Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 23 de xuño de 2021 Páx. 31588

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal por comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento AU301B).

A Constitución española establece un marco competencial en materia de augas que reside principalmente na atribución de competencias exclusivas ao Estado en materia de lexislación, ordenación e concesión de recursos e aproveitamentos hidráulicos cando as augas discorran por máis dunha comunidade autónoma (bacías intercomunitarias) (artigo 49.1.22).

Respectando o anterior, o artigo 27.12 do Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, recolle competencias exclusivas en materia de aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos cando as augas discorran integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 81 do texto refundido da Lei de augas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, establece a obriga de que os usuarios da auga e doutros bens do dominio público hidráulico dunha mesma toma ou concesión estean constituídos en comunidades de usuarios.

O artigo 4.1.e) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, establece que lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia, na demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, o control e a tutela das comunidades de usuarios.

O 11.1.2020 entrou en vigor a Lei 9/2019, do 11 de decembro, de medidas de garantía do abastecemento en episodios de seca. O seu artigo 1 establece que ten por obxecto, entre outros, garantir a prestación adecuada dos servizos de abastecemento de auga en alta ou adución e a subministración de auga en baixa ou distribución apta para o consumo humano, en todo o territorio de Galicia, cando exista un episodio de seca, tendo en conta os recursos hídricos dispoñibles.

En coherencia co anterior, a disposición adicional terceira da Lei 9/2019, do 11 de decembro, establece que as persoas titulares das redes de abastecemento deben dispoñer de contadores homologados de medición de consumo de auga en todos os puntos de captación ou de subministración en alta e nos puntos de subministración final en alta ou en baixa, factúrese ou non a auga, incluídos os consumos propios da entidade subministradora da auga.

En relación con esta previsión legal, esta resolución ten por finalidade promover que as comunidades de usuarios de abastecemento para consumo humano dispoñan de contadores homologados de medición de consumo de auga, de tal xeito que se fomente o emprego eficiente dos recursos hídricos.

Esta resolución ten a vontade de ser un instrumento xurídico que permita colaborar coas entidades responsables de sistemas de abastecemento á poboación en toda a Comunidade Autónoma de Galicia, para que estas poidan xestionar coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles as súas competencias nunha materia tan importante como é a xestión dos recursos hídricos.

Polo que se refire ao ámbito territorial, resulta oportuno que a Administración hidráulica de Galicia dite unha resolución referida a todo o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude da necesaria colaboración entre administracións, para non xerar posibles desigualdades dentro dun mesmo territorio e tendo en conta que en ningún caso se interfire nin se menoscaba a competencia das confederacións hidrográficas no relativo á xestión dos recursos hídricos.

En consecuencia, tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade coa Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, para a adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal en sistemas de abastecemento de titularidade de comunidades de usuarios de augas de consumo humano na Comunidade Autónoma de Galicia. (código de procedemento AU301B).

2. A finalidade das axudas é contribuír a que as comunidades de usuarios legalmente establecidas xestionen os recursos hídricos coa maior dilixencia, eficacia e eficiencia posibles.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as comunidades de usuarios coa finalidade de abastecemento de auga para consumo humano legalmente constituídas na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coas previsións do Regulamento do dominio público hidráulico, aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril.

2. Para obteren a condición de beneficiarias, as comunidades de usuarios deberán cumprir, con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes, os seguintes requisitos:

a) Estar legalmente constituídas como titulares dunha concesión de aproveitamento de augas para consumo humano.

b) Non estar incursas en ningún procedemento sancionador ou de reposición co organismo de bacía correspondente.

c) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Estar ao día nas obrigas que lles sexan de aplicación coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.

3. Ningunha comunidade de usuarios poderá presentar máis dunha solicitude ao abeiro desta convocatoria de subvencións, aínda que se refiran a actuacións distintas. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Serán subvencionables os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro de 2021 destinados á mellora do control dos volumes de auga subministrados polas comunidades de usuarios solicitantes, a través dalgunha das seguintes intervencións:

a) A adquisición e instalación de caudalímetros ultrasónicos ou electromagnéticos ou contadores mecánicos, homologados para o uso a que van destinados, de acordo coa normativa comunitaria e estatal vixente sobre metroloxía, antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), nas estacións de potabilización ou nos depósitos de auga tratada.

b) A adquisición e instalación de contadores mecánicos, homologados para o uso a que van destinados, de acordo coa normativa comunitaria e estatal vixente sobre metroloxía, nos puntos de subministración de auga.

2. É obrigatorio, salvo que a comunidade de usuarios xa os teña, que todas as solicitudes inclúan, polo menos, equipamentos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), de forma que se rexistre de forma individualizada o caudal detraído da captación de auga. No caso de sistemas con varios puntos de captación, poderá instalarse un único equipamento que rexistre o caudal detraído polo conxunto das tomas existentes.

