Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 1 de xuño de 2021 Páx. 27005

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do día 3 de maio de 2021, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 susceptibles de seren financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e facultou o director xeral para a súa convocatoria, aprobación dos créditos e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 e convocalas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (procedemento IG300C).

O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas ás pemes do título II das bases reguladoras anexas á presente convocatoria son susceptibles de ser financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

– Indicador de produtividade CO01–Número de empresas que reciben axudas.

– Indicador de produtividade CO02-Número de empresas que reciben subvencións.

– Indicador de produtividade CO05--Número de novas empresas beneficiarias da axuda.

Indicadores de resultado:

– Empresas (de 10 ou máis empregados) que venderon a través da internet no último ano.

– Empresas (de menos de 10 empregados) que venderon a través da internet no último ano.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Créditos

Os créditos dispoñibles para concesións aboaranse con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Convocatoria

Partida orzamentaria

Ano 2021

Ano 2022

Total

Liña IG239 Obradoiros

06.A1.741.A.7810

20.000,00 €

380.000,00 €

400.000,00 €

Liña IG240 Axudas

06.A1.741.A.7700

450.000,00 €

6.150.000,00 €

6.600.000,00 €

06.A1.741.A.7810

50.000,00 €

350.000,00 €

400.000,00 €

Total

520.000,00 €

6.880.000,00 €

7.400.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración de dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Decreto 11/2009), mediante resolución publicada para o efecto.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento

O prazo máximo para resolver e publicar a resolución será de tres meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, transcorrido o cal se poderá entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda. En todo caso, a data límite de resolución é o 31.12.2021.

O prazo de execución dos obradoiros (IG239) non poderá superar o 15 de setembro de 2022.

O prazo de execución dos proxectos de dixitalización das empresas (IG240) non poderá superar o 15 de novembro de 2022.

Os beneficiarios das axudas deberán presentar a solicitude de cobramento como máis tarde o 15 de novembro de 2021 para os proxectos cuxo prazo máximo de execución sexa o 15 de novembro de 2021 ou anterior, e como máis tarde o 15 de novembro de 2022 no resto dos proxectos.

O prazo para solicitar anticipos será ata o 15 de novembro de 2021 para gastos da anualidade 2021, e ata o 15 de xuño de 2022 para gastos da anualidade 2022.

Quinto. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións, non requirirá o consentimento do beneficiario.

Sexto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO

Bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19

A Axenda de Competitividade Galicia Industria 4.0 (en adiante, a Axenda) aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 13 de maio de 2015, establece cinco plans de impulso con 26 enfoques estratéxicos e 60 medidas para seren desenvolvidas pola Administración galega entre os anos 2015 e 2020. A axenda actualizouse posteriormente para incluír medidas para os anos 2021 e 2022.

Entre esas medidas está a posta en marcha dunha liña de axudas específica para mellorar os procesos produtivos industriais, dentro do plan de impulso á innovación e no enfoque estratéxico de pemes innovadoras.

Asemade, a RIS3 ten como obxectivo, dentro do Reto 2 «Aumentar a intensidade tecnolóxica dos sectores prioritarios da economía galega, a través da hibridación e as TEF», procurar sendas de iniciación para a transformación da industria tradicional cara a modelos tecnolóxicos avanzados, implementando medidas que fomenten un cambio de orientación xeral nas empresas existentes para favorecer modelos de negocio diferenciais baseados na innovación e na tecnoloxía.

A Estratexia galega de hubs de innovación dixital é unha aposta da Xunta de Galicia para estender o impacto positivo da innovación baseada na transformación dixital a todas as empresas galegas, en especial ás pemes. Representa unha evolución da RIS3 en que a Xunta de Galicia asume o papel de facilitadora, promovendo, acompañando e apoiando a constitución e consolidación dos hubs galegos, que operan nos ámbitos de especialización identificados como estratéxicos para Galicia. En consonancia con isto, estas bases reguladoras promoven o papel activo dos HID seleccionados pola Xunta mediante concorrencia competitiva como catalizadores dos proxectos de maior impacto para as pemes.

A Comisión Europea aprobou o día 19 de marzo de 2020 un marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual abrocho da COVID-19. Aquí establécense medidas temporais adicionais de axuda estatal que considera compatibles consonte o artigo 107, número 3, letra b), do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE) e que garanta que as perturbacións ocasionadas polo abrocho da COVID-19 non socaven a súa viabilidade, especialmente a das pemes. O marco inclúe axudas en forma de subvencións directas.

Neste contexto, a Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos aprobou un marco nacional temporal e notificouno á Comisión Europea, co fin de facilitar a concesión de axudas compatibles co mercado interior. Actúa, así, coma un «réxime paraugas» das axudas concedidas. O réxime de axudas que se propón nestas bases reguladoras apróbase ao abeiro deste marco nacional temporal.

Coas axudas preténdese contrarrestar os prexuízos ocasionados ás empresas e preservar a continuidade da actividade económica despois do abrocho da COVID-19. Para isto as empresas galegas atoparán apoio nestas axudas para impulsar o desenvolvemento de proxectos de dixitalización de procesos internos da empresa e proxectos de conectividade de procesos entre empresas vinculadas por unha cadea de valor, entendendo como tales os que teñan por obxecto á implantación de solucións colaborativas de conexión e comunicación entre procesos de distintas empresas, e poderán comprender tamén as accións de deseño, desenvolvemento e adaptación das devanditas solucións. En tres sectores de especial atención por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, moi afectados pola crise e evolución do negocio, como son o sector téxtil-moda, o sector da automoción e o sector da industria auxiliar do naval, farase un esforzo adicional para incentivar especialmente as pemes destes tres sectores industriais esenciais.

Os obradoiros incentivan a creación de espazos de colaboración entre empresas (mínimo 6) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración na implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación intersectorial, e deben funcionar como xeradores de proxectos que, máis tarde, poden presentarse ás axudas. Deste xeito, as axudas van dirixidas a proxectos saídos do obradoiro que levan á realidade as solucións comúns ideadas neses espazos de encontro pero tamén poden ser proxectos xurdidos espontaneamente entre as empresas.

Coas axudas á dixitalización preténdese apoiar a posta en marcha de sistemas cuxa finalidade sexa o soporte de procesos sectoriais multiempresa, como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación, procesos entre un líder industrial cara ás empresas que conforman a súa cadea de valor, business process management en xeral, etc. ou proxectos individuais para a dixitalización ou conectividade da peme.

Poderán ser proxectos de carácter colaborativo presentados por agrupacións de empresas para a interconectividade entre elas ou proxectos individuais dunha peme para a súa interconexión dixital con outras da súa cadea de valor ou para a dixitalización dos seus procesos internos.

O financiamento das axudas ás pemes do título II conta con recursos económicos procedentes do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do eixe REACT-UE, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 e establécense ao abeiro do marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda a empresas e autónomos consistentes en subvencións directas, anticipos reembolsables, vantaxes fiscais, garantías de préstamos e bonificacións de tipos de xuro en préstamos destinados a apoiar a economía no contexto do actual abrocho da COVID-19 (en diante, o marco nacional temporal), aprobado pola Comisión Delegada do Goberno para Asuntos Económicos o 26 de marzo de 2020. Asemade, están suxeitas ás disposicións do Regulamento (UE) n° 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) n°1083/2006 do Consello, e ás da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

O financiamento dos obradoiros farase con cargo a fondos propios da Comunidade Autónoma e están suxeitos ao marco nacional temporal.

TÍTULO I

Obradoiros

Artigo 1. Obxecto

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas dixitais colaborativas sectoriais susceptibles de optar ás axudas establecidas nestas bases ou noutras convocatorias, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

Estes espazos de encontro terán necesariamente carácter presencial, aínda que poderá continuarse o contacto entre os membros do grupo e organizarse outros eventos en entornos virtuais.

Tendo en conta a actual situación, aclárase que se considerará que un espazo de encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Deberá ter lugar, cando menos, unha reunión mensual presencial das empresas. Esta reunión terá que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.

En cada espazo de encontro deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de dous terzos das empresas participantes en cada espazo de encontro. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústers empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia Galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas que en 31 de decembro de 2019 estivesen dentro da categoría de empresas en crise e manteñan actualmente esa condición. Utilizarase para esta comprobación a definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE nº 651/2014). De acordo co marco temporal nacional, si se poderán conceder axudas a empresas que entrasen na categoría de empresas en crise con posterioridade ao 31.12.2019.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 3. Conceptos de gasto subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes gastos en que incorran os organismos intermedios para a organización dos obradoiros:

a) Colaboracións externas directamente relacionadas coa execución do proxecto, para a dirección e dinamización dos grupos de empresas. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas do organismo nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

b) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base a pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

c) Gastos de persoal do organismo intermedio:

1º. Ata un 10 % do orzamento total do proxecto en concepto de gastos de coordinación e selección de participantes se a dirección e dinamización do obradoiro se contrata a un colaborador externo.

2º. Ata o 100 % do orzamento total do proxecto se a dirección e dinamización dos grupos de empresas a realiza o organismo intermedio con persoal propio. Neste caso, terá que dispor dunha experiencia mínima de 3 proxectos de dirección e dinamización de grupos desenvolvidos con persoal propio nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda. Esta experiencia deberá declararse no formulario electrónico de solicitude de axuda e describirse en detalle na memoria requirida no artigo 11.1.a), indicando, cando menos, temática dos proxectos, número de integrantes dos grupos, metodoloxía de dinamización utilizada, obxectivos e resultados acadados. Na memoria deberá detallarse tamén o método de determinación da imputación dos gastos de persoal ao proxecto.

2. O período de execución dos gastos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

3. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

4. Cando o importe subvencionable dos elementos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

5. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

Artigo 4. Contía da axuda

1. A subvención será do 100 % dos gastos subvencionables ata un máximo de 25.000 € por proxecto e concédese ao abeiro do marco nacional temporal.

Por tanto, debe garantirse que, de recibir o organismo intermedio outras axudas ao abeiro deste marco, non se supera o límite de 1.800.000 € en total. Para tal efecto, solicitarase do organismo intermedio unha declaración escrita ou en soporte electrónico, sobre calquera axuda recibida ao abeiro deste marco. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

2. Estas axudas son incompatibles con outras axudas ou subvencións públicas.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado.

4. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1º. Dimensión do proxecto. En función do número de empresas participantes: 2 puntos por empresa ata un máximo de 20 puntos.

2º. Calidade técnica do proxecto: ata 25 puntos, que se avaliarán en función dos seguintes parámetros:

i. Madurez da proposta en canto á definición da temática e obxectivos do espazo de encontro. Ata 10 puntos.

ii. Intensidade da participación das empresas que se vai promover. Ata 5 puntos.

iii. Utilización de metodoloxías probadas de dinamización de grupos e xeración de ideas. Ata 5 puntos.

iv. Diversidade en canto á posición na cadea de valor sectorial das empresas participantes. Ata 3 puntos.

v. Propostas concretas de colaboración co Igape na difusión dos resultados dos proxectos. Ata 2 puntos.

3º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 15 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, produtos do mar e acuicultura, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4º. Experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos nos 3 anos inmediatamente anteriores á solicitude de axuda: 3 puntos por cada proxecto de dinamización de grupos finalizado con resultados cuantificables e 1 punto por cada proxecto finalizado noutra temática ata un máximo de 20 puntos.

5º. Efecto tractor no sector. Interese e atractivo para a súa implementación por outras empresas: ata 20 puntos.

En caso de empate nas puntuacións, decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio 2º. Se aínda así seguise existindo empate, decidirase pola maior puntuación nos criterios 1º, 3º, 4º e 5º, por esa orde.

Os proxectos deberán acadar 60 puntos na baremación para ser aprobados.

TÍTULO II

Axudas ás pemes

Artigo 5. Obxecto

1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos de dixitalización cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha empresa galega e outras empresas ou entre dúas ou máis empresas galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

2. Os proxectos deberán estar finalizados para poder optar ao cobramento da subvención. Enténdese que os proxectos están finalizados cando exista a capacidade de interconexión multiempresa de procesos no caso dos proxectos colectivos ou cando as interfaces poidan conectar a solicitante con outra ou outras empresas, ou ben os sistemas de dixitalización estean implantados e operativos, no caso de proxectos individuais. Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

3. Os proxectos deberán ser técnica e economicamente viables para a empresa solicitante.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Artigo 6. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que for a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b).

3. Para poderen solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia. Deberase facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá conter como mínimo o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se fará no anexo IV das bases reguladoras.

g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.

h) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non poderá disolverse ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán como unha única para efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas estivesen vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Presentarase unha solicitude por cada tipo de proxecto dos definidos no artigo 5. No caso de que un proxecto conteña unha mestura de tipoloxías, os solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha das tipoloxías definidas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada agrupación só poderá presentar un proxecto. As pemes poderán presentar un ou máis proxectos individuais e participar nunha ou máis agrupacións, sempre que os investimentos e gastos de cada unha das solicitudes sexan distintos.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.

b) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

c) As empresas que en 31 de decembro de 2019 estivesen dentro da categoría de empresas en crise e manteñan actualmente esa condición. Utilizarase para esta comprobación a definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE nº 651/2014). De acordo co marco temporal nacional, si se poderán conceder axudas a empresas que entrasen na categoría de empresas en crise con posterioridade ao 31.12.2019.

d) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

6. O Igape realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do mesmo texto normativo, para considerar unha empresa en crise, tendo en conta as condicións do marco temporal.

Artigo 7. Conceptos de gastos subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de gasto que cumpran os requisitos establecidos pola Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020:

a) Investimentos materiais e/ou inmateriais novos adquiridos en propiedade. Exclúese a adquisición e acondicionamento de inmobles, gastos de mobiliario, medios de transporte e equipamento de oficina, agás elementos informáticos.

b) Colaboracións externas de carácter tecnolóxico ou organizativo: asistencia técnica, adaptación e parametrización de solucións, consultoría e servizos directamente relacionados coa execución do proxecto. As colaboracións externas subvencionables non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa como son os servizos rutinarios de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade.

c) Gastos de subscrición a software como servizo estándar de mercado. Admitirase como gasto subvencionable o período de subscrición durante a vixencia da axuda, sempre que sexa aboado polo solicitante no período de gasto subvencionable. No caso de que o sistema de adquisición supere o prazo de execución da axuda, o período restante descontarase do gasto subvencionable pro rata. Para comprobar que se trata dun produto estándar de mercado, será necesario acreditar, como mínimo, a existencia dunha páxina web pública dispoñible na internet onde se expliquen as características do software e as condicións en que se comercializa.

d) Nos proxectos da modalidade do artigo 5.1.a), se se opta por contar cun organismo intermedio, este poderá facturar ás pemes participantes en concepto de gastos de coordinación do proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de colaboracións externas e dividirase entre todas as pemes participantes.

e) Nos proxectos das modalidades dos artigos 5.1.a), 5.1.b).1 e 5.1.b).2, con importe subvencionable superior a 50.000 € e que sexan coordinados por un hub de innovación dixital dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID, 5.000 € en concepto desta coordinación.

f) No suposto de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, o gasto subvencionable calcularase con base a pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

2. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser producidos con carácter previo a esta presentación; de seren así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda a que se refire o artigo 10 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendendo por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

3. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria.

4. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do final do prazo de execución do proxecto, e neste momento debe constar o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

5. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

6. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables superen as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren. Neste caso, presentarase escrito aclaratorio indicativo desta circunstancia, asinado polo representante legal.

7. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre que a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

8. No caso de investimento en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables, deberán cumprir ademais todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente na empresa beneficiaria da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse a terceiros en condicións de mercado sen que o adquirente estea en posición de exercer control sobre o vendedor, ou viceversa.

9. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A subvención será do 50 % dos gastos subvencionables. No caso de empresas dos sectores industriais da automoción, téxtil-moda e industria auxiliar do naval, segundo o listado de IAE establecido no anexo V, os proxectos poderán acadar unha axuda do 70 % dos gastos subvencionables, tanto en proxectos individuais como formando parte dun proxecto colectivo. Para poderen superar a axuda do 50 % dos gastos subvencionables e acadar o 70 %, as pemes correspondentes a estes sectores deberán acreditar unha caída de ingresos mínima do 25 % no ano 2020 respecto aos ingresos do 2019. Concederase unha subvención máxima de 1.800.000 € por empresa, ou 270.000 € cando a empresa estea activa nos sectores da pesca e da acuicultura, ou 225.000 € cando a empresa estea activa na produción primaria de produtos agrícolas.

2. Para os gastos consignados no número 7.1.e (gastos de coordinación por un DIH estratéxico), a axuda será do 100 % en todos os casos.

3. A axuda concédese ao abeiro do marco nacional temporal. Por tanto, debe garantirse que, de recibir a empresa outras axudas ao abeiro deste marco, non se supera o límite correspondente (1.800.000 €, 270.000 € ou 225.000 € segundo a actividade). Para tal efecto, solicitarase unha declaración responsable sobre calquera axuda recibida ao abeiro deste marco. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

4. As axudas son susceptibles de ser financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT- UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

5. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere as porcentaxes máximas establecidas neste artigo. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE EURATOM) nº 218/1046, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate pro rata, consonte o documento en que se establezan as condicións da axuda.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

6. Os proxectos que cumpran coas condicións necesarias serán avaliados de acordo co seguinte baremo xeral:

1º. Calidade técnica do proxecto: ata 54 puntos, que se avaliarán con ata 9 puntos por cada un dos seguintes parámetros:

i. Grao de análise previa da situación e coherencia da solución proposta coa dita análise.

ii. Viabilidade do proxecto: grao de viabilidade técnica e económica, axuste da solución proposta á empresa solicitante e correlación entre o proxecto e os investimentos e gastos propostos.

ii. Implantación de sistemas xa desenvolvidos e probados na realidade empresarial.

iv. Melloras competitivas esperadas. Estimación cualitativa e cuantitativa, que se avaliará en función da coherencia entre o proxecto e os resultados previstos.

v. Nivel tecnolóxico e amplitude da solución proposta. Valoraranse con maior puntuación os proxectos baseados en tecnoloxía máis avanzada que afecten a maior cantidade de ámbitos da empresa, a ámbitos máis relevantes, ou desenvolvan con intensidade salientable un ámbito concreto.

vi. Grao de elaboración e concreción da proposta, en canto á súa claridade expositiva e a concreción de obxectivos.

2º. Grao de interoperabilidade do proxecto: ata 36 puntos, que se avaliarán do seguinte xeito:

i. Número de empresas beneficiarias do proxecto: 4 puntos por empresa ata un máximo de 16 puntos (para proxectos individuais: 4 puntos).

ii. Intensidade no nivel de interacción dos procesos entre empresas: ata 10 puntos, que se asignarán en función da cantidade e importancia de procesos interempresariais a que se aplique a dixitalización proposta, así como ao nivel de dixitalización conseguido co proxecto.

iii. Diversidade, en canto á posición na cadea de valor sectorial, dos participantes da interacción entre empresas proposta: ata 10 puntos que se avaliarán asignando un máximo de 3 puntos por cada posición diferente na cadea de valor de cada empresa que se interconecta –sexa ou non beneficiaria da axuda–, en función da importancia da súa participación no proxecto.

Na avaliación deste criterio as empresas vinculadas entre si contarán como unha única.

3º. Sector ou ámbito de actividade en que se desenvolva o proxecto: 5 puntos, que se outorgarán a proxectos onde a maioría das empresas que participen pertenzan a sectores prioritarios definidos na Axenda de Competitividade:

i. Estratéxicos: agroalimentación, automoción, enerxías renovables, madeira/forestal, naval/industria marítima, pedra natural, téxtil-moda.

ii. Emerxentes e de alto potencial: aeronáutico/aeroespacial, industria da saúde e do benestar, industrias creativas, biotecnoloxía, novos materiais, ecoindustria, TIC.

4º. Proxectos das modalidades dos artigos 5.1.a), 5.1.b).1 e 5.1.b).2, con importe subvencionable superior a 50.000 € e que sexan coordinados por un hub de innovación dixital dos seleccionados ao abeiro da Estratexia galega de HID: 5 puntos.

En caso de coincidir a puntuación de varias solicitudes, utilizarase como criterio de desempate o de maior puntuación sucesivamente nos criterios 1º, 2º, 3º e 4º por esa orde. Se aínda así segue a existir empate, co fin de promover a incorporación do principio transversal de igualdade enunciado no artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, decidirase a favor do proxecto en que a maioría das empresas participantes teñan implantado un plan de igualdade, segundo a declaración responsable que se incluirá no formulario electrónico de solicitude.

Os proxectos deberán acadar as seguintes puntuacións mínimas para seren aprobados:

Modalidades dos artigos 5.1.a), 5.1.b).1º: 50 puntos.

Modalidades dos artigos 5.1.b).2º, 5.1.b).3º: 30 puntos.

TÍTULO III

Disposicións comúns

Artigo 9. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

Artigo 10. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto para a cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

Nas axudas a pemes realizaranse as seguintes declaracións, que estarán incluídas no devandito formulario no caso dos proxectos individuais, ou no anexo IV no caso dos colectivos:

a) Que a entidade solicitante asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que a entidade solicitante cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise ou que o 31.12.2019 non entraba nesta categoría, conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión Europea.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.

e) Que a entidade solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

f) Que a entidade solicitante non iniciou os investimentos e que non existe acordo irrevogable para realizar o proxecto.

g) Manter un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

h) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída (art. 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

i) Ter unha permanencia mínima ininterrompida na actividade e manter as infraestruturas e equipamentos subvencionados destinadas ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante o período de 3 anos segundo o establecido no artigo 7.7 destas bases reguladoras.

j) Se é o caso, declaración responsable do representante legal de que a empresa ten implantado un plan de igualdade.

k) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa empresa ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

l) Declaración doutras axudas concedidas ao abeiro do marco temporal nacional.

m) Para as empresas dos sectores téxtil-moda, automoción e industria auxiliar do naval, declaración porcentual da caída de ingresos no ano 2020 respecto do peche de 2019.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederase aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para emendalas, transcorrido o cal, se terá por desistidos da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado ao formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.

b) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido nos artigos 3.4 e 7.6 destas bases reguladoras.

c) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.

d) Se é o caso, o documento de constitución da agrupación segundo o establecido no artigo 6.

e) Para pemes dos sectores industriais de téxtil-moda, automoción e industria auxiliar do naval, contas do ano 2019 e 2020 depositadas no Rexistro Mercantil, no caso de que as contas do ano 2020 aínda non estivesen depositadas no momento da solicitude, contas asinadas polos administradores da empresa.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

e) DNI/NIE da persoa partícipe da agrupación.

f) NIF da entidade partícipe da agrupación.

g) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE). 

h) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

i) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

j) Certificado de estar ao día de pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

k) Documentación depositada no Rexistro Mercantil segundo o artigo 11.1 das bases.

l) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

m) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I de solicitude ou no anexo IV de declaracións e comprobación de datos, e presentar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 14. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Competitividade do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Os proxectos serán avaliados por un órgano avaliador composto por tres membros de entre o persoal da Área de Competitividade: o/a subdirector/a de Desenvolvemento de Negocio, que actuará como presidente, un/unha técnico/a responsable de programas, que actuará como secretario/a con voz e voto, e un/unha técnico/a de servizos xerais. Axustará o seu funcionamento ás disposicións sobre órganos colexiados contidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 15. Instrución dos procedementos

1. Unha vez recibidas as solicitudes, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, se a solicitude ou o formulario non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución. Dado o réxime de concesión en concorrencia competitiva, a ausencia de memoria técnica ou a presentación dunha memoria técnica ilexible non será subsanable, e o expediente avaliarase utilizando unicamente a información achegada no formulario de solicitude.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, os requirimentos citados de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

3. As solicitudes serán avaliadas polo órgano avaliador, quen elaborará unha relación ordenada de todas as solicitudes, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas, en aplicación dos criterios de avaliación, desempate e puntuación mínima establecidos nos artigos 4.4 e 8.6 destas bases.

Artigo 16. Resolución

1. A Área de Competitividade do Igape ditará a proposta de resolución con base neste procedemento a partir da relación de solicitudes puntuadas. A seguir, elevaraa á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, quen emitirá a resolución de concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que corresponden á entidade beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución, con indicación do método que se aplica para determinar os custos da operación, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

Tamén incluirá a comunicación de que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. No caso de que o beneficiario sexa unha agrupación de pemes, ditarase unha resolución individual para cada peme participante onde constarán as mencións do número anterior referidas ao seu proxecto concreto segundo se definiu no propio documento da agrupación e no seu formulario específico.

5. A resolución conxunta será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no Diario Oficial de Galicia, de acordo co artigo 45 da Lei 39/2015.

6. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria, transcorrido o cal poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

7. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento que non sexan obxecto de publicación practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape na ligazón de tramitación electrónica para recibiren as notificacións. O sistema solicitará oa interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun aviso de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Artigo 17. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, que resolverá a persoa titular da Dirección Xeral do Igape por delegación do Consello de Dirección do Igape no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 18. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, observarase o establecido no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e admitiranse modificacións dentro dos límites xerais establecidos nestas bases, sempre que estes cambios non alteren o baremo nin desvirtúen o proxecto. Nomeadamente, non se admitirán modificacións que amplíen o prazo de execución do proxecto alén das datas límite establecidas na resolución de convocatoria nin as que reduzan a menos de 6 as empresas participantes nun obradoiro nin a menos de 2 o número de pemes participantes nunha agrupación.

2. O beneficiario deberá solicitar a modificación tramitando o formulario sinalado no artigo 10 e presentando a súa instancia dirixida á Dirección Xeral do Instituto Galego de Promoción Económica. A solicitude de modificación deberá presentala con anterioridade á finalización do prazo de execución do proxecto establecido na resolución de concesión. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado, por delegación do Consello de Dirección do Igape, pola persoa titular da Dirección Xeral do Igape, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia, de ser preciso, aos interesados.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión das subvencións no prazo establecido na resolución de concesión e manter, se for o caso, o investimento no centro de traballo en Galicia durante os 3 anos seguintes ao final do prazo de execución do proxecto.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realizará o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se for o caso, os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control durante, polo menos, un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ou, no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, de 2 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará os beneficiarios da data a partir da cal se iniciará o cómputo do prazo.

d) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere as porcentaxes máximas establecidas nos artigos 4 e 8 destas bases respecto do custo elixible do proxecto que vai desenvolver o beneficiario ou as que resulten da normativa aplicable ás axudas concorrentes.

e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto polo Igape e a Xunta de Galicia no caso dos obradoiros e tamén do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no caso das axudas a pemes, segundo o establecido no anexo III a estas bases.

g) No caso de proxectos seleccionados por aplicación do criterio de desempate relativo á implantación dun plan de igualdade, deberá manterse implantado o dito plan durante o período de execución do proxecto e de mantemento dos investimentos previsto no artigo 7.7.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) No caso de non ser capaz de realizar o proxecto para o cal se concedeu a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza da non execución.

j) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL) que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluíndo unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación:

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegar copia escaneada dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou recibo asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o troco empregado.

c) No caso de que o IVE sexa concepto subvencionable (só cando non sexa recuperable para o beneficiario), deberá achegar declaración responsable específica sobre a aplicación do IVE ao gasto de que se trate e o modelo 390 do último exercicio pechado.

d) Memoria técnica de execución do proxecto en que se poña de manifesto a finalización do proxecto subvencionado segundo o establecido no artigo 5.2. No caso de agrupacións de empresas, esta memoria achegaraa a empresa líder.

e) Copia das tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido nos artigos 3.4 e 7.6 das bases reguladoras, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

f) A copia –que permita a súa lectura–, de material onde se aprecie que se cumpriu a obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 19.f) destas bases.

g) Aqueles proxectos de axuda a pemes en que as colaboracións externas superen os 60.000 € e representen máis do 50 % da contía total subvencionable deberán entregar informe dun enxeñeiro colexiado, cualificado no ámbito en que se desenvolva o proxecto e con ausencia de conflito de interese, que se pronuncie sobre a adecuación ao mercado dos prezos aboados polo beneficiario e o efectivo desenvolvemento do proxecto de acordo coa memoria técnica xustificativa e dentro do período de execución. Este informe poderá ser solicitado polo Igape en proxectos que non cumpran esta condición cando a súa especial dificultade técnica o aconselle.

6. O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade nos cales se reflictan os custos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 19.e): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da operación subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 10 para a presentación da documentación complementaria á solicitude. O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

7. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa facenda pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña á consulta ou non preste o consentimento expreso, deberá achegar as certificacións xunto co resto da documentación xustificativa.

8. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, se for o caso, das cantidades previamente aboadas.

9. O Igape poderá aceptar variacións nos diversos conceptos de gasto aprobados, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20 % de cada concepto e que, no seu conxunto, non varíe o importe total de gasto aprobado nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e condicións que fosen tidas en conta para resolver a concesión.

10. Cando o beneficiario da subvención poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención e que poderían dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 18 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada sempre que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte do Igape no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a Lei de subvencións de Galicia.

11. No caso de proxectos colectivos cada peme xustificará os seus gastos conforme o disposto neste artigo, pero o pagamento da axuda queda condicionada á xustificación da realización do proxecto entre as empresas integrantes, o que se fará mediante unha memoria técnica que deberá achegar a empresa líder da agrupación.

Artigo 21. Aboamento das axudas

1. O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do proxecto e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poder+án solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presenta, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

2. Os beneficiarios poderán solicitar anticipos de ata o 50 % do importe da subvención concedida, co límite da anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente, dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. Deberán facer constar se optan por esta modalidade na solicitude de cobramento. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención. Neste suposto exímense os beneficiarios da obriga de constituír garantías, logo da súa autorización polo Consello da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009.

O importe anticipado no 2021 debe xustificarse con gastos realizados na mesma anualidade do anticipo.

Artigo 22. Perda do dereito á subvención e reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na restante normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de reintegrar total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectivo o reintegro a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Cando, como consecuencia de incumprimento parcial, o investimento subvencionable sexa inferior ao 40 % do concedido.

g) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 19 destas bases.

i) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, excepto o permitido no artigo 20.10.

j) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Feder.

k) En proxectos colectivos, que o líder da agrupación non achegue a memoria técnica a que se refire o artigo 20.11 destas bases. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e a todas as pemes beneficiarias.

l) En proxectos colectivos en que non cheguen a participar o 20 % das empresas iniciais da agrupación e o mínimo de dúas. Enténdese por participación unha xustificación de execución que non dea lugar a un incumprimento total. Esta causa de reintegro afectará o proxecto no seu conxunto e a todas as pemes beneficiarias.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tidas en conta na concesión da axuda, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables e, se for o caso, deberanse reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 40 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

b) No caso das axudas ás pemes, se a execución amosa unha desviación sobre o proxecto inicial de maneira tal que o desvirtúe e non exista interconectividade entre empresas, o incumprimento considerarase total.

5. No período de mantemento dos investimentos, nos casos en que se aplique o artigo 7.7 destas bases reguladoras, procederá a incoación dun procedemento de reintegro nos supostos e co alcance que se indica a seguir:

a) Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto ou o plan de igualdade, de acordo co establecido no artigo 19.f) e g) destas bases, suporá o reintegro dun 2 % da subvención concedida.

b) Non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

6. Cada peme participante no proxecto é a responsable da execución e xustificación da subvención individual concedida. O incumprimento total ou parcial da parte dunha peme non afectará nin será causa de incumprimento para as restantes pemes participantes, excepto nos supostos previstos nas letras l) e m) do número 3 anterior.

Artigo 23. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007.

Artigo 24. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento dos proxectos aprobados e do efectivo cumprimento das obrigas e compromisos do beneficiario fixados no artigo 19, e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 25. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación, ou dous anos no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 €, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída. O Igape informará da data de inicio a que se refire esta obriga, de acordo co disposto no artigo 140.1 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será de aplicación o establecido no artigo 60.2 do Decreto 11/2009.

3. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto en:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE L 187, do 26 de xuño).

b) Marco temporal de axudas UE.

c) Marco nacional temporal de axudas.

d) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013).

e) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

f) Na normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

g) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020, modificada pola Orde HAC/114/2021, do 5 de febreiro.

h) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

k) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

l) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

m) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

n) Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

o) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica.

p) O resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Requisitos de comunicación do financiamento público

Obradoiros e axudas do Igape á dixitalización Industria 4.0

Responsabilidade do beneficiario

Obradoiros.

Os obradoiros de dixitalización están financiados polo Igape polo que en todas as medidas de comunicación deben incluírse exclusivamente o logo de Igape e Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia.

A obriga de dar publicidade ao financiamento do Igape os gastos que sexan obxecto de subvención consiste na inclusión da imaxe institucional do Igape e a Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia, así como inscricións relativas ao financiamento público nos folletos, materiais impresos que vaian ser obxecto de difusión alén do uso exclusivo do solicitante, medios electrónicos audiovisuais, convocatorias e difusión de eventos ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación que teñan relación co proxecto subvencionado, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia. Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es

Para dar publicidade ao financiamento atenderase ao establecido no Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia (DOG núm. 227, do 19 de novembro).

Axudas ás pemes.

