Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Martes, 29 de xuño de 2021 Páx. 32810

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2021 pola que se aproba o plan experimental para a xestión da nécora e do camarón coa arte de nasa nécora e camarón 2021-2023.

Feitos.

A nécora (Necora puber Linnaeus, 1767) é un crustáceo decápodo que constitúe unha das especies de maior valor comercial da frota artesanal de Galicia. As descargas anuais de nécora nos portos desta Comunidade pola frota galega de artes menores oscilaron na serie histórica 2010-2021, entre os valores máximos da campaña 2017-2018, 146 toneladas, e os mínimos da campaña 2013-2014, 91,7 toneladas. E con 132,6 toneladas na campaña 2020-2021.

Esta especie vive en fondos rochosos, desde o nivel infralitoral ata 70 metros de profundidade e pode atoparse tamén en fondos de area e de lama, especialmente nos fondos situados baixo os polígonos de bateas.

En canto ao ciclo reprodutivo, é entre xaneiro e abril cando se producen os máximos de femias ovadas, observándose un segundo período aínda que de menor intensidade a principios do verán.

A nécora captúrase fundamentalmente coa arte de nasa de nécora e camarón que se emprega durante a noite, tanto dentro como fóra das rías. Realízase na zona rochosa do litoral ata uns 50 metros de profundidade, concentrándose nos primeiros 20 metros, e na parte externa e media das rías nas zonas de bateas dedicadas ao cultivo do mexillón. En menor medida péscase con bou de man e de vara na zona media-externa das rías con horario diúrno.

A captura da nécora e do camarón está regulada polo Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as artes, aparellos, útiles, equipamentos e técnicas permitidos para a extracción profesional dos recursos mariños vivos en augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, e polos plans de explotación vixentes. Nel establécese a unificación das nasas de nécora e camarón, ao teren as mesmas características e empregarse habitualmente para a captura indistinta das dúas especies.

Por todo iso, cómpre unificar toda a normativa nun só plan experimental para a xestión da nécora e do camarón, ao cal se engaden as propostas do sector.

Solicitáronse os informes técnicos correspondentes.

Base legal.

A arte de nasa para nécora e camarón está regulada no capítulo IV, sección primeira, subsección primeira, nos artigos 126 ao 129 (inclusive) do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

O artigo 128 do citado Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, regula que o lance da nasa de nécora e camarón será nocturno e que a actividade desenvolverase desde dúas horas antes do ocaso do domingo ata dúas horas despois do orto do venres.

Non obstante, naquelas zonas onde non haxa polbo (Octopus vulgaris), a consellería competente en materia de marisqueo poderá autorizar o calamento diúrno, desde dúas horas antes do orto do luns ata dúas horas despois do ocaso do venres.

Na disposición transitoria terceira do mencionado decreto, especifica que os plans experimentais referidos no artigo 3.3º deste decreto manteñen a regulación prevista no artigo 3 bis do Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, aprobado polo Decreto 424/1993, do 17 de decembro, ata que non se aprobe a norma que o substitúa.

O artigo 3.2 do Decreto 198/2004, do 29 de xullo, que modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, polo que se aproba o regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia, establece que a Consellería de Pesca poderá, con carácter experimental e temporal, aprobar plans de pesca co obxecto de estudar os efectos derivados da utilización de novas artes e aparellos, ou da modificación da regulación dos definidos neste regulamento, cara á unha mellor xestión dos recursos pesqueiros.

Tendo en conta o anterior,

RESOLVO:

Autorizar o seguinte plan experimental para a xestión da pesca da nécora con nasa para nécora e camarón en augas competencia da Comunidade Autónoma galega, que deberá axustarse ás seguintes condicións:

1. Participantes. Participarán no plan as embarcacións con porto base na Comunidade Autónoma de Galicia que teñan autorizado o uso da arte de nasa nécora e camarón.

2. Arte. A arte que se utilizará será a nasa para nécora e camarón, segundo a descrición establecida no artigo 126 do devandito Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro.

Terase en conta o establecido na letra e) -características técnicas da estrutura-, que di: «Durante a veda da nécora, a boca de entrada non poderá exceder de 50 milímetros no seu diámetro maior».

O número máximo de nasas para nécora e camarón permitido estará en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo, que queda establecido do seguinte xeito:

a) Embarcacións tipo I e II: máximo de 75 nasas por embarcación máis 75 nasas por tripulante, ata un máximo de 225 nasas.

b) Embarcacións tipo III: máximo de 125 nasas por embarcación máis 75 nasas por tripulante, ata un máximo de 350 nasas.

c) Embarcacións tipo IV e V: máximo de 200 nasas por embarcación máis 75 nasas por tripulante, ata un máximo de 450 nasas.

d) Embarcacións tipo VI e VII: máximo de 250 nasas por embarcación máis 75 nasas por tripulante, ata un máximo de 550 nasas.

En relación aos topes máximos de nasas establecidos na presente resolución, en calquera caso é responsabilidade do armador respectar as limitacións no número de nasas establecidas nos certificados de seguridade emitidos polas capitanías marítimas.

3. Vixencia do plan. A época de vixencia do presente Plan abrangue desde o 1 de xullo de 2021 ata o 30 de xuño de 2023.

4. Período de veda. O período de veda para a nécora é o establecido na Orde do 21 de decembro de 2020 pola que se aproba o Plan xeral de explotación marisqueira para o trienio 2021-2023 (códigos de procedemento PE403A, PE403C, PE403D e PE403E).

