Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 7 de xullo de 2021 Páx. 34750

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

ORDE do 22 de xuño de 2021 pola que se resolve a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo convocado mediante a Orde do 22 de marzo de 2021.

Mediante a Orde do 22 de marzo de 2021, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 62, do 5 de abril de 2021, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, de dous postos de traballo na Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, e no Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei e o artigo 17.4 do citado decreto,

DISPOÑO:

Primeiro. Adxudicar destino, no posto de traballo que se indica, ao funcionario que se expresa no anexo desta orde, seleccionado conforme o establecido nas bases da convocatoria, realizada pola Orde desta consellería do 22 de marzo de 2021.

Segundo. O cesamento no actual destino do funcionario que obtivo praza producirase no prazo de tres (3) días, contados a partir do seguinte ao da data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se na data en que debe cesar no seu destino o funcionario está desfrutando un período de licenza, vacacións ou permiso, o prazo para efectualo empezará a contar a partir do día seguinte ao da súa incorporación.

A toma de posesión da praza adxudicada deberase realizar no prazo de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o adxudicatario do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles, conforme o establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

Terceiro. A persoa responsable do centro en que cause baixa o funcionario, así como na daquel en que obteña destino, consignarán no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión, das cales se dará traslado, mediante copia, á Dirección Xeral da Función Pública.

Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación

ANEXO

Apelidos e nome: Coello García, Alejandro.

DNI: ***6677**.

Grupo/subgrupo: C1.

Corpo ou escala: corpo técnico auxiliares de informática do Estado.

Código de posto: EF.B01.00.000.15770.005.

Denominación: secretario/a dos vogais do Tribunal Galego de Defensa da Competencia.

Nivel: 18.

Centro directivo: Comisión Galega da Competencia (Instituto Galego do Consumo e da Competencia).

Localidade: Santiago de Compostela.

* O DNI móstrase cifrado co fin de protexer os datos de carácter persoal.