No caso das axudas ás pemes, ao tratarse de subvencións financiadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia, a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021 e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto e que a actuación está financiada como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se utilizará é o seguinte:

PROXECTO COFINANCIADO POLO IGAPE, A XUNTA DE GALICIA E O FONDO EUROPEO DE DESENVOLVEMENTO REXIONAL DO PROGRAMA OPERATIVO 2014-2020 COMO PARTE DA RESPOSTA DA UE Á PANDEMIA DA COVID-19

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento:

a) Breve descrición no seu sitio de internet, no caso de que dispoña dun, do proxecto, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión, a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021. Para cumprir con este requisito pode incluírse, integrada no espazo web da empresa, a seguinte imaxe:

http://www.igape.es/images/PublicidadComunitaria/FEDER-IG240-Dixitalizacion21.png

b) Para os proxectos subvencionados por importe inferior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar polo menos un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), no cal se mencionará a axuda financeira do Igape, da Xunta de Galicia e da Unión, a marca turística de Galicia e o logotipo do Xacobeo 2021, nun lugar visible para o público, por exemplo, na entrada do edificio. Para proxectos subvencionados por importe igual ou superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un cartel temporal de tamaño significativo nun lugar ben visible para o público durante o prazo de execución do proxecto.

O formato que se deberá utilizar é o seguinte:

missing image file

3. Para proxectos cunha subvención superior a 500.000 €, ademais, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo nun prazo de tres meses a partir da data de finalización do proxecto. O cartel ou a placa indicarán o nome e o obxectivo principal da operación. Prepararanse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión de conformidade co artigo 115, número 4 do Regulamento 1303/2013.

O contido e modelos da placa permanente serán idénticos aos do cartel temporal. Recoméndase a reprodución da placa permanente en material auto-adhesivo para contra-colaxe nunha base de metacrilato ou aceiro pulido, latón ou similar.

Características técnicas para a exhibición do emblema da Unión e referencia ao Fondo

De acordo co establecido no artigo 4 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O emblema da Unión deberá figurar en cor nos sitios web. En todos os demais medios de comunicación, a cor utilizarase sempre que for posible.

2. O emblema será sempre claramente visible e ocupará un lugar destacado. A súa posición e tamaño serán os adecuados á escala do material ou documento empregados. En pequenos artigos de promoción non será obrigatorio facer referencia ao Fondo.

3. Cando o emblema da Unión e a referencia á Unión e ao Fondo correspondente se presenten nun sitio web serán visibles ao chegar ao dito sitio web, na superficie de visión dun dispositivo dixital, sen que o usuario teña que despregar toda a páxina.

4. O nome «Unión Europea» sempre aparecerá sen abreviar. O tipo de letra debe ser: arial, auto, calibri, garamond, trebuchet, tahoma, verdana ou ubuntu. Non se empregará a cursiva, o subliñado nin outros efectos. O corpo do tipo utilizado deberá ser proporcional ao tamaño do emblema e de xeito que non interfira. A cor do tipo será azul reflex, negro ou branco, en función do contexto.

5. Se se exhiben outros logotipos ademais do emblema da Unión, este terá como mínimo o mesmo tamaño, medido en altura e largura, que o maior dos demais logotipos.

Características técnicas das placas fixas e dos carteis publicitarios temporais:

De acordo co establecido no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014:

1. O nome do proxecto, o principal obxectivo desta e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo, deben figurar no cartel temporal a que se refire o anexo XII, sección 2.2, punto 4, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e ocupar polo menos o 25 % do cartel.

2. O nome do proxecto e o principal obxectivo da actividade apoiada por aquel, e o emblema da Unión, xunto cunha referencia á Unión e a referencia ao Fondo, que deben figurar na placa ou cartel permanentes a que se refire o punto 5 da sección 2.2 do anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 ocupará polo menos o 25 % da dita placa ou cartel.

Utilización do logotipo da Unión Europea.

O único logotipo válido é o formado polo emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea situada debaixo del.

missing image file

En toda comunicación relativa a fondos europeos deberase, incorporar, ademais, unha referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Adicionalmente, empregarase o lema «Unha maneira de facer Europa».

missing image file
missing image file

ANEXO V

Lista de IAE correspondentes aos sectores industriais do téxtil-moda, automoción e industria auxiliar do naval

AGRUPACIÓN 36. Construción de vehículos automóbiles e as súas pezas de reposto

Grupo 361: todas as epígrafes

Grupo 362: todas as epígrafes

Grupo 363: todas as epígrafes

AGRUPACIÓN 37. Construción naval, reparación e mantemento de buques

Grupo 371: epígrafes 371.5 y 371.6

AGRUPACIÓN 43. Industria téxtil

Grupo 435: todas as epígrafes

Grupo 436: todas as epígrafes

Grupo 437: todas as epígrafes

Grupo 439: todas as epígrafes

AGRUPACIÓN 44: Industria do coiro

Grupo 442: todas as epígrafes

AGRUPACIÓN 45: Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles

Grupo 451: todas as epígrafes

Grupo 452: todas as epígrafes

Grupo 453

Grupo 454: todas as epígrafes

Grupo 455: todas as epígrafes

Grupo 456: todas as epígrafes

AGRUPACIÓN 49. Outras industrias manufactureiras

Grupo 491: todas as epígrafes