Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 8 de xullo de 2021 Páx. 34849

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 99/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Cabana de Bergantiños de dous treitos antigos da estrada AC-429.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Cabana de Bergantiños solicita a transferencia de dous treitos antigos da estrada autonómica AC-429 situados na marxe esquerda, entre os puntos quilométricos 2+720 e 2+940 e os puntos quilométricos 6+890 e 7+000.

Polo Concello de Cabana de Bergantiños discorren as estradas autonómicas AC-423, AC-429, AC-430, AC-552 e AG-55. É atravesado pola estrada AC-429 Ponteceso (AC-424)-Laxe entre os puntos quilométricos 0+050 e 9+300.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1, precisando que se trata de dous treitos antigos da estrada AC-429: o primeiro, duns 156 metros de lonxitude, situado entre os puntos quilométricos 2+790 e 2+940, e o segundo, duns 103 metros, entre os puntos quilométricos 6+890 e 6+980 respectivamente, sen funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

– Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Cabana de Bergantiños de:

Denominación

PQi

Coordenadas UTM(ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

Marxe

Lonxitude

Superficie

Treito antigo 1 da AC-429

2+790

X=506.541

Y=4.785.682

2+940

X=506.438

Y=4.785.578

ME

156 m

2.164 m²

Treito antigo 2 da AC-429

6+890

X=503.135 Y=4.785.350

6+980

X=503.050 Y=4.785.380

ME

103 m

1.673 m2

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Cabana de Bergantiños deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Cabana de Bergantiños, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade