Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Xoves, 29 de abril de 2021 Páx. 21393

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 69/2021, do 15 de abril, polo que se aproba o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourense da totalidade da rúa da Concordia e do treito da avenida de Buenos Aires situado entre as rúas de Santo Domingo e Ramón Cabanillas.

Segundo o teor do artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ourense solicitada a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade o cambio de titularidade da totalidade da estrada autonómica denominada rúa da Concordia e o treito inicial da avenida de Buenos Aires, entre as rúas de Santo Domingo e Ramón Cabanillas.

Os servizos competentes da Axencia Galega de Infraestruturas informan de que a rúa da Concordia, a avenida de Buenos Aires e a rúa Ponferrada, integrantes da antiga N-120, carecen de funcionalidade dentro da rede autonómica e non ostentan a condición de estradas, formando parte do tecido urbano da cidade de Ourense.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de abril de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Ourense da totalidade da rúa da Concordia e do treito da avenida de Buenos Aires situado entre as rúas de Santo Domingo e Ramón Cabanillas.

Denominación

Coordenadas inicio UTM (ETRS89)

Coordenadas final UTM (ETRS89)

Rúa da Concordia

X= 593.384

Y= 4.688.105

X= 593.641

Y= 4.688.057

Avenida de Buenos Aires

X= 593.648

Y= 4.688.056

X= 593.692

Y= 4.688.026

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ourense deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade ao que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndelle ao Concello de Ourense, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, quince de abril de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade