Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Mércores, 5 de maio de 2021 Páx. 22828

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de San Cibrao das Viñas

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións do polígono P-6.1 da AR-6, no núcleo de Reboredo.

Téndose aprobado definitivamente o seguinte plan especial, publícase para xeral coñecemento e en cumprimento dos artigos 82 e 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e nos artigos 199 e 208 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro:

Tipo

Plan especial

Sector afectado

Polígono P-6.1 da AR-6

Instrumento que desenvolve

PXOM

Motivación

Reordenación das dotacións públicas co obxecto da mellora substancial da ordenación pormenorizada do PXOM

«O Pleno municipal, en sesión extraordinaria do 16 de abril de 2021, adoptou ou seguinte acordo:

Primeiro. Aprobar definitivamente o Plan especial de infraestruturas e dotacións do polígono P-6.1 da AR-6, no núcleo de Reboredo do PXOM de San Cibrao das Viñas, redactado polo equipo redactor IDOM por iniciativa municipal, coas modificacións e condicións resultantes dos informes sectoriais emitidos.

Segundo. Publicar a aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, para os efectos do establecido no artigo 82 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Esta publicación deberá realizarse no prazo dun mes desde a adopción da aprobación definitiva.

Igualmente, xunto á publicación deste acordo publicarase a indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público.

Terceiro. Comunicar o acordo de aprobación definitiva, en virtude do artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, á consellería competente en materia de urbanismo, para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, achegando un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado.

Cuarto. Notificar individualmente a aprobación definitiva do plan especial a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados ás cales xa se lle notificase a súa aprobación inicial, de conformidade co artigo 186.4 do Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado polo Decreto 143/2016, do 22 de setembro».

Con respecto á indicación das medidas adoptadas para o seguimento dos efectos no ambiente da aplicación do plan e a referencia ao enderezo electrónico en que figurará o contido íntegro do plan á disposición do público infórmase do seguinte:

Co fin de garantir a protección do ambiente establécese como un dos requisitos básicos da edificación que os edificios se proxecten de tal forma que non se deteriore o ambiente e de que se consiga un uso racional da enerxía necesaria para a utilización do edificio, mediante o aforro desta e o illamento térmico (Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación-LOE).

O deseño das edificacións, en todo o relativo á eficiencia enerxética e á sustentabilidade, regularanse segundo as determinacións do Código técnico da edificación (CTE), concretamente nas exixencias recollidas no documento básico HE.

Na medida do posible, o deseño dos espazos privados libres de edificación que se incorporen ao proxecto de edificación manterá o arboredo existente naquelas áreas que non coincidan con áreas de circulación no interior da parcela.

Como complemento ás condicións formais que estableza o Plan xeral de San Cibrao das Viñas, marcamos unha serie de puntos para ter en conta ao realizar o proxecto de edificación:

1. Queda prohibido o falseamento dos materiais empregados, os cales se presentarán no seu verdadeiro valor.

2. Consideraranse como fachadas todos os paramentos que dean cerramento ao edificio. Tanto as paredes medianeiras como os paramentos susceptibles de posterior ampliación deberán tratarse como fachada e deben ofrecer calidade de obra terminada, e todas as construcións terán a mesma calidade de deseño e acababamento en todas as súas frontes.

3. Os tratamentos das cubertas e lucernarios deberán considerar a cuberta como unha quinta fachada do edificio, utilizando solucións de cuberta plana transitable ou cuberta tipo xardín que melloren tanto a imaxe do edificio como o aproveitamento da luz natural.

4. Coidaranse no proxecto de edificación a composición, e deseño e a cor dos paramentos exteriores e prohíbese a utilización como vistos de elementos fabricados para seren revestidos e as combinacións agresivas de cor.

5. Os tratamentos dos elementos de seguridade no proxecto de forma unitaria e integrada con carpintaría e fachadas, evitando solucións a posteriori.

6. Os espazos de recuamentos nas parcelas deberán tratarse con vexetación adecuada ou unha urbanización acorde coa calidade xeral do conxunto.

Así mesmo, estará á disposición dos interesados na sede electrónica deste concello [http://sancibrao.sedelectronica.es].

Contra o presente acordo, en aplicación do artigo 112.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que aproba unha disposición de carácter xeral, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da recepción da presente notificación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa. Todo iso sen prexuízo de que se poida interpoñer calquera outro recurso que se considere máis conveniente.

San Cibrao das Viñas, 29 de abril de 2021

Manuel Pedro Fernández Moreiras
Alcalde