O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións de concesión deste procedemento será de catro meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, de ser o caso, da súa emenda (artigo 23.2 das bases reguladoras).
O prazo para presentar solicitudes rematou o 2 de setembro de 2020 e, unha vez finalizado o prazo de presentación das emendas e tras o informe dos servizos técnico e xurídico, reuniuse o comité de avaliación, que elaborou unha proposta dos solicitantes propostos para obter a subvención, así como o importe da subvención e, posteriormente, notificáronse as resolucións de concesión das axudas.
De acordo co disposto no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se convocan estas axudas, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de xuño de 2021.
Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.
No presente procedemento de concesión de axudas estanse a rexistrar numerosas solicitudes de prórroga por parte dos beneficiarios, motivadas polas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas referidas datas límite, por cuestións orzamentarias, de procedemento de contratación das obras e demora nas entregas de materiais polos provedores e, ademais, non existe a posibilidade de causar prexuízos a terceiros.
Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,
DISPOÑO:
Primeiro. Modificar a data límite para a execución e xustificación dos investimentos que figura no artigo 5 da Resolución do 3 de agosto de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para as anualidades 2020-2021, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na xestión destas subvencións, de xeito que o prazo límite para a execución dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados e para a xustificación dos gastos se amplía ata o 15 de setembro de 2021.
Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos nos artigos 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 da LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.
Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021
Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia