Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 29 de abril de 2021 Páx. 21491

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo

EDICTO (1222/2019).

Eu, Manuel Rodríguez González, letrado da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 4 de Vigo, polo presente,

Anuncio:

No presente procedemento verbal seguido por instancia de Santander Consumer EFC, S.A. fronte a Borja López Crispín pronunciouse sentenza, cuxo encabezamento e sentenza son do teor literal, que é o seguinte:

Sentenza.

Vigo, 12 de febreiro de 2021.

Vistos por min, Manuel Ángel Pereira Costas, maxistrado do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 4 de Vigo, os presentes autos de xuízo verbal que co número 1222/2019 se seguen por instancia de Santander Consumer EFC, S.A., representada pola procuradora Silvia Malagón Loyo e dirixida polo letrado Luis Sanjiao García, contra de Borja López Crispín, declarado en situación de rebeldía procesual, os cales teñen por obxecto unha pretensión de reclamación de cantidade baseada nun contrato de préstamo.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Por escrito do día 10 de decembro de 2019, a procuradora Silvia Malagón Loyo interpuxo, en nome e representación de Santander Consumer Finance, S.A., demanda de xuízo ordinario contra Borja López Crispín, na que, con base nos feitos e fundamentos de dereito que tivo por conveniente alegar, remataba pedindo que fose ditada sentenza pola que condénase o demandado a que lle aboase e polos motivos expresados na demanda a suma de 5.314,42 euros máis os xuros legais sobre o importe de cadanseu recibo impagado desde o día seguinte ao vencemento de cada un ata a data de sentenza, máis os xuros previstos no artigo 576 LAC desde a sentenza ata o completo pagamento e custas á parte demandada.

Segundo. A demanda foi admitida a trámite mediante Decreto do 15 de xullo de 2020, acordándose nel a súa tramitación polos trámites do xuízo verbal, con traslado á parte demandada, emprazándoa para que contestase a demanda no prazo de 10 días.

Terceiro. O demandado deixou transcorrer o prazo concedido para contestar a demanda sen evacuar o trámite, tendo sido por tal motivo declarado en situación de rebeldía procesual, por medio de dilixencia de ordenación do 11 de febreiro de 2021.

Cuarto. Ao non solicitar a demandante a celebración de vista, acordouse naquela mesma resolución deixar os autos conclusos para a sentenza.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Invocando a falta de cumprimento das obrigas asumidas polo demandado no contrato de financiamento para a adquisición de bens mobles de data do 3 de xuño de 2015, pretende a parte demandante que lle sexa aboado o importe da totalidade dos vencementos non atendidos (mensualidades de maio a decembro de 2019, ambas as dúas incluídas, (995,68 euros), así como o da cantidade aprazada aínda pendente de vencemento (4.318,74 euros). Resultando por tal motivo unha cantidade total de 5.314,42 euros.

O demandado deixou de comparecer nas actuacións, tendo sido por tal motivo declarado en situación de rebeldía procesual. No entanto, lonxe de abondar tal circunstancia para dar acollemento á demanda, nin sequera escusará á parte demandante de probar os feitos constitutivos da súa pretensión, así como tampouco de comprobar o seu fundamento. De aí que cumpra determinarmos a procedencia da pretensión demandante, partindo, para tal efecto, do contido do contrato que lle serve de alicerce.

Resultando clara a cualificación do contrato de referencia como de financiamento para a adquisición de bens mobles, cómpre atendermos á regulación contida na Lei 28/1998, do 13 de xullo, de venda a prazos de bens mobles, da que non só resultaría a súa precisa cualificación como contrato de financiamento ao comprador de bens mobles (art. 4), senón tamén a observancia dos requisitos formais establecidos na devandita lei para a súa eficacia (arts. 6 e 7), e a procedencia da pretensión exercitada (artigo 10).

Así as cousas, invocada a falta de pagamento dalgúns dos aprazamentos estipulados, cómpre atendermos tanto á amentada previsión lexislativa, como ao contido da condición xeral 6 do contrato xuntado coa demanda, que habilitan a pretensión de reclamación dos aprazamentos vencidos e do capital aprazado aínda pendente de vencemento. Deste xeito, acreditada cumpridamente a estipulación e perfección do contrato de financiamento mediante a prestación do consentimento por parte do demandado (do cal figura a súa sinatura, que non chegou ser impugnada, ao pé do contrato), toda a cuestión quedou limitada a determinar e avaliar o cumprimento que o demandado lle tería dado ao estipulado.

Verbo deste particular, e invocada a falta de pagamento dos vencementos a partir do mes de maio de 2019 (coa única excepción do de decembro dese mesmo ano), deixa perfecta constancia a documentación xuntada coa demanda do importe e data de vencemento dos respectivos aprazamentos, de tal xeito que, comprobado o efectivo vencemento daqueles, lonxe de corresponderlle á demandante probar a falta de pagamento, as consecuencias da falta de proba do efectivo pagamento unicamente pesarán sobre a parte demandada, consonte a previsión do artigo 217.3 da LAC, por constituír o pagamento o máis claro exemplo de feito extintivo, pesando a carga da proba sobre a parte demandada. De aí que proceda acoller a pretensión de facer efectivos os vencementos non satisfeitos (995,68 euros) e mais os 4.318,74 euros do capital anticipadamente vencido. E, toda vez que veu renunciar a parte demandante a reclamar calquera outro tipo de conceptos que, a xeito de penalización, viñan recollidos na disciplina contractual, folgará efectuar fiscalización ningunha sobre o seu posible carácter abusivo. O cal non habería de impedir, consonte o solicitado pola demandante, ao abeiro do artigo 316.I Ccom, que os importes non satisfeitos reporten o xuro legal desde a mesma data na que se tivo producido o seu respectivo vencemento. A fin de contas, viría tratarse dunha expresa previsión legal, allea á posible fiscalización do seu carácter abusivo. Desde a data da presente sentenza, o xuro moratorio será o legal, incrementado en dous puntos (artigo 756 LAC).

Segundo. Polo que respecta ao pronunciamento relativo ás custas procesuais, procedendo a íntegra estimación da demanda, procederá tamén a condena da parte demandada (artigo 394 LAC).

Decido:

Acollo totalmente a demanda interposta por Santander Consumer Finance, S.A., contra de Borja López Crispín, facendo, en consecuencia, os seguintes pronunciamentos:

1°. Condeno a Borja López Crispín a aboarlle á entidade demandante a cantidade de 5.214,42 euros, correspondentes aos aprazamentos vencidos e non satisfeitos e máis ao capital anticipadamente vencido. A devandita cantidade reportará a indemnización pola demora equivalente ao xuro legal dos cartos, contado desde o día seguinte aos respectivos vencementos. Que será o xuro legal, incrementado en dous puntos, contado desde a data da presente sentenza.

2°. Condeno a Borja López Crispín a pagar as custas do presente proceso.

Notifíquese esta sentencia ás partes, ás que se lle fará saber que esta non é firme e que contra ela poderán interpoñer recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra no prazo de vinte días.

Así o acordo, mando e asino.

E atopándose este demandado, Borja López Crispín, en paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto co fin de que sirva de notificación en forma a este.

Vigo, 23 de febreiro de 2021

O letrado da Administración de xustiza