propiedade do monte. E respecto da parcela Revolta Tralos Aros, aclara que non se incluíu nas cesións por atoparse poboada de bidueiros procedentes de rexeneración e non de plantación.

Coas alegacións achegan ortofotos do Catastro histórico e escritura de cesión de aproveitamento formalizada o 15.5.2019 a favor de Mª Carmen Martínez Campo, na cal recoñece que a parcela 2 do polígono 297 de Guitiriz é propiedade do MVMC de Santo Estevo de Parga.

Unha vez examinado o recurso, o Xurado, por unanimidade, acorda rexeitalo, de conformidade cos fundamentos que se recollen na correspondente resolución.

Contra esta resolución, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 25 de xuño de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de
Montes Veciñais en Man Común de Lugo