Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 27 de maio de 2021 Páx. 26387

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 7 de maio de 2021, da Xefatura Territorial de Pontevedra, polo que se dá publicidade á Resolución do 5 de maio de 2021, da directora xeral de Desenvolvemento Rural, que modifica o acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra).

O 5 de maio de 2021 a directora xeral de Desenvolvemento Rural ditou resolución de modificación do acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra), que se transcribe a continuación:

«O acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra) foi aprobado pola dirección xeral de competencia por razón da materia con data do 13 de xuño de 2013, publicado na forma legalmente establecida, e na actualidade encóntrase pendente de firmeza.

Con posterioridade a estes actos, o Concello de Lalín solicitou a cesión da titularidade dos predios para os fins que se indican a continuación:

968

Fins didácticos e culturais

403

Depuradora de augas residuais da parroquia de Vilatuxe

491-1

Depósitos de auga da traída parroquial da zona dos Carballiños

116

Depósitos de auga no lugar de Barciela

828

Equipamento dos veciños

124

Área de descanso e lecer

Vista a proposta da xunta local da zona, a Lei de reforma e desenvolvemento agrario, do 12 de xaneiro de 1973, a disposición transitoria primeira da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, a Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro, a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais disposicións vixentes de aplicación ao caso.

Dados os destinos para os que se solicitan os referidos predios, dos que se entende que son perfectamente subsumibles no suposto recollido no artigo 32 da antedita lei galega, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Modificar o acordo de concentración parcelaria da zona de Vilatuxe (Lalín-Pontevedra), e adxudicar ao Concello de Lalín a titularidade dos predios 968, 403, 491-1, 116, 828 e 12, que causan baixa no Fondo de Terras da zona, para seren destinados aos fins que se recollen na parte expositiva da presente resolución.

2. Transcorridos cinco anos desde a cesión das propiedades, sen que os predios fosen destinados aos fins para os cales son adxudicados, a titularidade dos referidos predios reverterá sobre o Fondo de Terras da zona, o Patrimonio da Comunidade Autónoma, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) ou outra entidade que corresponda, segundo o caso.

3. Ordenar que á presente resolución se lle dea a oportuna publicidade, sen prexuízo da súa notificación ao Concello de Lalín».

Contra esta resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderán interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

Pontevedra, 7 de maio de 2021

Antonio Crespo Iglesias
Xefe territorial de Pontevedra