A Academia Galega de Seguridade Pública na súa aposta decidida e clara de ampliar a formación que realiza e poñer en marcha novas modalidades formativas, co obxectivo de que a formación chegue a todo o persoal interesado en todo momento e de estar á vangarda de todos os cambios que o poidan afectar, sobre todo de índole lexislativa, pon en marcha este novo programa.
AGASP365 é un programa formativo flexible, mediante micro-formación, que estará dispoñible os 365 días do ano, os 7 días da semana e as 24 horas do día, orientado á adquisición de coñecementos de maneira autónoma, onde o alumno ou alumna decide cando e como adquire eses coñecementos, sen condicionamentos de prazos, que ademais, pode acreditar a través da realización dunha proba voluntaria que lle dará dereito a obter un certificado de aproveitamento.
De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro da Agasp, convócase o programa AGASP365 de formación continua na modalidade de autoformación, dirixido aos/ás policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) cuxas bases e características se especifican nos anexos desta resolución.
A Estrada, 11 de xuño de 2021
Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública
ANEXO I
Bases
As actividades do programa AGASP365 son:
Actividade: |
Intervención policial co home maltratador |
Conceptos básicos da violencia de xénero |
Atención á muller vítima da violencia de xénero |
Actuacións básicas ante emerxencias sanitarias |
Básico sobre as leis 39/2015 e 40/2015 |
Substancias psicoactivas. Conceptos básicos e tipos |
A Lei orgánica 7/2021 non referente á protección de datos persoais |
Venda ambulante |
Horarios comerciais e protección das persoas consumidoras |
Seguridade informática. Conceptos básicos. Introdución a OSINT |
Intervención policial no consumo e venda de alcohol a menores de idade. |
Intervención policial en materia sanitaria segundo a Lei de saúde de Galicia |
O informe pericial. Referencia á pericial informática |
Destinatarios.
Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.
Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderán acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.
Desenvolvemento do programa AGASP365.
1. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse en calquera momento a partir do día 1 de xullo de 2021 ata o día 31 de decembro de 2021.
2. Non hai limite no número de actividades en que queira inscribirse cada persoa.
3. Todos os contidos van estar dispoñibles ata o día 31 de decembro de 2021.
4. A inscrición será automática unha vez rexistrada a persoa, que recibirá unha mensaxe de correo electrónico de confirmación e inmediatamente poderá acceder aos contidos no enderezo https://formacion-agasp.xunta.gal/
5. O acceso aos contidos e a propia inscrición no programa AGASP365 non implican a obrigación de matricularse nin de asistir ás probas de avaliación.
6. O acceso e visualización dos contidos non dá dereito á expedición de ningún tipo de titulación, certificación ou diploma.
7. As probas de avaliación das actividades do programa AGASP365:
– Poden participar nestas probas, todos os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares e visualizasen os contidos das actividades formativas.
Quedarán excluídas da realización das probas de avaliación todas as persoas solicitantes que no momento de realizalas se encontren de baixa laboral por incapacidade temporal, excepto aquelas cuxa baixa sexa provocada por un accidente laboral e a asistencia á proba non impida a súa recuperación.
– As probas de avaliación terán lugar na sede da Agasp, na Avenida da Cultura, s/n, 36680, A Estrada (Pontevedra).
– A convocatoria destas probas publicarase no Diario Oficial de Galicia e o prazo de presentación será de 15 días naturais. O persoal interesado deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.gal) e non se admitirá outra forma ou modelo de solicitude.
– As persoas que oculten ou falseen datos esenciais serán automaticamente excluídas das probas de avaliación das actividades do programa AGASP365 e pasarán ao final de todas as listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.
– O horario concreto, quendas e aulas de realización das probas de avaliación publicarase na páxina web da Agasp.
– Non se admitirán cambios nin substitucións entre as persoas seleccionadas nin cambios na asignación das quendas.
– A renuncia á asistencia á proba de avaliación a que realizase a inscrición, será comunicada por escrito á Agasp nun prazo de 3 días hábiles desde a publicación da listaxe de persoal seleccionado ao enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.gal
– Para superar as probas de avaliación, o alumnado deberá responder correctamente ao 80 % das preguntas expostas, sen que as preguntas mal contestadas desconten cualificación.
– É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación; o chamamento por orde alfabética será único.
– Non se autoriza o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento da proba.
– As persoas que se inscriban e non se presenten ás probas de avaliación pasarán ao final das listaxes de todas as todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a data da proba.
Certificado de aproveitamento.
Unha vez feita a proba de avaliación correspondente, expedirase diploma de aproveitamento da actividade formativa superada.
Facultades da Agasp.
A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións ou suspendelos temporalmente cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.
Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.