5. Horario. O lance da nasa de nécora e camarón será nocturno. A actividade poderá desenvolverse:

Modalidade A. Desde dúas horas antes do ocaso do domingo ata dúas horas despois do orto do venres.

Modalidade B. Desde dúas horas antes do ocaso do luns ata dúas horas despois do orto do sábado.

Modalidade C. Non obstante o anterior, nas rías de Arousa e Vigo, por dentro do anexo V, o calamento poderá ser diúrno desde dúas horas antes do orto do luns ata dúas horas despois do ocaso do venres. As embarcacións despachadas nesta modalidade C non poderán capturar polbo, de conformidade con establecido no artigo 128 punto 2 do devandito Decreto 15/2011.

Modalidade D. Na ría de Pontevedra, por dentro das liñas de referencia do anexo III do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, o calamento das nasas poderá ser diúrno desde dúas horas antes do orto do luns ata dúas horas despois do ocaso do venres. As embarcacións despachadas nesta modalidade D non poderán capturar polbo, de conformidade con establecido no artigo 128 punto 2 do devandito Decreto 15/2011.

Os horarios nocturno e diúrno serán excluíntes entre si.

As nasas de nécora e camarón deberán ser levantadas e levadas a porto diariamente, unha vez cumprido o horario de traballo.

6. Especies. As especies obxecto de captura serán a nécora –tendo en conta e respectando sempre os períodos de veda vixentes- e o camarón. As especies de peixes e crustáceos acompañantes deben estar en época de extracción e superar a talla mínima.

De xeito xeral, queda expresamente prohibida a captura do polbo por dentro das liñas de referencia do anexo III establecidas no devandito Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, con calquera arte, incluída a pesca recreativa. Non obstante, autorizarase o pase e o transporte polo anexo III con exemplares de polbo capturados fóra deste anexo.

Nas demais zonas non se poderán superar os 35 kg do tope máximo establecido no Plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa para a campaña 2021-2022 por embarcación e día como especie accesoria. Entre o 1 de setembro e o 5 de xaneiro, este tope será como máximo de 50 kg por embarcación e día como especie accesoria.

7. Balizamento. Os extremos ou cabeceiras de cada unha das caceas que se manteñan caladas, deberán ser balizadas e identificarse axeitadamente indicando de forma clara e visible a matrícula e o folio da embarcación, así como a letra «N».

8. Puntos de control e venda. Zonas de pesca, portos, centros de descarga, lonxas e centros de venda autorizados.

9. Control e seguimento da actividade pesqueira.

a) Despachos telemáticos. Deberán despachar as embarcacións no apartado de adhesión a plan de explotación: [«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón -Nocturno- 2021-2023 modalidade a (2 horas antes do ocaso do domingo ata 2 horas despois do orto do venres)»].

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón 2021-2023 -Nocturno- modalidade b (2 horas antes do ocaso do luns ata 2 horas despois do orto do sábado)»].

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón 2021-2023 -Diúrno- modalidade c (Ría de Vigo e Ría de Arousa)»].

[«Nasa nécora e camarón (15K) Plan experimental xestión nécora+camarón 2021-2023 -Diúrno- modalidade d (Ría de Pontevedra)»].

As embarcacións que soliciten un cambio temporal de modalidade só poderán despachar á modalidade A, realizándose de oficio o despacho correspondente.

Unha vez realizado o despacho para a nasa nécora e camarón nunha destas modalidades, non se poderá despachar a ningunha das outras modalidades para esta arte, polo menos na mesma semana.

Por outra banda, advírtese que, ao remate da vixencia deste plan, se non se realiza un novo rexistro de actividade pesqueira a embarcación pasaría á situación de «pendente rexistro actividade».

b) Mostraxes. Durante o período de vixencia do plan, técnicos da Consellería poderán realizar en calquera das embarcacións autorizadas, mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

10. Extracción e comercialización. O exercicio da actividade extractiva e comercial establecida neste plan está sometida ao estrito cumprimento da normativa vixente en materia de extracción e comercialización de produtos da pesca fresca.

11. Comisión de Seguimento. Créase a Comisión de Seguimento do Plan experimental para a xestión da nécora e do camarón que se reunirá cunha periodicidade mínima trimestral e estará composto por:

• O/a subdirector/a xeral de Gardacostas, que será o seu/a súa presidente/a.

• O/a subdirector/a xeral de Pesca e Mercados da Pesca.

• O/a xefe/a do Servizo de Pesca, que será o seu/a súa secretario/a.

• O/a presidente/a da Federación Galega de Confrarías de Pescadores ou persoa en quen delegue.

• O/a presidente/a da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña ou persoa en quen delegue.

• O/a presidente/a da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Lugo ou persoa en quen delegue.

• O/a presidente/a da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra ou persoa en quen delegue.

• O/a coordinador/a do Plan experimental para a xestión da nécora e do camarón con nasa.

• Nas reunións cada un dos seus membros poderán propoñer ata un máximo de dúas persoas para asistir á mesma, con voz pero sen voto.

Entre as súas funcións, a Comisión poderá propoñer cambios temporais deste Plan cando se produzan situacións excepcionais.

12. Infraccións e sancións. O incumprimento das condicións establecidas neste plan poderá ser sancionado segundo o establecido na Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro.

13. Entrada en vigor. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición no prazo dun mes, contado dende o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar