Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 24 de maio de 2021 Páx. 25537

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2021, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da delimitación do solo de núcleo rural da Mourisca, parroquia de Chaín, no concello de Gondomar (Pontevedra).

O Concello de Gondomar remite documentación da delimitación de solo de núcleo rural (DSNR) da Mourisca para resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o previsto no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizado o proxecto de DSNR redactado pola arquitecta Delia Prado Figueroa en febreiro de 2021; e, vista a proposta da Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Gondomar non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral. O ordenamento xurídico vixente deriva da providencia da alcaldía do día 8.3.2012, na cal se remite á dilixencia da secretaria municipal, que remite aos informes xurídicos da técnica da Administración xeral dos días 15.9.2011 e 20.2.2012 e aos informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo dos días 6.9.2012 e 5.7.2013.

2. Mediante Resolución do 12.12.2016 da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulouse o informe ambiental estratéxico desta delimitación do núcleo rural da Mourisca e resolveuse non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinario (expediente 2016AAE1947 e Diario Oficial de Galicia do 5.1.2017), e consta a achega de informes da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, do 8.11.2016; Instituto de Estudos do Territorio, do 19.10.2016; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, do 4.11.2016 e da Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, do 14.11.2016.

3. A delimitación someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio no DOG do 1.2.2017 e nos xornais Faro de Vigo do 3.2.2017 e La Voz de Galicia do 4.2.2017, notificouse aos titulares catastrais afectados e publicouse no BOP e no BOE a citación aos interesados non localizados; consta que foi presentada unha alegación.

4. O Concello solicitou informe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (consta informe do 20.11.2017); Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (informes do 23.10.2018, 25.6.2019 e 25.5.2020); Augas de Galicia (informe do 16.2.2021); Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe en materia de residuos do 20.10.2017); Instituto de Estudos do Territorio (informe do 24.10.2017); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 23.10.2017); Dirección Xeral de Aviación Civil (informe do 15.1.2018) e á Subdelegación do Goberno (informe do 22.12.2017 e informe da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do 20.12.2017).

Foi solicitado informe da Dirección Xeral de Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, que non achegaron resposta.

5. Constan emitidos informes técnicos municipais favorables do 13.4.2018, 14.11.2018 e 15.7.2020; informe xurídico do 16.4.2018 e informes xurídicos e do secretario de 18.8.2020 e 19.2.2021.

6. A delimitación de solo de núcleo rural da Mourisca foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello en sesión do 19.4.2018. O Concello remitiu o expediente ao órgano competente en materia de urbanismo para resolver sobre a súa aprobación definitiva. Tras os requirimentos realizados e as correccións correspondentes, a delimitación de solo de núcleo rural da Mourisca foi aprobada provisionalmente de novo polo Concello pleno do 3.9.2021 e 25.2.2021.

II. Obxecto da delimitación de solo de núcleo rural.

O documento achegado ten por obxecto o recoñecemento e a delimitación do solo de núcleo rural da Mourisca, na parroquia de Chaín, no municipio de Gondomar. Nel delimítase un ámbito como solo de núcleo rural tradicional, que abrangue unha superficie de 43.469 m2; e o resto como núcleo rural común, cunha superficie de 16.112 m2.

III. Análise e consideracións.

Respecto ás cuestións sinaladas no informe emitido no período de consultas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre sinalar que se lles deu cumprimento. Asemade, incorporáronse os condicionantes derivados dos informes sectoriais emitidos, consta no expediente informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 25.3.2021.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, e en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo de núcleo rural da Mourisca, parroquia de Chaín, no Concello de Gondomar.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2021

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo