Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 19 de maio de 2021 Páx. 24496

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 27 de abril de 2021 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Tui, para o desenvolvemento dos sectores SU-2A e SU-2B.

O Concello de Tui remite a documentación relativa á Modificación puntual referida para a súa aprobación definitiva, conforme o previsto nos artigos 60.13 e 60.16 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG) e os artigos 144.13 e 144.16 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Analizada a documentación achegada, aprobada provisionalmente por acordo do Pleno do día 30.7.2020, e, vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Tui conta cun Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente polo Concello Pleno do 26.1.2011, publicado no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 18.4.2011 e no Diario Oficial de Galicia do 28.1.2011.

I.2. Mediante resolución do 21.9.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o documento de alcance desta Modificación puntual (MP) (expediente 2016AAE1916 e código 1820/2016).

I.3. Constan informes técnicos municipais dos días 22.11.2016 e 29.11.2016; informe xurídico do 2.12.2016; e informe de secretaría do 5.12.2016.

I.4. A Modificación puntual aprobouse inicialmente polo Concello Pleno do 7.12.2016 e foi exposta ao público polo prazo de dous meses, mediante publicación no DOG do 19.1.2017 e no xornal Atlántico o 29.12.2016. Consta certificado da Secretaría municipal do 8.11.2017, das alegacións achegadas nese prazo.

I.5. Segundo o establecido no artigo 60.7 da LSG, foron realizadas as consultas e solicitados informes sectoriais a Augas de Galicia (consta informe do 18.4.2017), Instituto de Estudos do Territorio (informe do 10.4.2017), Dirección Xeral de Enerxía e Minas (informe do 9.2.2017), Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (informe do 13.2.2017), Dirección Xeral de Aviación Civil (informe do 22.3.2017), Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal (informe do 26.7.2017) e Dirección Xeral de Conservación da Natureza (informe do 29.6.2017). Foi recibido tamén o informe requirido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (consta informe do 7.11.2018).

Non foi recibida contestación á solicitude de informe da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Deuse audiencia aos concellos de Gondomar, O Porriño, Salceda de Caselas e Tomiño, sen que se recibise resposta.

Foron solicitados os informes de consulta ambiental previstos no documento de alcance da modificación e foron recibidos os da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, da Deputación de Pontevedra (Acordo da Xunta de Goberno do 10.5.2018) e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (informe do 20.9.2017).

I.6. O Concello de Tui solicitou informe á Subdelegación do Goberno (informes dos días 24.4.2019 e 25.9.2019), Dirección Xeral de Aviación Civil (informe do 22.3.2017), Confederación Hidrográfica Miño-Sil (informe do 27.3.2017), Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información, Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital (informe do 26.1.2017), Deputación de Pontevedra (Acordo da Xunta de Goberno do 10.5.2018), Dirección Xeral de Infraestruturas, do Ministerio de Defensa (informe do 17.5.2019) e Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas (informe do 28.6.2019).

I.7. Mediante Resolución do 2.3.2018 formulouse a declaración ambiental estratéxica da Modificación puntual de Tui dos sectores SU2A e SU2B con ordenación detallada.

I.8. Consta informe técnico municipal favorable do 13.7.2018, informes xurídicos dos días 6.7.2018 e 26.7.2018, informe de Intervención do 2.10.2019 e informe de Secretaría do 26.7.2018.

I.9. O Concello Pleno aproba provisionalmente a Modificación puntual o 1.8.2018.

I.10. Mediante Orde do 17.1.2020 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda resolveu non outorgar aprobación definitiva á Modificación puntal do Plan xeral de ordenación municipal de Tui para o desenvolvemento dos sectores SU-2A e SU-2B, polo que o Concello debe solicitar os informes e redactar os documentos modificados precisos para emendar as deficiencias sinaladas no punto III da orde e, logo dos trámites oportunos, elevaraos ante esta consellería para a súa aprobación definitiva.

No punto III de dita orde, recollíase:

«III.1. As razóns de interese público exixidas no artigo 83.1 da LSG para calquera modificación do planeamento urbanístico xustifícanse na necesidade de establecer axustes que, sen determinar novos criterios na ordenación urbanística do Plan xeral, melloren a ordenación urbanística para o desenvolvemento da zona empresarial prevista no PXOM, ao mesmo tempo que garanten o cumprimento da nova lexislación urbanística e sen incrementar a intensidade edificatoria no ámbito.

III.2. O informe xurídico municipal do 26.7.2018, previo á aprobación provisional do documento e emitido como informe xurídico de legalidade non obstativo, está condicionado á emenda das deficiencias advertidas nel.

III.3. Nos informes sectoriais recollidos non se manifestaron obxeccións ao documento da modificación puntual, mais están condicionados canto a que:

* No informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do 20.9.2017 indícanse aspectos que se deben incluír no documento. Clarexarase o alcance do punto 5 dese informe sobre a exixencia dun informe desa confederación hidrográfica acerca da Modificación do Plan xeral de ordenación municipal de Tui para o desenvolvemento dos sectores SU2A e SU2b.

* No informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 22.3.2017 requírese que no plano 129c “Avaliación de riscos. Servidumes Aeronáuticas”, en lugar dos planos de servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo correspondentes ao plan director, deben incorporarse como planos normativos os planos das servidumes aeronáuticas que se xuntan como anexo I ao seu informe, correspondentes ao Real decreto 2278/1986.

III.4. Respecto á declaración ambiental estratéxica formulada mediante resolución do 2.3.2018, non consta o cumprimento de todas as determinacións propostas».

I.11. Consta informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do 11.3.2020; e solicitude a ese mesmo organismo de autorización de verteduras de augas pluviais remitida o 17.6.2020.

I.12. Constan emitidos informes técnicos favorables os días 27.7.2020 e 29.7.2020; e informes xurídicos os días 17.4.2020, 28.7.2020 e 29.7.2020.

I.13. O Pleno do Concello aproba provisoriamente esta modificación puntual en sesión do 30.7.2020 e remite o expediente para a súa aprobación definitiva, dando así cumprimento aos requirimentos realizados.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxectivo da modificación puntual é a redelimitación e ordenación detallada dos sectores industriais SU-2A e SU-2B, coas seguintes actuacións:

– Modificación da estrutura viaria para garantir un acceso ao sector SU-2A independente do asentamento de Santa Comba. Proxéctase un eixe viario norte-sur que enlaza coa rotonda prevista no tramo da estrada provincial PO-8306 incluído no sector SU-2A.

– Creación dun anel verde no perímetro do sector SU-2A cara ao ZEC Gándaras de Budiño.

– Reaxuste dos espazos libres previstos no bordo do núcleo de Santa Comba, garantindo a banda de protección co solo de núcleo rural de Santa Comba.

– Exclusión do solo urbanizable do parque público EL-75 para a súa inclusión no solo de núcleo rural.

– Reaxuste da liña de edificación das áreas estremeiras coa estrada provincial para incluír unha instalación industrial existente.

O ámbito de actuación ten unha superficie de 180.760 m² e afecta os sectores SU-2A (122.810 m²) e SU-2B (57.950 m²) nos cales o PXOM prevé o desenvolvemento dun parque empresarial. Polo norte e polo leste limita coa Rede Natura 2000 (ZEC Gándaras de Budiño) e co río Louro; ao noroeste discorre o Camiño Portugués de Santiago.

III. Análise e consideracións.

III.1. En relación coas deficiencias sinaladas na Orde do 17.1.2020 da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de non aprobación da modificación puntual, achégase documento asinado por dous dos técnicos redactores onde se xustifican os cambios realizados respecto do documento que non foi aprobado.

III.2. Consta informe da Confederación Hidrográfica Miño-Sil do 11.3.2020 en que se indica que a Modificación puntual conta co oportuno informe favorable dese organismo do 27.3.2017, condicionado á obtención da correspondente autorización de vertedura.

No informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 22.3.2017 indícase que no plano 129c «Avaliación de riscos. Servidumes aeronáuticas», en lugar dos planos de servidumes aeronáuticas do aeroporto de Vigo correspondentes ao plan director, deben incorporarse como planos normativos os planos das servidumes aeronáuticas que se xuntan como anexo I ao seu informe, correspondentes ao Real decreto 2278/1986, sen que consten incorporados no documento aprobado provisionalmente.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60.16, 61.1 e 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG, en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da consellería.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Tui, para o desenvolvemento dos sectores SU-2A e SU-2B, condicionada ao cumprimento das observacións formuladas no punto III.2 desta orde.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda