Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Mércores, 26 de maio de 2021 Páx. 26271

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Oza-Cesuras

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de dotacións para situar un edificio de usos múltiples en Borrifáns.

O Pleno do Concello de Oza-Cesuras, en sesión do 29 de abril de 2021, adoptou, entre outros, o acordo do cal se transcribe a continuación a súa parte dispositiva:

«Primeiro. Aprobar definitivamente o Documento de aprobación definitiva. Plan especial de dotacións para situar un edificio de usos múltiples en Borrifáns. Oza-Cesuras, de abril de 2021, redactado polo arquitecto Isidro López Yáñez, co obxecto de establecer unha dotación pública local cultural, consistente nun edificio de usos múltiples, nunha parcela actualmente municipal de 2.567 m2 de superficie, sita no lugar de Vales, parroquia de Borrifáns, Oza-Cesuras, en terreos clasificados polas Normas subsidiarias de planeamento municipal do antigo municipio de Cesuras –hoxe en día aínda en vigor– como solo non urbanizable común (NU), equivalente ao solo rústico de protección ordinaria da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e identificados como a parcela número 643 do polígono 5 da concentración parcelaria de Borrifáns (que se corresponde coas parcelas de referencia catastral números 15026A034006290000QI e 15026A034006300000QD), ao darse cumprimento nel ás observacións sinaladas nos parágrafos III.3 e III.4 do informe previo favorable do 14 de abril de 2021 da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia.

Segundo. Publicar este acordo de aprobación definitiva do plan especial, no prazo dun mes desde a súa adopción, no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 82.2 da LSG. Igualmente, xunto e este acordo, publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público, así como o extracto elaborado con carácter previo á aprobación do documento.

Terceiro. Unha vez publicado o anuncio no Diario Oficial de Galicia, remitir, de conformidade co establecido no artigo 88 da LSG, á consellería competente en materia de urbanismo (actualmente, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia), un exemplar en soporte dixital do plan especial definitivamente aprobado, con todos os planos e documentos integrantes debidamente dilixenciados polo secretario do concello, facendo constar a dita circunstancia, para os efectos de inscribir o plan especial no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Unha vez inscrito no rexistro o instrumento de planeamento, publicar a normativa no Boletín Oficial da provincia.

Quinto. A eficacia do acto de aprobación definitiva e a entrada en vigor do plan quedan condicionadas ao cumprimento do disposto no artigo 88 da LSG, no capítulo X do título II do RLSG e no 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local».

O acordo de aprobación definitiva notificarase individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales se lles notificou a aprobación inicial deste, de acordo do establecido no artigo 75.1.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

O contido íntegro deste plan especial está á disposición de calquera interesado no enderezo electrónico (https://ozacesuras.sedelectronica.es).

Contra o acordo de aprobación definitiva do citado plan especial, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, con sede na Coruña, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Oza-Cesuras, 19 de maio de 2021

José Pablo González Cacheiro
Alcalde