Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 36078

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de xuño de 2021, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se publica o acordo adoptado relativo aos montes estremeiros co monte de Frexulfe do Valadouro (expediente 31/79 e tres máis).

Na sesión do Xurado Provincial do día 2 de xuño de 2021 figura o seguinte acordo sobre os montes Esculca, Barreira Moura, Cabaleiro e Rego do Madeiro (expediente 31/79), pertencente aos veciños da parroquia de Vilacampa, no Valadouro; os montes Xestaca e Grandavella (expediente 29/79), dos veciños da parroquia de San Tomé de Recaré, no Valadouro; os montes Xesto, Campo do Carballido, Porto do Río, Rego da Poltra, Veiga de Lamas, Cadramón e Monte Rubio (expediente 26/79), pertencentes aos veciños da parroquia de Cadramón, no Valadouro; e os montes Pena Luisa, Chao do Curro, Pena da Auga, Pedreizó e Pao do Lamos (expediente 115/78), dos veciños da parroquia de Miñotos, en Ourol. Todos eles son estremeiros co MVMC de Frexulfe do Valadouro.

Con data do 18 de maio de 2021, o Servizo de Montes elaborou unha memoria (2021_1) na cal se recollen os cambios provocados nos anteditos montes como consecuencia do deslindamento do MVMC de Frexulfe no ano 2008, aprobado pola Orde do 25 de febreiro de 2008, da Consellería do Medio Rural (DOG nº 44, do 3 de marzo). Co devandito deslindamento establecéronse os límites de Frexulfe cos montes lindeiros, mais na actualidade só se actualizou a cartografía de Frexulfe pero non a dos montes estremeiros, polo que é preciso adaptar a súa cartografía e dar coherencia administrativa e gráfica ao deslindamento.

Como consecuencia desta adaptación, os montes pasan a ter a posición e as características xeométricas que se recollen nos planos da memoria, coas seguintes superficies resultantes:

– Esculca, Barreira Moura, Cabaleiro e Rego do Madeiro: superficie de 1.001 hectáreas.

– Xestaca e Grandavella: superficie: 274 hectáreas.

– Xesto, Campo do Carballido, Porto do Río, Rego da Poltra, Veiga de Lamas, Cadramón e Monte Rubio: superficie 2.446 hectáreas.

– Pena Luisa, Chao do Curro, Pena da Auga, Pedreizó e Pao do Lamos: superficie 1.476 hectáreas.

Unha vez examinada a documentación, o Xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento efectuado e proceder ás oportunas modificacións nos respectivos expedientes.

O plano que figura no anexo, ao final deste anuncio, recolle a adaptación dos citados montes ao deslindamento do monte de Frexulfe.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 24 de xuño de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo

ANEXO

missing image file