Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 1 de xuño de 2021 Páx. 27058

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

BDNS (Identif.): 566894.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

As pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014), calquera que for a súa forma xurídica, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 5.1.b) das bases.

Para poder solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 5.1.a) das bases, os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que terá que estar constituída polo menos por dúas pemes con centro de traballo en Galicia.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva e teñen por obxecto a posta en marcha de proxectos cuxa finalidade sexa a implantación de solucións para o soporte dixital de procesos dunha empresa ou para proxectos de interconexión dixital de procesos entre unha peme galega e outras empresas ou entre dúas ou máis pemes galegas como poden ser ordes de fabricación distribuída, sistemas de facturación ou procesos entre un líder industrial cara ás pemes que conforman a súa cadea de valor.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos, en que un grupo de empresas (opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Propoñen utilizar e implantar un determinado sistema nas súas interaccións dixitais.

2º. Propoñen a implantación dun sistema de dixitalización, dalgún proceso ou de xestión integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

b) Proxectos individuais en que unha peme aborda unha das seguintes tipoloxías de proxecto:

1º. Desenvolvemento dunha interface dixital para as súas interaccións de negocio, ou adopción/implantación dunha solución de interacción xa existente cos seus clientes ou provedores.

2º. Sistemas de intelixencia artificial, aprendizaxe automática e toma de decisións autónomas, interconexión de elementos físicos e virtuais, tratamento de datos captados (intelixencia de negocio, big data e similares) e ciberseguridade.

3º. Implementación de sistemas encamiñados á dixitalización de procesos concretos ou de xestión integral (ERP, CRM e similares).

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b).

O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 €.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 18 de maio de 2021 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros e das axudas á dixitalización Industria 4.0 para o ano 2021 susceptibles de ser financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG300C).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións na convocatoria da liña IG240 Axudas, aboaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Partida orzamentaria 06.A1.741.A.7700: 450.000 € con cargo ao exercicio 2021 e 6.150.000 € con cargo ao exercicio 2022.

Partida orzamentaria 06.A1.741.A.7810: 50.000 € con cargo ao exercicio 2021 e 350.000 € con cargo ao exercicio 2022.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2021

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica