Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Venres, 30 de abril de 2021 Páx. 21951

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se somete a información pública aprobación do proxecto sectorial dunha instalación eléctrica no concello de Muras, na provincia de Lugo (expediente IN408A4/2018-AT ).

Para os efectos previstos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia; no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal; na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crea o canon eólico e o fondo de compensación ambiental, sométese a información pública a seguinte solicitude da instalación eléctrica indicada:

Solicitante: Hépotas, S.L.

Solicitude: aprobación do proxecto sectorial da instalación eléctrica que se describe a seguir.

Denominación: liña 132 kV evacuación PE Hépotas.

Concello afectado: Muras.

Características técnicas da liña eléctrica:

• Liña de alta tensión de 132 kV, en aéreo, sobre 5 apoios metálicos de celosía, en simple circuíto, e con condutor LA 180, cunha lonxitude de 1.189 m e cun cable de comunicacións OPGW 48 F. A orixe será na subestación do parque eólico Hépotas, e o final no apoio existente P5 da LAT132 kV Leboreiro I.

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar alegacións no prazo de 30 días a partir do día seguinte ao da última publicación desta resolución, para o cal poden examinar toda a documentación na Dirección Xeral de Enerxía e Minas (Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela) e na Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (rolda da Muralla, 70, 27072 Lugo).

Lugo, 15 de abril de 2021

Gustavo José Casasola de Cabo
Xefe territorial de Lugo