Se a comunidade de usuarios dispón de equipamentos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP) poderá solicitar subvención para a adquisición e instalación de equipamentos de medición nalgún ou en todos dos seguintes puntos: nas estacións de potabilización, nos depósitos de auga tratada e nos puntos de subministración de auga.

Se a comunidade de usuarios non dispón de equipamentos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP), deberá solicitar subvención para a adquisición e instalación de equipamentos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP) e poderá solicitar subvención para a adquisición ou instalación de equipamentos de medición nalgún ou en todos dos seguintes puntos: nas estacións de potabilización, nos depósitos de auga tratada ou nos puntos de subministración de auga.

Así, non será subvencionable a adquisición e instalación de equipamentos de medición nas estacións de potabilización, nos depósitos de auga tratada e nos puntos de subministración de auga se a comunidade de usuarios non dispón nin solicita subvención para a adquisición ou instalación de equipamentos de medición antes da entrada á estación de tratamento de auga potable (ETAP).

3. En calquera caso, só serán subvencionables as actuacións operativas, é dicir, aquelas que conteñan os elementos necesarios para acadar a finalidade para a cal foron deseñadas.

4. Non serán subvencionables os gastos de adquisición de equipamentos de medición de caudal que non sexan instalados no sistema de abastecemento correspondente.

Artigo 4. Réxime de concesión

A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 32 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras recollidas nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito.

Artigo 5. Crédito orzamentario

1. As axudas reguladas ao abeiro desta resolución financiaranse con cargo á conta financeira 6568 (subvencións de capital a familias e institucións sen fins de lucro) da entidade pública empresarial Augas de Galicia, proxecto de gasto de axudas para as melloras de pequenos abastecementos no ámbito rural e apoio ás comunidades de usuarios, cunha dotación de douscentos cincuenta mil euros (250.000,00 €).

2. Unha vez esgotado o crédito destinado ás subvencións, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, o que suporá a inadmisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, prevese a posibilidade de ampliar o crédito nas circunstancias previstas no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A ampliación de crédito queda condicionada á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, á aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Augas de Galicia publicará a ampliación nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 6. Importe máximo das axudas

1. O importe das axudas para mellorar o control dos volumes de auga subministrados será do 100 % do investimento da actuación proposta, ata esgotar o crédito referido no artigo 4 e cos límites máximos por solicitude e por equipamento de medición que se indican a continuación (IVE incluído):

a) Seis mil euros (6.000 €) en comunidades de usuarios de ata 50 membros.

b) Doce mil euros (12.000 €) en comunidades de usuarios de 51 ou máis membros.

Subvencionaranse tantos equipamentos como sexan necesarios para medir o caudal captado e distribuído coa única limitación do importe máximo por solicitude establecido neste artigo.

Ademais do límite máximo por solicitude establecido, establécense os seguintes importes máximos subvencionables por equipamento de medición, en función da súa tipoloxía e do diámetro da tubaxe (IVE incluído):

Diámetro nominal

Dn (mm)

Caudalímetros electromagnéticos

Caudalímetros ultrasónicos

Contadores
mecánicos

Dn ≤ 40

350,00 €

40 < Dn ≤ 50

400,00 €

50 < Dn ≤ 65

2.500,00 €

1.000,00 €

450,00 €

65 < Dn ≤ 100

2.750,00 €

1.500,00 €

500,00 €

100 < Dn ≤ 150

3.000,00 €

2.000,00 €

750,00 €

150 < Dn ≤ 200

4.000,00 €

2.750,00 €

1.000,00 €

Dn > 200

5.000,00 €

3.500,00 €

1.500,00 €

Artigo 7. Compatibilidade das axudas

1. Estas subvencións serán compatibles con outras que, para a mesma finalidade, concedan outras administracións públicas.

2. As comunidades de usuarios beneficiarias estarán obrigadas a comunicar ás entidades concedentes a obtención de subvencións ou axudas que financien as actividades obxecto desta resolución.

3. A obtención de subvencións ou axudas concorrentes non poderá superar o custo total da actividade subvencionada.

4. O incumprimento do previsto neste artigo determinará a aplicación do previsto no artigo 22 desta resolución, referido ao incumprimento de obrigas.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, serça requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. No dito formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:

a) Que a asemblea xeral da comunidade de usuarios acordou solicitar a subvención aceptando as condicións e os demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que a comunidade de usuarios que solicita a subvención apoderou a persoa que asina para presentar a solicitude e demáis documentos exixidos nesta resolución de convocatoria ou que a dita facultade resulta dos estatutos da comunidade.

c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se xuntan son certos.

d) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiaria se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que a entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles en que se vai desenvolver a actuación cuxa subvención se solicita.

g) Organismo de bacía que resolveu a concesión do aproveitamento de auga.

Artigo 10. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria valorada asinada electronicamente da intervención que se vai realizar co seguinte contido mínimo:

1º. Descrición xeral do sistema de abastecemento que inclúa, polo menos, a localización das captacións, tratamentos e depósitos existentes.

2º Un plano ou esquema en que se indique a localización proposta dos elementos de medición. Cando xa se dispoña dun sistema de medida do caudal captado, indicarase claramente a súa localización e a forma de medición do caudal detraído na captación de auga; en caso contrario, incluirase a súa instalación na proposta e indicarase expresamente na memoria.

3º. Planos e/ou fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.

b) Documentación acreditativa da homologación dos equipamentos de medición de acordo coa normativa metrolóxica vixente.

c) Orzamento da adquisición e instalación do dispositivo de medición do caudal (por exemplo, factura pro forma ou orzamento achegado pola empresa subministradora).

d) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor da comunidade de usuarios.

e) Informe do organismo de bacía acreditativo de que a entidade solicitante non esta incursa en ningún procedemento sancionador ou de reposición.

A falta de presentación da documentación indicada poderá ser obxecto de requirimento de emenda; no suposto de non atenderse ao requirimento, aplicarase o previsto no artigo 15.2 desta resolución, sen prexuízo do disposto no artigo 11 desta resolución sobre comprobación de datos.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das comunidades de usuarios interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Toda a documentación achegada pola comunidade de usuarios no marco deste procedemento de subvencións poderá servir para a comprobación e/ou actualización do libro do Rexistro de Augas da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da comunidade autónoma.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) DNI/NIE da persoa representante.

e) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Concesións de subvencións e axudas.

g) Resolución da concesión de aproveitamento de auga para consumo humano a favor de comunidades de usuarios que se atopen dentro do ámbito territorial da demarcación hidrográfica Galicia-Costa.

As comunidades de usuarios que pertenzan ao ámbito territorial doutras demarcacións hidrográficas cuxo ámbito territorial estea dentro da Comunidade Autónoma de Galicia deberán achegar, xunto coa solicitude, a resolución da concesión de aproveitamento de auga por ser un documento imprescindible para a tramitación da solicitude da axuda.

h) Procedementos sancionadores ou de reposición tramitados por Augas de Galicia, no caso de comunidades de usuarios que se atopen dentro do ámbito territorial da demarcación Galicia-Costa.

As comunidades de usuarios que pertenzan ao ámbito territorial doutras demarcacións hidrográficas cuxo ámbito territorial estea dentro da Comunidade Autónoma de Galicia deberán achegar, xunto coa solicitude, informe do organismo de bacía correspondente acreditativo de que a entidade solicitante non esta incursa en ningún procedemento sancionador ou de reposición.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade, a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal), o esgotamento do crédito da convocatoria, a ampliación do crédito da convocatoria e a relación de axudas que se concedan.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Secretaría Xeral de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento requirirá ao solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non facelo, se considerará que desiste da súa solicitude, de acordo co previsto nos artigos 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, despois de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

3. Os requirimentos realizaranse nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. O órgano instrutor será o encargado de verificar o cumprimento das condicións exixidas nesta orde e no resto de normativa aplicable para poder ser beneficiario das axudas. Para tal fin, analizará as solicitudes presentadas e a documentación que se achegue.

5. En relación con aquelas solicitudes que estean completas e cumpran coas condicións exixidas, o órgano instrutor elaborará unha proposta de resolución en que consten esas circunstancias e que da información que ten no seu poder se desprende que as entidades beneficiarias cumpren todos os requisitos necesarios para acceder ás subvencións.

Artigo 16. Resolucións, prazos e recursos

1. O órgano competente para resolver, por delegación da persoa titular da Presidencia de Augas de Galicia, será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución respecto de cada unha das solicitudes admitidas a trámite acordando ou ben o outorgamento da subvención ou ben a desestimación ou a non concesión, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

En ningún caso o importe da subvención concedida poderá superar o custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

3. O prazo para ditar as resolucións do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo o establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima os interesados para entender rexeitada por silencio administrativo a súa solicitude de concesión da subvención.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. O órgano competente para a concesión destas subvencións poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos nos artigos 35 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Unicamente se aceptará como suposto que habilite a modificación da resolución de concesión a modificación dun contrato vixente derivada de circunstancias sobrevidas e que fosen imprevisibles no momento de licitación do contrato, segundo o establecido no artigo 205, números 1 e 2.b), da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

A modificación da resolución nestes supostos non implicará o incremento do importe da subvención inicialmente concedida.

Artigo 18. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela, ou ben comunicar a renuncia á subvención concedida.

2. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a subvención, de conformidade co artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias das subvencións concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigadas a:

1. Cumprir co obxectivo da axuda coa adquisición e instalación de dispositivos de medición do caudal en sistemas de abastecemento de titularidade de comunidades de usuarios de augas de consumo humano.

3. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización da actividade ou a adopción do comportamento que fundamentou a súa concesión e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención.

b) Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos nesta resolución.

c) Incumprimento da obriga, de ser o caso, de achegar os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deba ter solicitado a entidade beneficiaria e/ou falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou en calquera outro que resulte da normativa aplicable.

5. No suposto de concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, tramitar e adxudicar os contratos necesarios conforme as prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa do sector público e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

6. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan axiña como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

7. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme o previsto na disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

8. En relación coa subvención concedida, someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 20. Contratación

1. As entidades beneficiarias poderán concertar con terceiros a execución parcial ou total das actuacións obxecto da subvención, salvo que o impida a súa natureza. En ningún caso poderán subcontratarse actuacións que, aumentando o custo da actuación subvencionada, non proporcionen valor engadido ao seu contido.

Os contratistas quedarán obrigados soamente ante a entidade beneficiaria, que asumirá a total responsabilidade da execución da actuación subvencionada fronte á Administración concedente.

2. En todo caso, deberá observarse o establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A entidade beneficiaria deberá acreditar, de ser o caso, as ofertas recibidas xunto coa documentación xustificativa da subvención e xustificar a elección entre as ofertas presentadas.

A elección deberá realizarse consonte criterios de eficiencia e economía e, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. De non recaer nesta, deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección do/da adxudicatario/a.

Artigo 21. Xustificación e pagamento

1. As comunidades de usuarios beneficiarias terán un mes desde a instalación dos dispositivos de medición para presentar a documentación xustificativa da subvención, prazo que en todo caso rematará o 1 de decembro de 2021.

2. As entidades beneficiarias deberán achegar, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, o anexo II desta resolución, en que expresamente se declara:

a) Se solicitou ou lle foron concedidas outras subvencións ou axudas para o mesmo proxecto ou conceptos para os cales lles foi concedida esta axuda, con indicación do importe e a súa procedencia, se é o caso.

b) Que a entidade solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

c) Que se cumpriu a finalidade da subvención.

3. Xunto co anexo II deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

a) Memoria explicativa do investimento realizado asinada electronicamente, que inclúa como mínimo:

1º. Planos da localización do equipamento na rede e da súa posición con respecto a elementos característicos como tomas, depósitos e plantas de tratamento.

2º. Fotografías do equipamento instalado.

b) Facturas ou documentos con valor probatorio no tráfico mercantil e administrativo (identificarase o provedor, o NIF, o número da factura, o concepto e o importe) que xustifiquen a execución do proxecto que serviu de base á resolución de concesión.

Os gastos xustificados deberán axustarse aos conceptos incluídos no orzamento inicial. Non se aboará máis que o importe xustificado e ata o límite da subvención concedida.

As facturas que se presenten como xustificación dos gastos realizados deberán detallar as unidades e os prezos unitarios. De non vir correctamente tipificado o gasto nas facturas presentadas poderase perder o dereito a cobrar a subvención concedida.

c) Documento bancario acreditativo do pagamento das facturas presentadas, debidamente identificado. Non se admitirán pagamentos en efectivo nin mediante cheque bancario.

4. A entidade pública empresarial Augas de Galicia poderá solicitar calquera documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito a cobrar a subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto no artigo 45.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. Augas de Galicia poderá realizar as visitas e inspeccións que considere necesarias para comprobar o cumprimento das obrigas asumidas polas comunidades de usuarios beneficiarias.

Artigo 22. Incumprimento das obrigas

1. O órgano concedente poderá revogar a concesión da axuda se a entidade beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

2. O incumprimento das obrigas contidas nesta resolución ou na restante normativa que sexa de aplicación dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de mora correspondentes.

3. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no título V do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Cando se produza exceso das subvencións ou axudas percibidas de distintas entidades públicas respecto do custo da actividade e estas fosen compatibles entre si, a comunidade de usuarios beneficiaria deberá reintegrar o exceso xunto cos xuros de demora, unindo as cartas de pagamento á correspondente xustificación.

O reintegro do exceso farase a favor das entidades concedentes en proporción ás subvencións concedidas por cada unha delas. Con todo, cando sexa a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a que advirta o exceso de financiamento, exixirá o reintegro polo importe total do exceso, ata o límite da subvención outorgada por ela.

5. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e VI do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo deo requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Delégase na persoa titular da Dirección de Augas de Galicia a competencia para resolver o procedemento de concesión de subvencións, a modificación da resolución e outras incidencias que poidan xurdir na súa tramitación, así como a competencia para autorizar e dispoñer os gastos, recoñecer as obrigas e propor os pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional segunda. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a presidencia de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento da resolución

Facúltase a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2021

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Presidenta de Augas de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file