Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 7 de xullo de 2021 Páx. 34813

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación o expediente de información pública do proxecto de construción da senda na AC-301 entre os puntos quilométricos (pp.qq.) 2+250 e 2+800, de clave AC/19/128.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 22 de xuño de 2021 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública do proxecto de construción da senda na AC-301 entre os pp.qq. 2+250 e 2+800, de clave AC/19/128.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A actuación obxecto do proxecto consiste en definir, xustificar e valorar as actuacións necesarias para a mellora da seguridade viaria e o fomento da mobilidade sustentable na estrada autonómica AC-301, no treito comprendido entre os pp.qq 2+250 e 2+800 (marxe esquerda), e a antiga AC-299 (estrada actualmente de titularidade local), sendo a lonxitude total da senda proxectada de 820 m e permitindo a conexión dos itinerarios peonís xa existentes no polígono industrial de Rois/Padrón coas beirarrúas do núcleo rural de Rois.

Segundo. No Diario Oficial de Galicia núm. 195, do 25 de setembro de 2020, publicouse o Anuncio do 15 de setembro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública a separata do proxecto de construción da senda na AC-301 entre os pp.qq. 2+250 e 2+800, de clave AC/19/128.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes, e no trámite de información pública formuláronse alegacións polas persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións a que se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG nº 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior, e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e tras os informes, alegacións e certificados presentados,

RESOLVO:

Aprobar o expediente de información pública da senda na AC-301 entre os pp.qq. 2+250 e 2+800, de clave AC/19/128.06, mantendo o trazado proposto como definitivo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas