Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 15 de xuño de 2021 Páx. 29667

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 2 de xuño de 2021 pola que se declara a área de rehabilitación integral da zona vella de Ponteareas.

Denominación: área de rehabilitación integral da zona vella de Ponteareas.

Ámbito: zona vella de Ponteareas.

Clase: área de rehabilitación integral de ámbito urbano.

Antecedentes de feito:

1. O 24 de novembro de 2020 o Concello de Ponteareas solicita a declaración de área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da zona vella de Ponteareas. Coa solicitude xúntase certificado do acordo do Pleno do Concello de Ponteareas, do 27 de outubro de 2020, polo que se adopta, entre outros, o acordo de solicitar a declaración de área de rehabilitación integral para o ámbito urbano da zona vella de Ponteareas.

2. A delimitación do ámbito comprende a orixinalmente establecida na ordenanza tipo zona vella o e que aparece establecida nos planos de ordenación da zona vella 1/1000 do Plan xeral de ordenación municipal (en diante, PXOM) inicialmente aprobado polo Concello de Ponteareas, así como todos os edificios recollidos no Catálogo dos bens do patrimonio cultural do medio rural e urbano de Ponteareas, e que se atopan en contacto co límite marcado para a zona vella polo PXOM.

3. As unidades competentes do IGVS emitiron informe favorable sobre a declaración da ARI solicitada, tanto desde o punto de vista técnico e urbanístico como administrativo.

Consideracións xurídicas e técnicas:

1. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula as ARI nos seus artigos 49 a 51. Concretamente o artigo 50.1.c) define as ARI de ámbitos urbanos como aquelas cuxo ámbito non pertenza a ningunha das categorías de ARI de conxuntos históricos nin rurais.

2. O Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021, prevé o Programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural.

3. O Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, polo que se determinan os aspectos básicos dos programas autonómicos de rehabilitación de vivendas e se dan as directrices para o desenvolvemento do Plan estatal de fomento do alugamento de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regula no seu capítulo II, sección 2ª, artigos 8 e 9, o procedemento de declaración e as clases de ARI, respectivamente.

No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

4. De conformidade cos artigos 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e 8.1 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, as ARI declararanse mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, por solicitude dos concellos interesados.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 49 da Lei 1/2019, do 22 de abril,

RESOLVO:

Declarar, ao abeiro dos artigos 49 e 50 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e do artigo 9 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, área de rehabilitación integral de ámbito urbano da zona vella de Ponteareas o ámbito delimitado nos polos planos que se xuntan como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

missing image file